05/12/2010

O 40% dos parados vive en fogares onde ninguén traballa

Notícia tirada de aqui.

O 40% dos parados que vive en España reside en fogares onde ningún dos seus membros traballa, segundo o último boletín do Banco de España. Segundo o organismo supervisor, a pesar de que en España esta porcentaxe era das máis baixos da zona do euro en 2007, cun 26%, situouse xa dous puntos por encima do máximo alcanzado en 1994, cando se situaba no 37,7%.

Estes desempregados representan aproximadamente o 8% da poboación activa, unha taxa de magnitude similar á taxa de paro total de moitos países da zona do euro, sinala o Banco de España.

No seu boletín económico de novembro, o Banco de España subliña que, dado o aumento das taxas de paro da cabeza de familia e do cónxuxe na crise actual, obsérvase unha maior incidencia de situacións de desemprego simultáneas entre os membros do fogar.

Por iso, o supervisor suxire que a capacidade de protección adicional contra o desemprego que poden constituír os vínculos familiares é agora menor que en recesións anteriores, o que "fai máis patente a urxencia de levar a cabo as reformas necesarias para potenciar rapidamente a creación de emprego".

O informe sinala que nos últimos cincuenta anos se produciu un cambio demográfico que afectou ó tamaño medio e a composición dos fogares que foi "particularmente intenso" nas dúas últimas décadas nos países mediterráneos.

Nestes países, a diferenza do resto de Europa, a familia xoga un papel "protector moi relevante" que, co aumento do paro, diminúe.

O Banco de España subliña que durante os dous últimos anos a taxa de paro da economía española deteriorouse con moita máis profundidade" que noutros países europeos, e pasou do 7,9% rexistrado no segundo trimestre de 2007 ó 20,1% do segundo trimestre de 2010.

Aínda que a taxa de paro dista aínda catro puntos do máximo rexistrado na crise dos noventa, o informe destaca que nesta ocasión "o patrón do desemprego é diferente" e a súa incidencia sobre os fogares é maior, debido ó repunte da taxa de paro da cabeza de familia e ó aumento das situacións "simultáneas" de desemprego no fogar.

Segundo o Banco de España, a probabilidade que ten un mozo inactivo de iniciar estudos situouse no terceiro trimestre no 17,8%.

O DATO

Con respecto á maior destrución de emprego entre os mozos, que diminuíu o 11% no terceiro trimestre, segundo datos da EPA, o supervisor do Banco de España destaca que parte desa redución pode deberse á intención deste segmento de poboación a incrementar o seu nivel educativo.

Nenhum comentário: