"Un pequeno paso para a humanidade. Un gran salto para os touros", escribía neste xornal Antón Losada, facendo referencia á abolición das touradas en Catalunya.
Efectivamente aí debera estar a cerna da liorta dialéctica, pois alén dos intereses nacionalistas cataláns e españois, que habelos hainos e con toda lexitimidade -non responsabilidade-, o que abofé aconteceu no Parlamento de Catalunya o 28 de xuño constitúe un grande avanzar na defensa dos dereitos dos animais non humanos, así como "na concepción da cultura avanzada e progresista", como apuntaba Xoán Hermida en Galizia Ecosocialista.
Ao cabo, fronte aos ridículos e indecentes apelos á liberdade e á democracia esgrimidos polos defensores da tortura-espectáculo, que lembran esa falacia da liberdade e o mercado, o que ocorreu foi precisamente iso, un exercicio de liberdade e expresión democrática -ademais vía iniciativa lexislativa popular- do pobo catalán representado polo seu Parlamento. Ou non era isto a democracia representativa?
Tendo como premisa o anterior, é certo que para moitos nacionalistas cataláns a prohibición da chamada festa nacional (española) é tamén unha vitoria, máis anecdótica que útil, na súa ansiada diferenciación, por canto esnaquiza en Catalunya un dos símbolos máis identificadores do nacionalismo español. Mais eses intereses son lexítimos e entendíbeis, por canto a diferenciación é estritamente necesaria para a supervivencia dos seus sinais de identidade -a cultura, a lingua ou mesmo o sentimento (negado) de nación-, que corren perigo tanto por absorción e contaminación por parte da cultura hexemónica do Estado -apuntemos que as touradas non son cultura, senón tortura-, como pola frontal ofensiva lanzada contra o catalanismo dende o nacionalismo español hai xa algúns aniños, que creou un perigoso rexeitamento de todo o catalán na meirande parte do Estado. Desa envelenada sementeira españolista apáñanse agora os froitos.
Daquela, preguntaredes que diferenza hai entre ambos os dous bandos, se os dous son nacionalistas. Moitas, mais a principal está en que o nacionalismo español, amparado nunha base legal herdada en bastantes aspectos do franquismo, funciona por negación de dereitos, identidades e mesmo sentimentos; mentres que os nacionalismos periféricos funcionan por afirmación ou conquista deses mesmos dereitos. Ao cabo, os primeiros só defenden e tratan de forzar, ou impor, a unidade territorial, mais só baixo os seus excluentes símbolos, e os segundos só pretenden conservar os seus, tendo en conta que nos referimos ao concepto simbólico de, por exemplo, a cultura, a historia e a lingua, malia que evidentemente son moito máis que símbolos.
Porén, poida que coa prohibición das touradas se abra un camiño para que os segundos clonen a nociva estratexia dos primeiros, empregando para iso as súas febles armas legais, por moito que a tortura -sexa dos outros animais que poboan o planeta ou da nosa especie- non sexa un dereito a negar ou afirmar, senón unha barbaridade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário