19/12/2010

A capitulación de Obama cos impostos. Folla de ruta para estabelecer un tipo único, recortes da seguranza social e unha política de austeridade

Michael Hudson. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.


Case me sinto infantil por estar tan enfurriñado coa traizón do Presidente Obama respecto das súas promesas electorais en materia de impostos. Nunca tiven moitas esperanzas de que realmente pretendese levar a cabo as reformas que esperaban os seus seguidores - e menos unha vez designou para un cargo chave ao máis dereitista da chiquipanda dos Clinton, Larry Summers, e logo a Tim Geithner, Ben Bernanke e ao resto de ultraliberais de Bush.

Pero niso hai algo tan inxusto e erróneo, que non puiden evitar levantarme cedo o martes pola mañá e recapacitar sobre as consecuencias que terá esa capitulación do Presidente Obama en anos vindeiros. Contrariamente á súa afirmación de que está a salvar á economía, as súas accións van intensificar a deflación crediticia e a crise financeira, achandando o camiño para unha prolongada viraxe impositiva que pase de gravar a riqueza a gravar o traballo.

Ao materializar unha renuncia que os Demócratas xamais permitirían levar a cabo a George Bush ou outros Republicanos, Obama púxose a si mesmo no punto de mira do mesmo slogan que tombou ao Primeiro Ministro británico Tony Blair: "Non podes crer nin unha palabra do que di". Vai perder apoios en 2012 non só persoalmente, senón tamén -e como xa anticiparon os Republicanos- para gran parte do seu partido.

E con todo, Obama soamente fixo o que fan os políticos: cedeu a súa base electoral ante quen sufragaron a súa campaña - os mesmos doantes de Wall Street que financian a dos Republicanos. Porque despois de todo, de que serve ter unha base electoral se non podes vendela?

O problema é que non vai deterse aquí. O acordo do luns para prolongar dous anos máis os recortes de impostos da era Bush é só o primeiro golpe dunha combinación mortal. En primeiro lugar, moitos votantes demócratas ou independentes van quedar en casa (ou talvez sexan tentados por un terceiro candidato), permitindo que en 2012 os republicanos lexislen a perpetuidade eses recortes - que nese momento significarán un agasallo aos ricos que xa será de 14 billóns de dólares.

Segundo, este "acto" republicano de Obama (odio chamalo "compromiso") libera recursos que as clases podentes poden levar fóra, a economías que aínda non foron esnaquizadas polo ultraliberalismo. E iso pon os cimentos para unha próxima crise de tipos de cambio. Esa clase de crise adoitan darse no outono, e como as eleccións de 2012 serán nesas datas vaise a atribuír a crise á incerteza no caso de que os votantes non boten aos Demócratas. Así que para "salvar ao dólar" os Republicanos van propor remplazar a imposición progresiva sobre a renda por un imposto de tipo único (o antigo plan de Steve Forbes) que recaerá ademais nos asalariados, non afectando os ingresos provenientes do patrimonio, as finanzas, os seguros ou os bens raíces (o chamado sector FIRE, polas súas siglas en inglés  N. do T.). Logo completarase cun imposto sobre o valor engadido como mecanismo para facer subir os prezos ao consumo.

Terceiro, o agasallo fiscal inclúe 120.000 millóns de dólares de redución das cotizacións dos traballadores á Seguridade Social - reducindo do 6,2 ao 4,2% a retención correspondente ao FICA (Federal Insurance Contributions Act, o principal imposto que financia a Seguridade Social en EEUU  N. do T.). Obama usmou para deseñar o plan de modo que encaixe coa presión que exerce a súa comisión Bowles-Simpson para minguar a Seguridade Social, como un paso previo á súa privatización total e o posterior asalto final por parte de Wall Street. Este primeiro recorte vai acelerar a chegada do momento no que o sistema entre nunha situación de "quebra patrimonial": mediante un cálculo que ignora claro a posibilidade de recompor o financiamento das pensións a través dos orzamentos xerais do estado, recadando os fondos mediante un imposto progresivo sobre as rendas e por tanto sendo sufragadas polos ricos, e non polos asalariados de clase media e baixa quen pagan coma se fosen os únicos "usuarios" do sistema de pensións.

Así que a folla de ruta non consiste soamente en liberar as rendas dos máis ricos para que poidan "exportalas" en forma de activos denominados en divisas estranxeiras máis resistentes. Trátase de cargarse o sistema fiscal progresivo enteiro. E mentres o Congreso controlado polos Demócratas limítase a facer mornas protestas contra este plan, sen dúbida coa vista posta xa en quen van sufragar a súa campaña dentro dun par de anos.

As crises adoitan ser orquestradas cuns anos de antelación. E unha recuperación económica toma habitualmente unha forma ou outra segundo como se colapsou a economía anterior. A saída que fixo a Europa medieval da que foi a súa idade escura, por exemplo, estivo condicionada pola crise de débeda da antiga Roma orixinada pola agresividade da súa oligarquía. Do mesmo xeito, o próximo gran desprazamento da imposición fiscal desde as finanzas e a propiedade cara ás rendas do traballo será motivado pola crise do dólar, de forma moi parecida a como vimos a Irlanda e Grecia espalillar e prensar os seus fondos de pensións para rescatar aos insensatos dos seus banqueiros. En EEUU como en Europa, aos "bancos de importancia sistémica" que causaron a crise váiselles a dar o diñeiro público que faga falta -a expensas dos traballadores ("contribuíntes") - para poder "rescatarlos" dos excesos e ameazas debidos ao endebedamento de mala calidade (é dicir, aos coñecidos activos tóxicos).

A táctica para esta folla de ruta probouse tantas veces ao longo da historia que non debería haber moitas sorpresas. De modo que os recentes pactos do Presidente Obama non son soamente sobre os sistemas financeiro e fiscal, senón que se trata de cambios profundos a nivel político. Cando os Demócratas do Congreso asinen esta traizón á que foi a súa maior promesa electoral, van estar renunciando á súa consigna de que eran o partido "non afín a Wall Street".

Barack Obama foi formado como avogado. De cando en cando atopei a un avogado que entenda de economía. Ese non é o seu campo. No seu traballo fan tratos para minimizar o risco de sorpresas, moitas veces chegando a un punto intermedio. Iso é pragmatismo legal. Cando o Obama candidato prometeu "cambio", non creo que tivese en mente ningún tipo concreto de cambio en política económica. Era máis ben un modus operandi. Sospeito que a súa visión da Presidencia consistía simplemente en lograr "unir a todo o mundo". Probabelmente esta característica da súa personalidade consolidouse cando era adolescente, nas competicións de popularidade nas que se embarcan os mozos cando participan nas eleccións dos consellos escolares. O obxectivo de Obama era ser aceptado, mesmo admirado, mediante a negociación dun compromiso. E posibelmente non lle importaba moito o seu contido.

Preocupouse claro de conseguir o suficiente apoio político á súa campaña, e as regras para conseguir isto son bastante evidentes no mundo de hoxe en día. Déronselle unhas políticas que predicar, e un equipo de expertos para defendelas. Sempre hai suficientes practicantes da "economía lixo" dispostos a asesorar aos políticos para tratar de convencerlles de que "facer o correcto" equivale a axudar a Wall Street. Pero non se trata simplemente de crer que "o que é bo para Wall Street é bo para a economía". Se un ouve a historia tal como cóntana TimGeithner e Ben *Bernanke, a economía non pode funcionar sen un sistema bancario "solvente" - o que na práctica significa que ningún banco pode perder diñeiro. Deste xeito a todos aqueles que apostan e gañan (como Goldman Sachs), ténselles que axudar cando non poden cobrar precisamente daqueloutros malos xogadores do casino financeiro que son agora os perdedores (como A.I.G. e Lehman Brothers).

Así que deberiamos dicir que os plans de Obama realmente axudan á economía simplemente porque a bolsa pegou unha forte subida o martes cando os coñeceu? Ou  trátase dun xogo de suma cero, onde o subsidio co que se recompensa ás quenllas é á conta de toda a economía?

Ao contrario do que di Obama, reducir os impostos aos ricos non vai activar a recuperación. O 2% máis rico da poboación non gasta o seu diñeiro en máis consumo. Invísteo nos mercados financeiros - na súa maioría en bonos, adquirindo maiores dereitos crediticios sobre o resto da economía. Darlles máis diñeiro aos acredores vai profundar a actual deflación crediticia, minando a capacidade "do mercado" de gastar en bens e servizos. E unha parte do subsidio impositivo vaise a reciclar en forma de grupos de presión no Congreso e financiamento de campañas, para comprar políticos que logo van promover aínda máis desregulación financeira e beneficios fiscais. Por exemplo, non houbo aínda ningunha acción legal en contra dos crimes bancarios ou da fraude financeira levados a cabo polas grandes institucións. E non hai signo algún de que o Fiscal Xeral Holder vaia a emprender algunha desas accións.

Ademais, é unha terxiversación por parte de Obama a súa ladaíña sobre os parados de longa duración (quen agora van recibir unha prórroga dun ano máis ao seu subsidio de desemprego), como se adoitaba facer antes coas viúvas e os orfos. Non se trata realmente de "todo polos pobres". Trátase de todo polos ricos. E non é para promover a estabilidade e a recuperación. Como de estábel vai ser a situación global cando o país máis rico do mundo non fiscaliza á súa poboación, senón que se dedica a crear máis débeda pública para axudar aos banqueiros? Os futuros contribuíntes vanse a tirar varias xeracións pagando esa herdanza.

A "solución" á próxima crise financeira nos EEUU poida que estexa a esperar o afundimento do dólar como oportunidade para unha resolución financeira à o Golfo de Tonkin (incidente bélico que permitiu ao presidente Lyndon B. Johnson aprobar unha resolución no Congreso que abría a porta á intervención armada en Vietnam do Norte  N. do T.). Unha crise como esa permitiría catalizar un cambio radical no sistema impositivo cara a un imposto de tipo único ao "Steve Forbes" e de estilo europeo, xunto cun aumento do IVE sobre as vendas que recaería maioritariamente sobre os asalariados. O peixe grande cómese ao pequeno. Vanse a dar máis axudas públicas ao sector financeiro nun van intento de manter a frota os créditos de mala calidade e que os bancos sigan sendo "solventes". Como en Irlanda e Letonia, a débeda pública vai substituír á privada, deixando ben pouco para a Seguridade Social ou tan sequera para o gasto social normal.

En definitiva, unha vez os prolongados recortes fiscais agraven o déficit público federal - xunto co déficit da balanza de pagos - podemos esperar que a próxima administración demócrata ou republicana tome a iniciativa e "salve" ao país do desastre económico, reducindo aínda máis a Seguridade Social á vez que corta as súas fontes de financiamento, como fixo Pinochet, para que logo os operadores de Wall Street se lucren como fixeron en Chile. E podemos ir esquecéndonos de investir en reconstruír as infraestruturas do país. Estanllas vendendo unhas cidades e uns estados endebedados até as cellas, para facer cadrar os déficits provocados pola súa negativa a gravar os bens raíces ou debido á execución masiva de hipotecas.

Benvidos á servidume da débeda. Isto é peor que o que se tiña en mente cando se falaba dunha recesión en dobre uve. Isto vaise a quedar moito máis tempo.

Nenhum comentário: