12/08/2010

Palabras de Marta Harnecker

Miguel Anxo Fernán-Vello, artigo tirado de aqui.


Ten razón a admirada Marta Harnecker cando di que para transitar pola vía democrática e pacífica cara ao socialismo hai que gañar a cabeza e o corazón da inmensa maioría dos cidadáns. E estábase a referir a escritora e pensadora chilena ao caso concreto de Venezuela. "Non podemos impor o noso proxecto, debemos convencer", porque en Venezuela -en-gade Harnecker- "o proxecto bolivariano que promove o presidente Chávez é un proxecto que favorece a máis do 80% da poboación venezolana". ¿Alguén pode, partindo de condicións e informacións xustas e obxectivas, afirmar o contrario? Marta Harnecker, alumna de Louis Althusser e autora de máis de 80 obras de socioloxía e pensamento político, ten moi claro que o socialismo revolucionario "non se decreta dende arriba" senón que se "constrúe coa xente". Estamos nos tempos nos que estamos. E a intelectual e politicóloga chilena, especializada, como non, na realidade latinoamericana, di cousas que semellan pensadas tamén para Europa. E, dándomos un salto, tamén para Galicia. ¿A solución está nos partidos políticos? ¿En máis partidos? Despois de expresar que é en Uruguai onde, dende o seu punto de vista, se encontra a esquerda máis madura do continente americano (o Frente Amplio, hoxe no Goberno), Harnecker di con toda claridade -velaí tamén o que ten defendido Xosé Manuel Beiras por estes lares- que os procesos políticos deben estar por riba dos intereses partidarios e que se teñen que "respectar as diferenzas e as militancias de distinto tipo". Nin máis nin menos. Todo o que non sexa iso é nocivo e está condenado ao máis absoluto fracaso. Como tamén está condenado ao fracaso o movemento antiglobalización, tan efectivo e necesario, se non se crean (palabras de Harnecker) instrumentos políticos articuladores capaces de formularen propostas alternativas e unificar vontades, pois os mozos -todo un exemplo para a humanidade actual- cando rematan as mobilizacións non saben que facer. Hai que ler con calma a obra de Marta Harnecker, puro bisturí de lucidez.

Nenhum comentário: