I. A doutrina dos "dous mundos" (I)
Ando un algo entristecido por todo o que está a acontecer arredor de nós. Para vencer o desánimo, teimo en tentar comprendelo. Estou na biblioteca. Hoxe fixo unha calor do demo, mais o día vai ao cabo cara o solpor, e estes muros de dobre folla das casas petruciais son unha bendición con este tempo. Remexo nos meus libros, e revisito a Domènech* na procura da sua lucidez. Leo: "E mentras que, na tradición política da democracia social revolucionaria de Marx e Engels no 1848, a tarefa asignada á clase obreira industrial era encabezar o movemento do dêmos todo, de tódolos dominados na "sociedade civil moderna", e de tódolos sometidos ao despotismo monárquico vello-europeu, en troques, o xeito en que a socialdemocracia do derradeiro terzo do XIX se inseríu na nova sociedade civil crebada, e maormente o seu ideoloxema central dos "dous mundos", contribuíu sen dúbida a isolar á clase obreira industrial do resto do povo traballador, e a incapacitala para ofrecer ao conxunto da sociedade unha alternativa emancipatoria realista e críbel á "forma capitalista" da industrialización. A vella idea lassallián de que, fronte á clase obreira, tódalas outras non forman máis ca unha "masa reaccionária", ameazaba convirtírese nunha tráxica profecía que teimudamente laboraba a prol do seu proprio cumplimento".
A conversión en "tráxica profecía" á que, con aceda ironía, se refire Domènech, consumaríase, primeiro, co fracaso das revolucións obreiras -con modelo bolchevique- subseguintes á guerra do 14-18 na Europa central e oucidental e, máis logo, coa absorción polos fascismos emerxentes de boa parte das clases "populares" que, en principio, constituían aliados potenciais do proletariado industrial fronte á grande burguesía e o capital monopolista -e que, en boa lóxica, deberían terse posicionado da banda da clase obreira estrita... se ésta non as tivese botado en brazos dos seus inimigos de clase, mesmamente. Eis o adverso resultado e tráxicas consecuencias da doutrina dos "dous mundos". Mais compre comezarmos polo principio e espricar un par de nocións para desenlearmos este enguedello.
Comecemos, logo, pola expresión "sociedade civil crebada" -ou "fendida". O bloque revolucionario francés do 1789 foino o tiers état, o "terceiro estado" na estrutura das sociedades do Antigo Rexime -é dicir, o que non era nen a nobreza nen as xerarquías eclesiásticas, senón as clases "populares". Mais nese bloque coexistían dous segmentos ben distintos: a emerxente burguesía e o resto, ou sexa, a heteroxénea base popular estrita, dende o campesiñado ou os artesáns até o "proletariado" urbán e os desposuídos -la canaille e os sans culottes.
Esa era mesmamente a base popular da esquerda ou avangarda revolucionaria, a dos montagnards de Robespierre, que invocaba a fraternidade como lema dunha democracia horizontal republicana. O seu ideario postulaba a construción dunha "sociedade civil nova, fogar de confraternización democrática onde as vellas barreiras de clase e máis tódolos privilexios puidesen ser derrubados". Con tal ideario, esa base popular -equivalente das "camadas populares" do nacionalismo galego frentista- "constituíuse políticamente en "cuarto estado", políticamente independizado do "terceiro"". E sinala Domènech: " "Emanciparse" chegou daquela a siñificar, para as bases populares, "irmanarse" horizontalmente, sen barreiras verticalmente dispostas. Emancipados da tutela do señor ou do patrón, non só podíase ser "irmán" de tódolos "menores" que compartían a cotianeidade baixo a mesma dominación patriarcal-patrimonial, senón que se podía chegar a ser tamén irmán emancipado de tódolos que estaban baixo a tutela e a dominación doutros patróns. A segmentación señorial da vida social europea no Antigo Rexime atrancaba a relación horizontal da base popular. Derrubado ese rexime, tódolos individuos pertencentes ás clases domésticas e subalternas, antes fragmentadas en gremios de oficios, xurisdicións, dominios e proteitorados señoriais ou eclesiásticos, uniríanse, fundiríanse como irmáns emancipados que só recoñecerían un proxenitor: a nación, a patria".
Mais, ben axiña, a involución encetada co famoso golpe de "termidor" empoleirou no poder á burguesía, e o subseguinte período napoleónico deixou en herdanza "a realidade dunha sociedade civil burguesa clásica". Os desposuídos, ou sexa, carentes de meios económicos proprios -de "propriedade"- e que comezan a chamarse "proletarios", fican xurídicamente excluídos da "lei civil" no que resultaba primordial para iles: as relacións de produción na "empresa" burguesa. "A "liberdade económica", ou a "liberdade industrial", ou a "liberdade de empresa" -recibíu todos eses nomes- só tiña a aparencia de "lei civil": en realidade, era unha nova "lei de familia", que herdaba institucionalmente, adaptándoo funcionalmente ás modernas condicións da incipiente sociedade capitalista industrial, o inveterado autoritarismo dun oikos, dun domus ou dun dominio señorial. (...) a plena liberdade de contrato napoleónica, ao excluir da "lei civil" á incipiente empresa privada capitalista, construíaa xurídicamente, de esguello, como unha institución social na que o poder exercíase de xeito absolutista polo proprietario ou os seus axentes, como un ámbito desleixado a unha vellísima "lei de familia" ". De modo que, no seo do proprio "cuarto estado", encétase un proceso sociolóxico constantemente acelerado de disociación, decantación e polarización: emerxe o "proletariado" propriamente dito, a clase dos traballadores asalariados, a clase obreira industrial, que vai medrar como mancha de aceite e polarizar progresivamente a estrutura das "clases populares", por mor da industrialización combinada coa crecente proletarización dos outros segmentos dese conxunto inicialmente "equilibrado" na sua heteroxeneidade. Esa metamorfose tende a polarizar á sua vez as contradicións de clase arredor da configurada polos polos antagónicos do capital e a forza de traballo asalariada: é o proceso de xestación dunha "sociedade civil crebada" ou "fendida" pola divisoria desa contradición principal.
Ora, por riba, no nivel político, os desposuídos do primeirizo "cuarto estado" tamén fican excluídos da "lei política". O inaugural "sufraxio universal" do período revolucionario -que inda así non o era cabalmente, porque non chegou a abranguer ás mulleres, malia o propósito dos "montagnards"- fica abolido con base na perversamente raposeira distinción antre cidadáns "activos" e "pasivos" imposta pola burguesía trunfante dende "termidor". Non pode demoucar a Declaración dos Droits de l"Homme que transmuta aos "súbditos" en "cidadáns" titulares da soberanía política e decláraos iguais nesa titularidade. Mais a perversa raposería consiste en manter que tódolos cidadáns son titulares de cadansúa alícuota de soberanía, mais só algúns terán o dereito de exercela meiante o voto: só aquiles -vaia casualidade!- que dispoñan de meios proprios de subsistencia, que non dependan doutros cidadáns para térenos -en prata, só aquiles que sexan proprietarios. A propriedade privada de meios económicos convírtese así en condición indispensábel para exercer o dereito político fundamental: elixir representantes democráticos. Constitúese así a democracia "liberal" burguesa, a "democracia dos proprietarios". O "cuarto estado" fica excluído da "lei política", e igualmente exluído ficará, claro está, o emerxente proletariado malia o seu constante medre en dimensión e a sua conversión en polo cardinal da loita de clases: tardará perto dun século en re-establecerse o "sufraxio universal"... masculino -as mulleres terán que loitar meio século máis para conquerilo.
Eis os vectores primordiais da xénese dunha sociedade civil fendida, como realidade antitética do modelo de "nova sociedade civil" concebida como "fogar de confraternización democrática" pola esquerda do bloque revolucionario francés de 1789-94. No entanto, ese modelo inda vai orientar os estoupidos revolucionarios da primeira metade do XIX -como a do 1830 contra o absolutismo do Charles X francés. Inclusive a fase inicial da revolución de 1848 e o goberno provisorio no que Louis Blanc inda tenta artellar o conxunto do "terceiro estado" -e fracasa: como é sabido, o desenlace é nada menos que Napoleón III e o II Imperio. De aí á Comuna de Paris de 1870 vaise consumar a definitiva "creba da sociedade civil postrevolucionaria", e polarizarse a dialética antagónica antre clase obreira e grande burguesía industriais. E velaí que vai emerxer -só que en Alemaña, e non en Franza- a doutrina dos "dous mundos". Falaremos diso na vindeira prédica dominical, ou?
*Antoni Domènech, El eclipse de la fraternidad, ed. Crítica, 2004. Permítome tomar esa excepcional obra, "sen permiso" do seu autor, como fío condutor das miñas proprias matinacións neste artigo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário