MEDO. Sentimento de inquietude que se experimenta ante a presenza, real ou imaxinaria, dun perigo ou tamén gasolina que está a empregar o pensamento único para impoñer os axustes económicos que considera necesarios para perpetuar un modelo económico inxusto en estado de shock (hipovolémico, séptico e cardioxénico). "Non os deixedes sen nada para que teñan medo a perder algo".
FMI, BM, OMC. Organismos internacionais que intentan garantir a estabilidade do sistema monetario e financeiro internacional e regular as normas que marcan a pauta do comercio entre os estados ou tamén organismos internacionais que sen a participación democrática da cidadanía perpetúan roles dentro das crecentes desigualdades e recomendan aos estados a adopción de medidas de nulo poder terapéutico para os máis desfavorecidos. "En plena crise quixemos mudar o sistema e o sistema rematou por mudarnos a nós".
BANCOS. Entidades financeiras que se dedican a comerciar co diñeiro que reciben en depósito dos seus clientes ou tamén entidades financeiras que durante o derradeiro ano foron rescatadas ou apuntaladas con fondos públicos de todos e todas foramos ou non clientes, pechando as liñas de créditos e mantendo beneficios. "Bruxelas propón que os bancos sufraguen futuras crises".
OS MEDIA. Conxunto dos medios de comunicación ou tamén conxunto dos medios de comunicación dependentes do sistema financeiro que, agás excepcións, propagan a boa nova do pensamento único condicionando gobernos e institucionalizando unha nova relixión no eido económico. "Éche o que hai, non che hai outra cousa".
ESTADO DO BENESTAR . Modelo que obriga a un estado a dotar de certos servizos ou garantías sociais ao conxunto dos seus habitantes ou tamén suxeito pasivo sometido polos mercados financeiros á dieta do bañador cos alimentos anteriormente citados baixo o convencemento de que unha perda do seu peso irá en beneficio do sistema. "A historia de como pasar do estado do benestar ao estado policial ou o conto de como ao final, sempre pagan os que menos teñen".
NACIÓNS SEN ESTADO. Comunidades humanas que aínda tendo as características culturais ou identitarias asociadas cunha nación non dispoñen de estado propio ou tamén aquelas nacións que no contexto actual non teñen peso que perder porque xa o adelgazaron todo. "A casa na que viviamos, que xa non era nosa, éntralle auga por todas as partes".
PROGRESIVIDADE FISCAL, ECONOMÍA PRODUTIVA, DEREITOS LABORAIS, SOBERANÍA, SOLIDARIEDADE, PARTICIPACIÓN CIDADÁ, SUSTENTABILIDADE, SERVIZOS PÚBLICOS. Catálogo anatemizado polo pensamento único ou tamén camiños necesarios. "O que está acontecendo coa procesión dos caladiños de determinada esquerda no contexto actual non é un paso atrás para coller impulso".
Nenhum comentário:
Postar um comentário