09/07/2010

Lidia Senra: "A situación do sector leiteiro é crítica en todas partes". " Os produtores están desaparecendo".

* Entrevista en Xornal.
Os perentorios problemas do sector lácteo en Europa e as medidas adoptadas respecto diso pola UE son os dous motivos principais que levarán a Lida Senra, Secretaria de Organización do Sindicato Labrego Galego (SLG), a Bruxelas o vindeiro luns 18. Desde o sindicato quérese aproveitar a oportunidade que presenta a celebración do debate, por parte do Consello Agrícola da UE, sobre as conclusións extraídas polo Grupo de Alto Nivel (GAN) para a crise do sector lácteo, coas que non está de acordo a organización.
Cal será a axenda para o próximo día 18?
Do que se trata é de pór de manifesto, diante do Consello Agrícola, o noso desacordo coas medidas que propón o GAN, porque non profundan no problema real e actual do sector lácteo, que é a cuestión do dereito ao control da produción. A proposta do Consello e a Comisión é camiñar cara a un escenario de liberalización do mercado lácteo, onde se suprimiría todo tipo de control de produción, e non estamos dacordo con iso. Por este motivo teremos, entre outras cousas, unha entrevista coa ministra de agricultura de Bél-xica, ata agora presidenta do Consello Agrícola da UE, onde presentaremos as nosas peticións.
Como se podería resumir a súa proposta?
Primeiro, hai que establecer unha política láctea pública que contemple o control de produción a nivel europeo e que os volumes de produción estean regulados en función da demanda. Tamén é necesario establecer prezos mínimos que cubran os custos de produción e traballar nuns modos de produción sustentable en base á terra e fomentar as forraxes a nivel das comarcas de produción. Finalmente, sería necesario parar o dumping. Non é normal que a UE siga exportando leite con subvencións públicas por baixo dos custos de produción arruinando os produtores á conta de conseguir materia prima barata. O fracaso ao que nos queren levar coas propostas do GAN xa está contrastado en Suíza, que abandonou o control e entrou nun sistema de liberalización e agora estase vendo alí unha crise genereralizada que nunca antes se viviu.
Cal é a situación actual na que se atopa Galicia?
Os produtores galegos están nunha crise moi similar á doutros países da Unión Europa. Os prezos son baixos en todas partes e o futuro está no cambio da política. Eu creo que no marco galego hai diferenzas , porque, menos en Francia, o mercado de cotas estaba autorizado en todas partes e había compravenda de cotas. No noso caso, estamos nunha situación onde houbo moito investimento e moito endebedamento. Eu creo que, neste momento, os produtores están desaparecendo, aínda que poden ter vantaxe nas zonas onde aínda se mantén a produción atendendo á terra, as praderías, as forraxes... Pero a situación é crítica en todas partes, como desmostran as grandes manifestacións europeas que que hai no sector desde mediados de 2008 e, sobre todo, desde 2009.
Que futuro lle espera ao sector?
Eu quero facer unha chamada aos eurodiputados galegos e do resto do Estado español para que sexan responsables e boten abaixo a política láctea proposta pola Comisión europea e aprobada polo Consello, na que se prescinde do sistema de control da produccion en 2015. Estou convencida de que se esta política sae adiante non van quedar pequenos produtores e vaise dar un traspaso da produción cara ás grandes industrias e explotacións industriais cos impactos que vai ter a nivel social e industrial. De feito, estas consecuencias xa se poden ver en Estados Unidos e nalgunhas zonas da UE.

Nenhum comentário: