09/08/2010

“Neste momento o que se precisa é a superación do neoliberalismo”

Emir Sader, artigo traducido para o galego pola CIG e tirado de aqui.

As transformacións introducidas polo neoliberalismo como a fragmentación social e o modelo norteamericano de vida dominante, representan obstáculos que só poderán ser vencidos nunha longa e profunda loita política e ideolóxica, para volver colocar o socialismo á orde do día.

ENTRE A INTEGRACIÓN REXIONAL E OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO

O fracaso rotundo do neoliberalismo trouxo consigo a reconfiguración do suxeito político en América Latina?
Aínda non, malia que abriu camiño a un novo campo de forzas antineoliberais que ten configuracións distintas conforme cada país. Eu diría que a liña divisoria en América Latina non é entre esquerda boa e esquerda mala como sostén a dereita, senón entre os que asinaron tratados de libre comercio e os que están pola integración rexional; entre os que privilexian o axuste fiscal e os que están polas políticas sociais. Este segundo campo é o antineoliberal. Uns de forma máis radical e outros de forma máis moderada pero ese é o novo espazo delimitado polo fracaso do neoliberalismo. Un conxunto de forzas que van de países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Paraguai, Salvador, até Venezuela, Ecuador e Bolivia que teñen en común a lexitimación das políticas sociais e o privilexio do proceso de integración rexional, vía UNSAUR, Mercosur, Banco do Sur, o gasoduto continental, o Consello Sudamericano de Defensa, sen configurar aínda novos suxeitos claros.
Hai posibilidade de consolidar un suxeito político nestes países que vostede menciona?
É difícil pola heteroxeneidade que o neoliberalismo profundou en América Latina que un suxeito poida unificar ou homoxeneizar agás en casos particulares como en Bolivia co movemento indíxena. En Ecuador fálase de movemento cidadán que é un conxunto de forzas diversas que son antineoliberais. O movemento bolivariano en Venezuela remítenos a un suxeito específico. Eu coido que se vai unificar unha plataforma de alianzas ou un bloque de forzas antineoliberais nos que estarán forzas históricas como o movemento sindical, o movemento campesiño e o movemento indíxena, pero a forma que asumirá e a autonomía de organización vai depender da configuración de cada formación social a nivel nacional.
Como analiza o proceso de integración en América Latina? É optimista respecto diso?
É positivo no sentido de que os gobernos progresistas de América Latina procuran contribuír a construír un mundo multipolar, esfarelando a hexemonía imperial norteamericana. En segundo lugar, a crise do capitalismo demostrou os beneficios que ten para un país como Brasil, a integración rexional, e outro como México que ten un TLC con Estados Unidos, en virtude do cal o seu comercio internacional depende nun 90% desta potencia, e polo tanto vénselle unha época prolongada de dificultades enormes. Brasil e outros países como Ecuador e Bolivia puideron saír da crise, primeiro pola diversificación do comercio internacional. O principal socio de Brasil é China, xa non é Estados Unidos; en segundo lugar, pola intensificación do comercio interrexional. O papel de China na reactivación económica está claro. E en terceiro lugar, polo aumento extraordinario do mercado interno do consumo popular. Mesmo durante a crise, estes países con gobernos progresistas non diminuíron as políticas sociais, aumentouse o poder adquisitivo dos salarios, e por primeira vez nestas nacións non foron os máis pobres os que terminaron pagando o peso máis duro dunha crise e lograron saír dela. Isto demostra que a integración rexional é un camiño mesmo pragmaticamente eficiente. En contraste, en países como Perú, Colombia e México seguen deteriorándose os seus índices sociais e pagaron un prezo máis caro pola crise que os países que apostan pola integración.
Non é un oportunismo que tras a desfeita que xerou o neoliberalismo na crise mundial do capitalismo, os seus defensores acudan ao Estado para atopar a súa salvación?
Sempre foi así. En momentos de crise usan o argumento de que o Estado ten que intervir, coma se fose unha cirurxía, pero despois de que intervén, o organismo segue funcionando igual. Non é unha idea de intervención dura, estrutural, simplemente é conxuntural e episódica para que o mercado poida volver funcionar, aínda que nunca será nas condicións que propugnaban antes. A crise é unha oportunidade pero o grave é que a usan para recomporse e o sur do mundo non ten un proxecto propio.
A crise do capitalismo é sistémica, pero non se ve unha alternativa de modelo económico á vista?
O problema maior da humanidade hoxe é que mentres o capitalismo evidencia as súas contradicións e os seus límites, os factores de construción do anticapitalismo e do socialismo tamén sufriron un retroceso brutal. Entramos nun período de hexemonía unipolar no que o socialismo desapareceu da axenda mundial coa caída do muro de Berlín, entón non hai que crer que é posíbel unha solución anticapitalista no inmediato. As transformacións introducidas polo neoliberalismo como a fragmentación social e o modelo norteamericano de vida dominante, representan obstáculos que só poderán ser vencidos nunha longa e profunda loita política e ideolóxica, para volver colocar o socialismo á orde do día. O que se abre é un período longo de inestabilidade, de disputa hexemónica, aínda que é certo que o modelo neoliberal está esgotado. Neste momento o que se precisa é a superación do neoliberalismo, na medida en que se logre con desmercantilización, con creación de espazos para recuperar os dereitos sociais, estarase avanzando nun proceso anticapitalista.

O DEBILITAMENTO DE ESTADOS UNIDOS

Falemos de seguridade hemisférica. Cal é o transfondo na súa opinión para que o goberno de Colombia posibilite a utilización de polo menos sete bases militares ao Comando Sur de Estados Unidos?
En primeiro termo hai que dicir que é un tema que vai máis aló do os problemas internos de Colombia. A presenza norteamericana con bases militares deste país obedece ao debilitamento político de Estados Unidos en América Latina no político, máis aló do tema do conflito colombiano. Esa presenza afecta non só a Venezuela e Ecuador senón ao conxunto da rexión. Brasil ve con receo esta situación porque ten amplas reservas naturais particularmente na Amazonia que son ambicionadas por Estados Unidos.
Como analiza a consolidación dos enclaves da a dereita en América Latina como Colombia, México, Perú, Chile e Honduras?
Coido que os gobernos progresistas que se manteñen como en Uruguai, Bolivia, Ecuador, Venezuela, a sucesión de Lula que é moi probábel que sexa favorábel á esquerda en Brasil, van configurar un pouco a fisionomía destes países na metade do século XXI e á vez van significar unha derrota moi dura para a nova xeración da dereita posto que se abre un espazo de crecemento e de avance no proceso de romper o modelo. O soño norteamericano sempre foi unir Brasil con Chile a través dunha liña dereitista e o goberno de Piñera é un enclave que dificulta as alianzas na rexión. Penso que a política norteamericana en América Latina está dirixida a crebar a unidade dos gobernos progresistas moderados e radicais. A forza do goberno de Lula dalgún xeito axuda a dar músculo político a estes gobernos de esquerda, por iso as eleccións máis importantes da rexión serán as do Brasil, porque o que está en xogo é a consolidación dunha transformación continental posneoliberal. A miña impresión é que Dilma Roussef gañará grazas ao apoio de Lula, que posúe un discurso que desarma a oposición. A dereita carece dun proxecto propio para Latinoamérica, pero ten poder de veto pola súa hexemonía no capital financeiro e polo control dos medios de comunicación, ademais, ten dificultades, non sabe con que pezas vai contar.

COLOMBIA E MÉXICO OS MAIORES DESASTRES DE AMÉRICA LATINA

Pero non se pode subestimar a fortaleza da dereita en Colombia e en México?
Eu coido que Colombia e México son os maiores desastres de América Latina. En México a economía decrece e a situación social deteriórase. En Colombia e Perú non se se é igual ou peor, o que se observa é que aínda que nestes países a economía crece, a situación social empeora.
Un dos atrancos para o pensamento emancipador e os sectores de esquerda é a manipulación mediática, "a arma da palabra", como vostede sinalou. Non foi posíbel democratizar os medios de comunicación nos países con gobernos progresistas. Esa é unha tarefa pendente?
No caso de Brasil que é o que coñezo mellor hai tres temas pendentes: hexemonía do capital financeiro, modelo de agronegocios e ditadura dos medios de comunicación privados. Sobre o terceiro tema obxecto da pregunta, penso que é un dos máis graves porque non haberá democracia sen unha opinión pública formada e a esquerda non ten aínda un modelo. O tema, con todo está proposto, xa hai unha lei en Arxentina; en Brasil convocouse unha conferencia sobre telecomunicacións por primeira vez; a división en América Latina é moi clara: a dereita está agrupada ao redor do monopolio dos medios de comunicación e o pobo que vota por políticas sociais. Por iso no caso brasileiro un xornalista cando foron derrotados el e o xornal onde traballaba nas eleccións presidenciais de 2006, acuñou a seguinte a frase: "o pobo derrotou a opinión pública". Probabelmente o modelo vai ser un que combine fortalecemento de medios públicos con medios alternativos e comunitarios. Hai que crebar ese dereito privado inxustificado dalgunhas familias que se apropiaron dos medios para forxar opinión pública.

Nenhum comentário: