Os chamados Programas de Axustamento Estrutural fan fundamentalmente referencia ás condicións impostas polo Fondo Monetario Internacional (FMI) –coa inestimábel axuda do Banco Mundial– a un país para darlle respaldo financeiro en forma de axudas –que realmente son créditos a intereses abusivos– para afrontar un problema de pagamentos internacionais (como a débeda) e, deste xeito, non ficar fóra do sistema. Xurdiron a comezos da década de 1980 como resposta das institucións de Bretton Woods á crise da débeda. Sobre o papel tentaban corrixir o que se consideraban excesivos déficit dos orzamentos públicos e das balanzas de pagamentos. Ao cabo, eran en primeiro lugar plans de austeridade. Porén, en segundo e máis importante lugar, os ditos plans de axustamento, co pretexto de eliminar a pobreza e instaurar a democracia, obrigaban a aliñarse coas políticas neoliberais si ou si. Para entrar neles, esixíase o fomento da competencia, o control da inflación reducindo o gasto social, a apertura e liberalización do mercado, a devaluación das moedas locais, a privatización de empresas públicas, a eliminación dos atrancos alfandegueiros á entrada das transnacionais, etc. O resultado foi a desfeita, ambiental e estrutural, de moitos países do Sur, que perderon autonomía, mudaron en dependentes do sistema financeiro internacional e caeron mergullados na eterna débeda externa, mais tamén no aumento do desemprego, da violencia e da pobreza provocada por este primario piar daquel Consenso de Wáshington que foi cruelmente ensaiado por vez primeira no Chile de Pinochet, baixo a batuta dos trstemente famosos Chicago Boys. África, e especialmente América Latina, teñen xa que logo sobrada experiencia no que falamos.
Os PIGS, novo laboratorio neoliberal
Os plans de axustamento estrutural parecen agora chegar a Europa da man, novamente, do FMI, que nunca se viu en tal. De denostado e case en quebra hai tres anos –moitos países, entre eles Brasil, saldaran as súas débedas co FMI para librarse das súas poutas– pasou a se facer cunha das economías máis poderosas do mundo.
A antidemocrática entidade financeira internacional está entre as principais causantes da crise financeira global, mais paradoxalmente foi lexitimada polo G20 –que á súa vez non ten lexitimidade algunha (en Nacións Unidas hai máis de 190 Estados)– para mudar en solucionador global. O raposo no galiñeiro. Grecia será a primeira damnificada, e os seus cidadáns e cidadás caeran na depresión con ela. Como di Tom Kucharz, de Ecologistas en Acción: “O plan de rescate someterá á poboación a fortísimos axustamentos orzamentarios e limitará a soberanía helena con draconianas medidas económicas impostas pola UE, máis aló do xa duro Pacto de Estabilidade e Crecemento”. Claro que despois lle seguirán Irlanda, Portugal, España…, conxunto de países que na Unión Europea son coñecidos desprezativamente como PIGS, ou porcos.
O neoliberalismo é insaciábel, de xeito que Europa comeza a beber da súa propia menciña, malia que non son precisamente os seus habitantes máis poderosos a quen se lle expenden as receitas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário