15/08/2010

II... (A doutrina dos dous mundos) no actual nacionalismo galego (I).

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).


Cando se tratar dun proceso de emancipación nacional, o problema do suxeito protagonista e das alianzas precisas para acadárese o trunfo -problema do que o ideoloxema dos "dous mundos", nas loitas pola revolución social, víramos que resultou ser unha vía de solución errada- plantéxase en duas dimensións ou, se preferides, proxéctase en dous eixos de coordenadas diferentes que compre combinar con acerto.
Nefeito -vexámolo. Neste caso, o suxeito éo o povo que constitue unha nación negada. Xa que logo, un povo ao que se lle nega a sua identidade sociopolítica como nación e, pola mesma, o seu caráiter e o seu rol de suxeito colectivo de soberanía política democrática: un povo, daquela, desposuído dos seus dereitos e liberdades democráticas nacionais. Esas negación e desposesión implican un fenómeno político de opresión ou asoballamento antidemocrático, contra o que o povo se rebela desque acada consciencia dil: "Da Terra asoballada", no poemario nacionalista emancipador de Ramón Cabanillas. O aparello político de poder alleo a ese povo, o que exerce a negación da sua identidade e a desposesión dos seus dereitos nacionais, o aparello de Estado opresor que couta as suas liberdades nacionais, constitue o antagonista na loita dese povo por se emancipar, por se autodeterminar: eis a primeira e primordial dimensión do conflito, o eixo da contradición nacional.
No entanto, nen na asunción á consciencia da propria identidade nacional negada, nen -inda menos- na posta en marcha do movemento emancipador adoita participar, cando menos de primeiras, o povo enteiro: do contrario, a situación de opresión non podería pasar de ser un accidente histórico efémero, e a re-conquista das liberdades nacionais resultaría imediata. As conflitivas "custións nacionais" xurdidas nos últimos douscentos anos da Historia -non só da europea- adoitan constituir re-nacementos das consciencias identitarias subseguintes a longos períodos históricos de opresión nacional, moitas veces asociados a situacións de sometemento colonial típico ou atípico, e á sua vez precedidos de cruentos procesos previos de "doma e castración", ou sexa, de perda da soberanía e destrución das institucións políticas -e culturais- proprias dos povos-nacións asoballados por estados ou imperios que os enguliron no seu voraz estómago político.
Eses procesos de deglución levaron aparellados fenómenos de alienación identitaria de diversa intensidade, fracturas sociais e ideolóxicas internas derivadas da ocupación política polo invasor, e até perda ou erradicación da memoria histórica peculiar. No caso da Galiza -hoxe é ben sabido- o proceso de decapitación política acontece nos s. XIV e XV, e o subseguinte "sono" da consciencia "nacional" dura até o XIX. De xeito que, cando esa "consciencia nacional" acorda, cando a nación "esperta do seu sono", ese espertar non abranxe ao povo enteiro: comeza por prendérense as luces, e logo os lumes, en focos determinados, e de variábel intensidade e dimensión, do espazo social da nación. Configúrase así un espazo socio-ideolóxico polarizado arredor da contradición nacional: no caso galego, a bipolaridade antitética resultante vai ter a sua expresión ideolóxica máis simplificada nos termos "nacionalismo versus españolismo". E a potencia, dinamismo e dimensión relativa do espazo nacionalista, en proporción á dimensión demográfica global da sociedade, van condicionar, en cada caso, a formulación ideolóxico-política e máis a estratexia socio-política do movemento de emancipación nacional: velaí o eixo de coordenadas no que pode acontecer que xurda unha versión da doutrina dos "dous mundos" traducida nos termos da dialética da contradición nacional.
Mais, por outra banda, ese povo que encarna o suxeito histórico da nación negada en loita por se emancipar, non é unha realidade social uniforme nen sequer homoxénea. Constitue unha sociedade e, pola mesma, está estruturada en clases ou "grupos de estatus" -se preferides as nocións maxweberiáns. Ou sexa, en grupos sociais con distintas posicións e intereses nas relacións económicas, mesmo antagónicos no seu caso, e diversas ideoloxías e até culturas. Cada un diles está situado en distintos "pontos de vista" e dispón de diferentes lentes ou prismas para a contemplación do conxunto da sociedade: ten diferentes "cosmovisións". Xa que logo, cada un diles, percebe e concibe de diferente maneira o seu proprio "país" e a problemática que implica en canto tal. Mesmo os que coinciden en concebila como a sua nación, apréixana de diferente maneira. E cando coinciden tamén en arelar a emancipación nacional, traducen esa arela común en proxecións ideolóxicas e estratéxicas peculiares e, portanto, distintas: resultan así proxectos de emancipación nacional con diferentes contidos de clase. Veleiquí, logo, a segunda dimensión, o segundo eixo de coordenadas no que se plantexa ou proxecta o problema do suxeito protagonista e das alianzas -de clase- precisas para a autodeterminación, para a condución e o trunfo do proceso de emancipación nacional: é o eixo das contradicións de clase internas á nación asoballada -e tamén eiquí está ao axexo, espreitante, a proxeción transmutada do ideoloxema dos "dous mundos".
Segundo sexan, por unha banda, a estrutura interna da sociedade e, pola outra, as condicións sociopolíticas da contorna de cada nación negada, no intre histórico no que se activa o seu proceso de emancipación, así será diferente o feitío característico desa "custión nacional" resultante de combinar a sua proxeción nos dous eixos de coordenadas devanditos, nas duas ordes de contradicións dialéticas nas que se desenvolve ese proceso: a nacional co poder opresor externo e as internas antre os grupos e clases sociais. O suxeito da contradición nacional -do conflito co Estado asoballador- seráo en todo caso o povo titular da soberanía negada. Mais tanto o liderado do proceso como a fórmula de alianzas internas, ou sexa, as duas claves primordiais pra que o movemento emancipador acade a hexemonía "no seo do povo", dependerá en cada caso da estrutura de clases correlativa ao feitío económico, cultural e ideolóxico desa realidade nacional, e máis da dimensión que teña a asunción desa identidade na conciencia social dese povo. E inda logo, a partir de aí, a dinámica do movemento dependerá tamén do contexto externo e, nomeadamente, da índole e circunstancias políticas do poder e aparello de estado opresores. A partida, xa que logo, xógase nos dous eixos de coordenadas xa referidos. O panorama dos últimos dous séculos ofrécenos todo un repertorio de mostras diferentes, nos contextos históricos do dezanove e do vinte, na vella Europa e nos "novos mundos", no centro e na periferia do sistema, na descomposición de arcaicos reximes imperiais ou estatais europeus e na implosión de conglomerados coloniais. Mostras tamén de procesos emancipadores trunfantes, doutros abortados ou aletargados, e máis inda doutros aínda hoxe non culminados.
Mais, en todo caso, o problema crucial estriba en que o movemento emancipador acade a hexemonía no interior da nación asoballada. Sexa porque o seu proxecto chega a abranxer á maioría social, sexa porque o suscreben os sectores -clases ou "grupos de estatus"- máis dinámicos da sociedade, capaces de constituírense nun "bloque histórico" -motor e referente que suscita un "consentemento colectivo", unha asunción do seu proxecto alén os lindes do seu proprio espazo social e ideolóxico peculiar e xenuino. Eis a clave. Ora, o contrario desa capacidade sóno os reducionismos, tanto os sociais -como confinarse nos intereses corporativos do grupo- canto os ideolóxicos -como o economicismo, o chovinismo ou o mesianismo. E velaí mesmamente onde volve axexar, espreitante, o perigo desa modalidade de reducionismo que é o ideoloxema dos "dous mundos": con resultados tan frustrantes para os procesos de emancipación nacional coma os que históricamente tivo para as estratexias da revolución social.

Nenhum comentário: