22/09/2010

Falando de incontrolados... reflexom sobre os últimos episódios de luita dos mineiros

Notícia tirada de aqui.

230910_berzo


Incontrolado, da: 1. adx. e s. Que actúa ou funciona sen control, sen orde, sen disciplina, sen suxeición.
A presente situación da minería merece unha análise máis detallada e profunda da que poderiamos dicir neste artigo, que naceu como resposta ao interese mediático, empeñado en mostrar somentes unha cara da moeda.

O pasado 8 de setembro daba comezo unha folga do sector mineiro da conca leonesa. Nesta conca nunca cheirou a cousa tan podre. Tradicionalmente o traballo era a mina, mais a sucesiva reestructuración económica que foi prexubilando e despedindo nos últimos quince anos a máis de 20.000 mineiros, foi abocando a esta rexión, comprendida por máis de 500.000 habitantes que directa e indirectamente dependen do carbón, á ruina económica.
Ante unha situación límite, incluso desesperada, sobre todo para os que teñen que saldar contas coas altas sumas de diñeiro que esixe a educación pública dos seus fillos, os mineiros comezaron unha folga para eles necesaria e, en cambio, beneficiosa para os empresarios. Xa estaba así ideada a trama perfecta para que se abrira o telón e comezara o espectáculo. Todo un show que nos ofreceron os sindicatos en colaboración coa guardia civil e patrocinado polos empresarios mineiros Vitorino Alonso e Manuel Lamelas Viloria(1).
Precisamente, este primeiro personaxiño do que facemos referencia, alias "Don Vito Carbone"(2), unha das chaves para entender esta folga, é o maior interesado e, polo tanto, o maior instigador; un patán desalmado, capaz de deixar durante meses a miles de familias sen cobrar para presionar ao estado e poder conseguir melloras, tales como o Real Decreto e millóns de euros para o seu xa inflado patrimonio.
Para entender a mentalidade de homes coma este, só fai falla lembrar o seu pasado franquista, ou ver que de entre as súas muitas propiedades figura un famoso coto de caza no que se atopa "La cueva de Chaves"(3) que era un dos mellores xacementos arqueolóxicos do Neolítico na península ibérica até que el mesmo a mandou dinamitar, e así non ter que abrir a finca nin rendir contas con arqueólogos e institucións públicas.
Unha vez máis está a conseguir bos froitos, pois pasados dez días de folga, o estado ingresoulle a frioleira suma de 8 millóns de euros, dabondo para pagar á plantilla durante muito máis tempo que os dous meses que levan sen percibir o seu salario. Pero, como era de esperar, a súa política mafiosa foi pagar tan só medio mes e afirmar nin máis nin menos "esto no da ni pa pipas"(4).
Non menos importante neste espectáculo é o papel dos sindicatos. Poucas veces se lles viu tan claramente traballando polos mesmos intereses que os empresarios, e poucas veces se percibiu tan ben o intento destes por controlar as folgas. Para logralo, debían lidiar cos restos do sector mineiro -cunha ampla tradición de luita real-, e intentar, por un lado, dar un halo de radicalidade ás súas reivindicacións (que, como dixemos, son as mesmas que a dos empresarios, o famoso real decreto), coa esperanza de que os obreiros, cada vez máis cabreados, sigan baixo o redil das suas consignas.
É a clásica política da cenoura e o pau: por unha banda eles pactan cos medios e a garda civil os cortes, por outra, para aquel que saia do redil e intente provocar danos reais, centenares de G.R.S.(5), grupo de élite de "máximo nivel" da guardia civil especializado na contención onde hai grandes concentracións de masas e na detención de "persoas perigosas", entre outras cousas, provistos de sofisticadas brigadas helitransportadas, repartindo leña sen nengún miramento.
Non é de extrañar que muitos destes mineiros, conscientes da sua situación e capaces de enfrentarse con estes clásicos inimigos, decidiran mudar de tácticas de luita, organizándose autónomamente á marxe dos sindicatos.
E así comeza a batalla da conca, agardamos que non sexa a última. Mineiros de Bembibre e Villablino empezaron, con piquetes pouco numerosos pero mui efectivos, a organizar cortes de tráfico sucesivos, colapsando puntos estratéxicos das principais vías de comunicación ao seu paso pola rexión. E para dificultar ainda máis instaurar a normalidade, facían cruzar vehículos de grandes dimensións e  quitábanlles as chaves; rodas pinchadas, mercadoría dos camións tirada, barricadas para defenderse das forzas da orde tanto na entrada dos povos como nos mesmos puntos onde organizaban os cortes... E se as condicións numéricas eran favorables non dubidaban un intre en enfrentarse coa garda civil.
Tampouco os empresarios e os seus secuaces (capataces, encargados, enxeñeiros...) estaban fóra do punto de mira dos chamados "incontrolados". Algún que outro piquete logrou interceptar a algún destes personaxiños e darlle un pequeno susto.
Mentres, os sindicalistas están a ser cada vez máis cuestionados, tanto nas asembleas como directamente nos enfrontamentos, nos que nin se lles vía de lonxe, recibindo silbidos, abucheos e insultos...
Non sabemos en que ficará a cousa, o que sí sabemos é de que lado estamos. Quizais outra vez sexan derrotados, e quizais sexan poucos para luitar contra tanta barbarie, pero nunca poderán avergoñarse de agochar a cabeza neste episodio, como muitos outros sí terían que facelo.
Todo un guiño e apoio para os mineiros que realmente están en luita.
Que se extenda a revolta!!
Hai que armala!!

Referencias:

(1) Sindicatos e Empresarios: negocio asegurado.
(2) "Vitorino Alonso para nóveles".
(3) Documentario denuncia "Chaves, la memoria expoliada".
(4) Algunos mineros de los Grupos Alonso y Viloria cobran media nómina de julio.
(5) Reportaxe TV Canarias sobre a GRS.

Nenhum comentário: