14/12/2010

O asalto á educación pública

Josep Fontana. Artigo tirado de aqui. A imaxe é de Jordi Duró , a tradución para galego-portugués é de noso.

No actual despezamento do Estado do benestar tocoulle a quenda á educación pública, e en primeiro lugar á superior. En Italia a reforma Gelmini proponse eliminar un gran número de profesores e reducir considerabelmente os fondos destinados á universidade e á investigación. Ante as protestas de estudantes e profesores, Berlusconi manifestou: "Os verdadeiros estudantes sentan na súa casa e estudan, os que saen ás rúas son alporizadores". O outro foco de protestas foi Gran Bretaña, onde unha proposta semellante vai acompañada do anuncio dunha subida brutal das taxas universitarias, que deixaría a educación superior reducida a un privilexio para os fillos das clases elevadas.

O asalto non se refire soamente ás universidades. En Estados Unidos -e é bo fixarse no que ocorre alí, porque é o anuncio do que nos pode chegar pronto- a escola publica está a ser atacada por dous camiños distintos. En primeiro lugar, pola necesidade de reducir o gasto. Michael Bloomberg, o multimillonario alcalde de Nova York, puxo á fronte das súas escolas a Cathleen Black, presidenta do grupo Hearst (que edita publicacións como Cosmopolitan ou Marie Claire), unha executiva sen ningunha preparación no terreo da educación, que xa anunciou que a súa tarefa se vai a centrar en reducir o gasto do sistema escolar público, que é o que usan os pobres. Bob Herbert, que sitúa estes feitos no contexto dunha Norteamérica en que coinciden o maior paro e os maiores beneficios das empresas financeiras, advirte: "A guerra de clases da que ninguén quere falar segue sen pausa".

Hai unha segunda liña de ataque, en que participa activamente a Bill and Melinda Gates Foundation, que combate a escola pública como ineficaz, sen tomar en conta a pobreza de recursos con que funciona, e acusa diso aos sindicatos do profesorado, que se negan a aceptar o despedimento dos mestres menos capacitados. A súa alternativa son as charter schools, que están "exentas de regras locais ou estatais que inhiben unha administración e xestión flexíbeis".

O que estas formulacións adoitan ocultar é que, detrás dos argumentos de custo e eficacia, hai o propósito de combater un ensino independente e crítico, que se pretende substituír por outra que inculque valores patrióticos e conformismo social. James Loewen explica, no seu libro Lies My Teacher Told Me, que os profesores norteamericanos teñen que ir con coidado cando falan en clase de temas como, por pór un exemplo, a guerra do Vietnam. "Entrevistei a profesores de Ensino Secundario que foron despedidos, ou recibiron ameazas de despedimento, por actos menores de independencia como os de proporcionar aos alumnos materiais que algúns pais consideran discutiíbeis". O cal, sabendo que ninguén vai acudir a defenderlles, empúrraos para "a seguridade da autocensura".

As bibliotecas son outro cenario desta loita. Non só as das escolas -onde a Asociación de bibliotecarios de Estados Unidos denunciou que basta coa queixa dun só pai para eliminar un libro-, senón as públicas en xeral. Kurt Vonnegut eloxiou a aqueles bibliotecarios que "souberon resistir enerxicamente aos energúmenos que trataron de eliminar certos libros dos seus estantes e que destruíron os rexistros dos lectores antes que revelar á policía do pensamento os nomes das persoas que os consultaron".

Nun sentido semellante vai a decisión do actual Goberno pospinochetista chileno de diminuír as horas de Xeografía, Historia e Ciencias Sociais nos ensinos Primaria e Secundaria, que provocou manifestacións de protesta de profesores e estudantes. Ou o menosprezo pola presenza das Humanidades na universidade, que levou a un crítico de Not for profit -o libro en que Martha C. Nussbaum sustenta que o ensino que desenvolve un pensamento crítico é necesario para a supervivencia da democracia- a realizar afirmacións como a de que "os académicos empregan o seu tempo e enerxía escribindo monografías ilexíbeis sobre temas sen interese algún".

A tendencia, tanto na escola como na universidade, apunta na dirección de limitarse a ofrecer unha formación que se dedique a preparar para o ingreso inmediato na empresa. Trátase de consolidar o tipo de "currículo oculto" de que fala Henry A. Giroux polo que "a clase dominante asegúrase a hexemonía" transmitindo "formas de coñecemento, cultura, valores e aspiracións que son ensinadas, sen que nunca se fale delas ou se expliciten publicamente".

Todo o cal debería levarnos a reflexionar sobre as motivacións que hai detrás destas políticas. A idea de que só se pode combater o déficit polo procedemento do recorte do gasto social, escribiu hai poucos días o premio Nobel de Economía Joseph Stiglitz, "é unha tentativa  de debilitar as proteccións sociais, reducir a progresividade do sistema de impostos e diminuír o papel e o tamaño do Goberno mentres se deixan determinados intereses estabelecidos, como os do complexo militar-industrial, tan pouco afectados como sexa posíbel".

A educación pública é unha parte esencial dos nosos dereitos sociais e unha garantía do futuro das nosas liberdades.

Nenhum comentário: