Cada día tráenos novas máis terroríficas da catástrofe nuclear de Fukushima. Por segunda vez na súa historia, o pobo xaponés é vítima da tolemia nuclear. Non se sabe aínda a extensión do desastre, pero é evidente que se trata dun intre crucial. Na historia da enerxía nuclear, haberá un antes e un despois de Fukushima.
Tras Chernóbil, o lobby nuclear occidental atopou unha explicación presuntuosa: é o resultado da xestión burocrática, incompetente e ineficaz, propia do sistema soviético. “Isto non podería acontecer aquí”. Que vale este argumento hoxe, cando é o mellor do capitalismo xaponés, de feito, como lembra nun artigo recente Pierre Rousset, nada menos que “o maior produtor privado mundial de electricidade” o que está implicado? Os medios puxeron en evidencia a irresponsabilidade, a falta de preparación e as mentiras da Tokyo Electric Power Company (TEPCO) –coa complicidade activa dos organismos de control e das autoridades locais e nacionais– máis preocupada da rendibilidade que da seguridade. Estes feitos son indiscutíbeis, pero se se insiste demasiado neste aspecto, córrese o risco de perder de vista o esencial: a inseguridade é inherente á enerxía nuclear.
O sistema nuclear é fundamentalmente insustentábel, os accidentes son estatisticamente inevitábeis. Tarde ou cedo, outros Chernóbil e outros Fukushimas terán lugar, provocados por erros humanos, disfuncionamentos internos, terremotos, accidentes de aviación, atentados, ou acontecementos imprevisíbeis. Parafraseando a Jean Jaurés, poderíase dicir que a enerxía nuclear leva en si a catástrofe como a nube a tormenta.
Non é pois estraño que o movemento antinuclear estea a se remobilizar a grande escala, con algúns resultados positivos, por exemplo en Alemaña. A consigna de: “Saída inmediata do nuclear” esténdese como un regueiro de pólvora. Con todo, a reacción da meirande parte dos gobernos –particularmente en Europa e nos EUA– é a negativa a saír da trampa nuclear. Téntase acougar a opinión pública coa promesa dunha “seria revisión da seguridade das nosas centrais”. A MOCN, Medalla de Ouro da Cegueira Nuclear, merece ser atribuída ao Goberno francés, un portavoz do cal, o señor Henri Guaino, declarou recentemente: “O accidente nuclear de Xapón podería favorecer a industria francesa cuxa seguridade é unha marca de fábrica”. No comment…
Os nucleócratas –unha oligarquía particularmente obtusa e impermeábel– pretenden que a fin do nuclear significaría a volta á vela ou á lámpada de aceite. A verdade simple é que só o 13,4% da electricidade mundial é producida polas centrais nucleares. É perfectamente posíbel pasar sen ela? É posíbel, mesmo probábel, que baixo a presión da opinión pública, en moitos países se reduzan considerabelmente os delirantes proxectos de expansión ilimitada da industria nuclear e de construción de novas centrais. Pero pódese temer que isto vaia acompañado dunha fuxida cara a adiante nas enerxías fósiles máis “sucias”: o carbón, o petróleo offshore, as areas bituminosas, o gas de lousa.
O capitalismo non pode limitar a súa expansión, e por conseguinte o seu consumo de enerxía. E como a conversión ás enerxías renovábeis non é “competitiva”, pódese prever unha nova e rápida subida das emisións de gas con efecto invernadoiro. O primeiro paso na batalla socioecolóxica por unha transición enerxética é o rexeitamento a ese falso dilema, desa opción imposíbel entre unha fermosa morte radioactiva ou unha lenta asfixia polo quecemento global. Outro mundo é posíbel!
Nenhum comentário:
Postar um comentário