25/04/2010

Encol da crise: diagnose e alternativas (II)

DIAGNOSE DA CRISE (II)

XOSÉ MANUEL BEIRAS

Artigo tirado deste site.


Concluía o día pasado dicíndovos que estamos mergullados nunha crise sistémica que atinxe á totalidade da estrutura global e a cada unha das suas instancias ou esferas. Despréndese desta aseveración, se concordamos con ela, que a crise maniféstase e opera nos diferentes níveis estruturais do actual sistema-mundo -ou sexa, non só na base económica do sistema: non é só unha crise económica. Compre engadirmos agora que nen sequer se cinxe ao espazo socio-humano abranguido polo sistema mundializado, senón que sobarda os seus lindes e incide na sua contorna "natural": nos ecosistemas que artellan a biosfera do planeta Terra. A crise, xa que logo, reviste ou proxéctase asemade en varias diferentes dimensións. Resulta así unha desconcertante fasquía polimorfa e mutante da crise, como a das imaxes proxectadas polos espellos nun caleidoscopio, que dá a impresión de se tratar dunha serie de crises diferentes e mesmo inconexas -cando en rigor son, insisto, só diferentes níveis nos que opera e dimensións nas que se proxecta unha soa e mesma crise sistémica: a "crise unha e trina" á que irónicamente me teño referido xa nalgunha ocasión, parodiando o enigma teolóxico da trinidade. Mais cómpreme pasar do sarcasmo á necesaria espricación deses fenómenos.


A empezar polo lerio dos niveis estruturais. Vexámolo. O actual sistema-mundo constitue un conglomerado de formacións sociais artellado polo modo de produción capitalista, que ocupa nel unha posición e un rol dominantes. É neste senso no que se pode denominar capitalista ao sistema no seu conxunto, inda que en boa parte do seu espazo e das formacións sociais que o integran esteñan vixentes modos de produción non-capitalistas ou pre-capitalistas -primordialmente na periferia do sistema, mais non só: dende formas de comunismo primitivo en povos indíxenas, sociedades campesiñas con economías de susbsistencia, autoconsumo, troco ou produción simples de mercadurías, até formas socialistas ou de transición, con propiedade colectiva, cooperativa ou mesmo estatal dos medios de produción, e así seguido. En todo caso, para o que nos ocupa, o fenómeno determinante é o rol dominante do modo de produción capitalista, que impón o seu modelo de acumulación e de desenvolvemento a tódolos demáis existentes e ao conxunto de formacións sociais que integran o sistema-mundo. Eis por qué a crise do capitalismo se propaga, con diversas formas e degraos de incidencia, por práticamente tódolos recantos do sistema.
Ora, cada formación social -e portanto o proprio sistema- está estruturada en tres instancias ou níveis cardinais: a económica, a ideolóxica e a xurídico-política. A primeira constitue a "base real" da sociedade; as outras duas son as suas superestruturas. O artellamento das tres require que, entre elas, exista unha necesaria "correspondencia" -é dicir, unha indispensábel congruencia ou compatibilidade entre as suas respeitivas índoles: así, unhas formas feudais de aparellaxe ideolóxica e política son congruentes con relacións de servidume no modo de produción, pero incompatíbeis coas de traballo asalariado proprias do capitalismo, que require forza de traballo "libre" nun "mercado laboral". E outro tanto debe acontecer dentro da base económica, entre a forma e nível de orgaización das forzas produtivas -recursos, forza de traballo e medios de produción- e a das relacións de produción e distribución dos produtos, ou tamén entre a esfera da produción e a da circulación: así, o escravismo nas relacións de produción é incompatíbel co "industrialismo" ou "civilización industrial" na orgaización das forzas produtivas -e por iso, primordialmente, estralou a guerra de secesión nordeamericana, que non o foi por establecer unha igualdade racial que os negros aínda tardarían cen anos en conquerir, malia que os "federais" do norde industrial se abandeirasen coa ideoloxía "abolicionista" como coartada para facérenlles a guerra aos "confederais" do sul escravista. Mais disimulade por este impremeditado excurso peripatético.
Voltándomos ao rego, o caso é que a crise actual enxéndrase e estoura na instancia económica ou "base real" das formacións sociais do centro do sistema, pero, ademáis de esparexerse por todo il, implica e atinxe tamén ás duas instancias superestruturais, tanto a xurídico-polìtica -marco legal e aparello de estado- canto a ideolóxica -como o ideoloxema neo-ultra-liberal e o famoso "pensamento único", cos seus coñecidos mecanismos estupefacientes e de coerción ideolóxica. Instancias que, compre sinalalo, resultan implicadas tanto no impacto e "xestión" da crise dende que estoupa coma tamén xa na sua xénese e "deflagración" . Relembremos por caso, tocantes á instancia ideolóxica, a teimuda e sórdida angueira dos think tanks reaccionários da escola de Hayek e M.Friedman -os "evanxelistas do mercado", en certeira metáfora sarcástica de Keith Dixon- e dos ideólogos da xenocida "doutrina do shock" imperial. E, no que fai á instancia política, a fabricación do "pinochetazo" polo tandem Nixon-Kissinger, a supresión unilateral da convertibilidade do dólar, a imposición de tiránicos reximes militares ou de "transicións á española" -por só darmos mostras dos anos setenta.
Pero non se non trata só da implicación das instancias superestruturais no proceso crítico. O máis relevante é que ese proceso de crise desencadeado na base económica, ao cabo, pon en crise tamén ás superestruturas ideolóxica e política. Non outra cousa é o fracaso e o descrédito do modelo neo-liberal. Tampouco outra cousa é a grave crise de lexitimidade e representatividade "democrática" na que se achan as institucións do chamado "Estado de dereito", ou a demolición do Welfare-state e sustitución do "Estado providencia" polo "Estado penitencia" -en sarcasmo esta vez de Loïc Wacquant no seu lúcido e valente ensaio As prisións da miseria. Na trastenda destes fenómenos está a operarse un proceso que, de proseguir, conduce á crise da xa referida "correspondencia necesária" entre base económica e superestruturas ideolóxica e política -que, por certo, ten como correlativo fenómeno crítico o percibido polo común como "divorcio" entre a "sociedade civil" e o aparello de poder político. Históricamente, se a correspondencia entre base e superestrutura acada o punto límite da creba, ábrese unha transición sistémica de longa duración, na que se "remudan", digámolo así, as tres instancias das formacións sociais, e non só o modo de produción stricto sensu. Na historia europea, a transición do feudalismo ao capitalismo propriamente dito durou cousa de tres séculos (do Renacemento ao "século das luces") -ou inda máis se, como fan os seguidores de Braudel, situarmos o comenzo xa nas florecentes cidades-estado italiáns do XIII-XIV. Mais, en troques, no Xapón durou apenas meio século, só que arrincou moito máis tarde, ben andado xa o s. XIX -como elucidara o grande Paul Baran, hoxe cáseque esquecido.
Eu non son tan ousado como pra diagnosticar que estamos mergullados nunha transición desa caste. Mais si que ouso considerar evidente que o modelo de Estado "democrático" deseñado pola ilustración europea do XVIII e nacido coas subseguintes revolucións liberal-burguesas, o modelo "correspondente" á consolidación e expansión do capitalismo, ese modelo, digo, está obsoleto, deturpado e en proceso de descomposición. De aí que o esteñan tamén a maioría dos reximes políticos instalados no edificio institucional dese mesmo modelo. E tamén concordo con Antoni Domènech cando fala de "re-feudalización" na instancia ideolóxica e boa parte das pezas da xurídico-polìtica -e portanto na sua acción sobre a conciencia social e modos de relación da cidadanía, reconvertida en súbdita, ou "suxeita" por elas. De xeito que as superestruturas das formacións sociais que integran o actual sistema-mundo tamén están en crise. Mais, e qué dicirmos das construídas após a IIª Guerra Mundial para o "goberno" da "comunidade internacional" e o mantemento da paz universal?. Acaso non están en crise a ONU e demáis institucións e orgaísmos correlativos?. Podería a crise sistémica derivar en caos, como está a suceder, se esas superestruturas globais non estivesen en crise tamén elas?
Mais abonda por hoxe. Xa vos decatades que isto ven ser como tirar cereixas dun cesto: saen encerelladas unhas nas outras -e compre parar, sob pena de indixestión.

Nenhum comentário: