15/09/2010

Novos caminhos para a esquerda galega (II)

Filipe Díez. Artigo tirado de aqui. Este artigo está relacionado com esta nova. Nessa nova participavamos-vos o programa e faziamos umha suscinta análise do mesmo, ligando-o com a experiência doutras iniciativas comparáveis como o FSGal ou a RdR. Agora deixamos-lhe a voz a um dos seus organizadores para tentar sesgar o mesmo possível a visom do acto, pois todo o que seja diagnóstico (reflexom, análise, mais experiência) sempre é bom para a esquerda e mais no momento actual.



O sábado, en Santiago de Compostela, celebrarase un evento tan necesario como pouco común: unha xornada dedicada integramente a debater o rumbo estratéxico da esquerda nacional galega, a repensar o ideario e os modos de relación coa sociedade, a reler e reinterpretar as chaves sempre mudables dunha sociedade complexa como a galega.

Pola súa própria natureza crítica e transformadora, a esquerda nunca pode estar satisfeita ou pagada de si mesma; e, moito menos aínda, cando nos encontramos nun momento crítico para o país, sometido a un proceso de deconstrución programada que non está a ter oposición eficiente nin no plano das ideas nin no relativo á enunciación dun proxecto político alternativo capaz de gañar novas adhesións cidadás.

A xornada de debate “Novos camiños para a esquerda galega”, que este sábado terá lugar na Faculdade de Xornalismo, pretende ser un primeiro paso na redefinición do discurso da esquerda nacional galega, superando as barreiras partidarias. De aí que o evento sexa convocado por un grupo de cidadáns a título particular, e non por un colectivo organizado. De feito, un dos principais desafíos que os promotores do evento detectamos é o de abolir as fronteiras entre a esquerda partidaria e a esquerda social, entre os representantes e os representados.

Un obxectivo tan ambicioso require un esforzo permanente de interlocución e unha actitude de mutuo recoñecemento, aspectos nos cales a esquerda galega aínda ten un longo camiño por percorrer. Non será nun día de debates, por máis ricos que estes sexan, que se descifren todos os enigmas; pero si poden trazarse con máis precisión as demandas que desde a sociedade se lle plantexan á esquerda partidaria, dar algunhas respostas parciais aos principais interrogantes deste tempo convulso que vive o país e definir vías de futuro polas cales a esquerda partidaria e a esquerda social poidan transitar de mans dadas.

Non cabe esperar menos que iso da nómina de ponentes da xornada, que será aberta ao público e con entrada franca, na cal participarán boa parte das principais personalidades galegas da política, da cultura, da universidade, dos movementos sociais, de sectores profesionais liberais e empresariais, da comunicación e das novas tecnoloxías. Entre outros, vale citar os nomes de Xosé Manuel Beiras, Teresa Táboas, Camilo Nogueira, Antón Baamonde, Manuel Bragado, Xoán Doldán, Xan Facal, Carlos Amoedo, Adela Figueroa, Manuel Meira, Vitoria Iglesias, Manuel M. Barreiro, Carlos Neira ou Tati Mancebo.

Mesmo coa participación deses referentes da nosa historia recente, as experiencias noutros países europeos dan boa mostra das dificuldades inherentes a calquera proceso de cambio que pretenda ser duradouro e influir de maneira decisiva na axenda política e social. O desexable sería que os partidos xa consolidados no ámbito da esquerda, i.e. o BNG e o PSdeG, fosen protagonistas –sen exclusivismo, por suposto– dese necesario cambio; porén, é posible que polo menos en parte se tornen un obstáculo, se antepoñen os intereses de curto prazo ás demandas da súa propia base social.

Nun momento de crise do sistema neoliberal e de descrédito das instancias de representación política, os dous desafíos fundamentais da esquerda deben consistir en rexenerar a vida política e en definir unha alternativa capaz de remobilizar a base social progresista, redeseñando as relacións de poder entre sociedade, poder público e mercado. Todo iso, sen esquecer que, xunto aos principios ideolóxicos e aos proxectos de acción política, é a hora de reivindicar –e de aplicar– os valores éticos da esquerda. Quen propón un outro mundo posible ten a obrigación de crer no que di e de manter acesa a esperanza, coidándoa e nutríndoa. É desa materia que se constrúen os soños dos que queremos unha Galiza soberana e solidaria cara adentro e cada afora.

Animo as lectoras e os lectores de Xornal de Galicia a que compartan os seus soños, anceios e inquietudes, se así o desexan, este sábado en Compostela.

2 comentários:

xOsedorrio disse...

Non concordo coa afirmación do "momento de crise do sistema neoliberal", máis ben ao revés, parece estar en auxe: reforma laboral, axudas as multinacionais,...

En crise está a esquerda, dende fai anos, por iso a necesidade destes encontros.

De feito ese foi o problema que levou a debacle da esquerda, a desaparición de foros de debate a a imposición de doutrinas por parte dos dirixentes dos partidos de esquerda. É evidente, que moitos non estamos pola labor de que nos digan como actuar, que nos manden calar e non escoiten o que temos que dicir.

AFP disse...

Concordo o grande capital nom está em crise. A contrário, como assinalava recentemente Petras está num momento imelhorável quanto a lucros, inçando-os a conta de "socializar as perdas" e de poupar custos na mao-de-obra. O "inverno" de Kontrádiev é para os pequenos inversores, para a pequena e ainda a mediana burguesia nacional e, sobretodo e coma sempre, para as classes trabalhadoras para as que nom dá chegado "um maio sem trabucos" como Curros pedia. No entanto, também é certo que a exploraçom da mao-de-obra topará-se com límites antes de sairmos do ciclo económico descendente. Umha aperta irmandinha