16/07/2011

Unha esquerda descarriada

Ignacio Ramonet. Artigo tirado de aquí. Ignacio Ramonet é galego e unha figura destacada da esquerda mundial. Dirixiu Le Monde Diplomatique entre 1990 e 2008 e é autor dun libro de conversas con Fidel Castro traducido para o galego na editora Xerais. O artigo foi traducido para o galego desde o castelán por un dos xestores deste blogue.

Un dos homes máis poderosos do mundo (xefe da maior institución financeira do planeta) agride sexualmente a unha das persoas máis vulnerábeis do mundo (modesta inmigrante africana). Na súa espida concisión, esta imaxe resume, coa forza expresiva dunha ilustración de prensa, unha das características medulares da nosa era: a violencia das desigualdades

 O que fai máis patético o caso do ex director xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI) e líder da á dereita do Partido Socialista francés, Dominique Strauss-Kahn é que, de confirmarse, o seu hostiazo constitúe ademais unha metáfora da actual desfeita moral da socialdemocracia. Co agravante de que revela, á vez, en Francia, as carencias dun sistema mediático cómplice. 

 Todo iso indigna sobradamente a moitos electores de esquerda en Europa, cada vez máis inducidos

-como o mostraron en España as eleccións municipais e autonómicas do pasado 22 de maio- a adoptar tres formas de rexeitamento: o abstencionismo radical, o voto á dereita populista ou a protesta indignada nas prazas.

 Naturalmente, o ex xefe do FMI e ex candidato socialista á elección presidencial francesa de 2012, acusado de agresión sexual e de tentativa de violación pola camareira dun hotel de Nova York o pasado 14 de maio, goza de presunción de inocencia até que a xustiza estadounidense pronúnciese. Pero a actitude mostrada, en Francia, polos líderes socialistas e moitos intelectuais "de esquerda" amigos do acusado, precipitándose ante cámaras e micrófonos, para corear inmediatamente unha defensa incondicional de Strauss-Kahn, presentándoo como o danado principal, evocando "complots" e "maquinacións", foi realmente bochornosa. Nin unha palabra tiveron de solidariedade ou de compaixón cara á presunta vítima. Algúns, como o ex ministro socialista de Cultura Jack Lang, nun reflexo machista, non dubidaron en restar gravidade aos presuntos feitos declarando que "despois de todo, ninguén morreu" (1). Outros, esquecendo o sentido mesmo da palabra xustiza, atrevéronse a reclamar privilexios e un tratamento máis favorábel para o seu poderoso amigo pois, segundo eles, non se trata de "un acusado como calquera outro" (2).

 Tanta desvergoña deu a impresión de que, no seo das elites políticas francesas, calquera que sexa o crime do que se acuse a un dos seus membros, o colectivo reacciona cun respaldo coligado que máis parece unha complicidade mafiosa (3). Retrospectivamente, agora que rexorden do pasado outras acusacións contra Strauss-Kahn de acoso sexual (4), moita xente pregúntase por que os medios de comunicación ocultaron ese trazo da personalidade do ex xefe do FMI (5). Por que os xornalistas, que non ignoraban as queixas doutras vítimas de fustrigación, xamais realizaron unha investigación a fondo sobre o tema. Por que se mantivo aos electores na ignorancia e presentóuselles a este dirixente como "a grande esperanza da esquerda" cando era obvio que o seu Talón de Aquiles podía en calquera momento truncar a súa ascensión. 

 Desde facía anos, para conquistar a presidencia, Strauss-Kahn recrutara brigadas de comunicantes de choque. Unha das misións destes consistía en impedir tamén que a prensa divulgase o luxosísimo estilo de vida do ex xefe do FMI. Desexábase evitar calquera inoportuna comparación coa esforzada vida que levan millóns de cidadáns modestos arroxados ao inferno social en parte polas políticas precisamente desa institución.

Agora as máscaras caen. O cinismo e a hipocrisía xorden con toda a súa crueza. E aínda que o comportamento persoal dun home non debe prexulgar a conduta moral de toda a súa familia política, é evidente que contribúe a preguntarse sobre a decadencia da socialdemocracia. Tanto máis cando isto súmase a innumerábeis casos, no seu seo, de corrupción económica, e até de dexeneración política (os ex ditadores Ben Ali, de Tunes, e Hosni Mubarak, de Exipto, eran membros da Internacional Socialista!).

A conversión masiva ao mercado e á globalización neoliberal, a renuncia á defensa dos pobres, do Estado de benestar e do sector público, a nova alianza co capital financeiro e a banca, desposuíron á socialdemocracia europea dos seus principais acenos de identidade. Cada día resúltalles máis difícil aos cidadáns distinguir entre unha política de dereitas e outra "de esquerdas". Xa que ambas responden as esixencias dos amos financeiros do mundo. Seica a suprema astucia destes non consistiu en colocar a un "socialista" á cabeza do FMI coa misión de impor aos seus amigos "socialistas" de Grecia, Portugal e España os implacábeis planos de axuste neoliberal? (6) 

 De aí o fastío popular. E a indignación. O repudio da falsa alternativa electoral entre os dous principais programas, en realidade xemelgos. De aí as sas protestas nas prazas: "Os nosos soños non caben nas vosas urnas". O espertar. O fin da inacción e da indiferenza. E esa esixencia central: "O pobo quere o fin do sistema".

Notas: (1) Declaracións ao telexornal das 20h na cadea pública France 2 o 17 de maio de 2011. 

(2) Bernard-Henri Lévy, "Défense de Dominique Strauss-Kahn" (www.bernard-henri-levy.com/defense-de-dominique-strauss-kahn-18909.html), e Robert Badinter, ex ministro socialista de Xustiza de Francia, declaracións á radio pública France Inter, 17 de maio de 2011. 
 (3) Este colectivo xa deu probas da súa tremenda eficacia mediática cando conseguiu mobilizar en 2009 á opinión pública francesa e ás autoridades en favor do cineasta polaco-francés Roman Polanski, acusado pola xustiza estadounidense de haber drogado e sodomizado, en 1977, a unha nena de 13 anos. 
(4) En particular, a formulada pola escritora e xornalista Tristane Banon. Léase: "Tristane Banon, DSK et AgoraVox: retour sur une omertà médiatique", AgoraVox, 18 de maio de 2011 (www.agoravox.fr/actualites/medias/article/tristane-banon-dsk-et-agoravox-94196
(5) No seo mesmo do Fondo Monetario Internacional, Dominique Strauss-Kahn xa fora protagonista, en 2008, dun escándalo pola súa relación adulterina cunha subordinada, a economista húngara Piroska Nagy. (6) "O seu perfil "socialista" permitiulle facer tragar pílulas amargas a moitos Gobernos de dereita ou esquerda, e explicar aos millóns de vítimas das finanzas internacionais que o único que tiñan que facer era apertarse o cinto en espera de tempos mellores", Pierre Charasse, "Non haberá revolución no FMI", La Jornada, México, 22 de maio de 2011.

Nenhum comentário: