Resulta evidente, ninguén debería acubillar ningunha dúbida respecto disto, que Obama, como todos os presidentes que o precederon na Casa Branca, ten unha estratexia ben definida para América Latina e o Caribe, a que coñecemos como doutrina Monroe.
Nada cambiou, neste sentido, con respecto á estratexia imperialista despregada polos seus inmediatos antecesores: Bush jr., Clinton e Bush sr. A actual tensión colombo-venezolana é unha mostra evidente diso.
Daquela, se isto é así, que sentido ten a actual ofensiva prebélica? Que pretende o saínte goberno de Uribe e, sobre todo, a que intereses obedecen as noticias que se están a difundir sobre o apoio do goberno bolivariano á guerrilla colombiana das FARC?
Hai uns días, o xornalista mexicano Ángel Guerra Cabrera achegaba unha interesante resposta no seu artigo publicado en La Jornada: "O que hai principalmente detrás do conflito colombo-venezolano e o seu recente agravamento é que a revolución Bolivariana bate frontalmente co plan de dominación estadounidense sobre América Latina. Que Venezuela, país con reservas de petróleo e gas entre as maiores do mundo, manteña un rumbo independente a prol do socialismo, promova a democracia participativa, a unidade e a integración de América Latina, a solidariedade, a paz e a cooperación entre os pobos", son feitos intolerables para o imperio norteamericano.
Así, en resposta á Venezuela bolivariana e tamén aos restantes gobernos populares, o goberno de Wáshington restableceu a IV Flota, instalou novas bases militares en Colombia, apoiou e lexitimou o golpe de Estado de Honduras... do mesmo xeito que apoiara en 2002 o golpe de Estado promovido pola patronal venezolana contra Chávez e que apoia na actualidade a oposición venezolana, que doutro xeito sería inexistente. Obviamente, nesta ofensiva contra este rexurdimento da América Latina e o Caribe, os EUA contan con importantes aliados na rexión, entre eles os presidentes saínte e entrante de Colombia: Álvaro Uribe e Juan Manuel Santos, respectivamente. Evidentemente, entre os dous hai semellanzas, pero tamén hai notables diferenzas, a principal é que Santos debe enfrontarse a unha situación económica grave, ante a que só se lle presentan dúas alternativas: a primeira, someterse aos intereses comerciais dos EUA e formalizar un Tratado de Libre Comercio, para o que sería imprescindible cederlles aos norteamericanos importantes espazos da súa soberanía (narcotráfico, estratexia militar...); a segunda, aproximarse aos países da rexión, entre eles Venezuela -que no último ano reduciu os seus intercambios comerciais con Colombia en favor de Brasil e Arxentina-, e Brasil, que está a lanzar unha especie de Plan Marshall na rexión do que podería beneficiarse. Da opción que escolla, dependen moitas cousas, entre elas a propia permanencia de Santos no goberno e o futuro da rexión.
Obviamente os EUA non permanecerán indiferentes..., lembremos que cando o hondureño Zelaya deixou de ser útil a Wáshington, o desprazaron do poder.
Nenhum comentário:
Postar um comentário