26/01/2011

Beiras sobre a privatización das caixas

"O BNG fixo a mona con Feijóo malia estar avisados do perigo", di Beiras

O ex líder do Bloque denuncia que poderes financeiros, PP e Goberno estatal están "delinquindo" e "desmantelando a Constitución" ó provocar a "desnaturalización" das caixas de aforros para acabar coa "economía social" e darlle renda ó "capitalismo máis salvaxe"

"Poderes financeiros, PP e Goberno están desmantelando a Constitución", valorou onte, en declaracións a GH, o ex portavoz nacional do BNG e líder do Encontro Irmandiño. Xosé Manuel Beiras ve "moi grave" o escenario que se presenta de "desnaturalización" das caixas, uns entes financeiros, "na súa orixe, de economía social, non capitalista de mercado".
Para Beiras, estamos asistindo a un "dobre crime" que forma parte da "ofensiva contra todas as formas de organización da economía que non sexan estritamente de lucro salvaxe" a prol da "voracidade da banca". "É ofensivo contra o que é propio dun Estado de benestar social, é un atentado contra o que a Constitución establece como réxime para o Estado español dunha economía social, insiste. E é dobre porque co "crime", segundo o dirixente do EI, tamén "se están cargando o Estatuto", xa que as caixas "son o único instrumento importante que ten Galiza para facer unha política financeira dun goberno autónomo con competencias". "Estanse cargando o Estado das Autonomías, é delincuencia política", denuncia.
Para Beiras, estamos ante unha actuación "anticonstitucional" desde o poder fáctico financeiro, desde o poder de presión do PP, "que é o que está marcando e chantaxeando ó Goberno de Zapatero para facer as políticas dunha ultradereita", desde o Goberno do Estado e desde a Xunta, "onde pasamos de que había que reformar a Lei de caixas para ter máis control público sobre elas ó que se fai agora que é todo o contrario".
Beiras tachou de "hipócrita" ó presidente Alberto Núñez Feijóo e advertiu tamén do "fracaso" das forzas políticas de oposición que teñen representación no Parlamento autonómico. Segundo el, PSdeG e BNG "actuaron como se fosen compañeiros de viaxe do goberno, e esqueceron defender a natureza das institucións financeiras e bloquear o proceso de bancarización".
O ex líder frontista afirma que o BNG "se equivocou de estratexia" e "á mantenta, porque dentro houbo sectores e membros do Consello Nacional que dixemos por onde había que ir e non se fixo caso". "O BNG dixo fusión, fusión, fusión, avisamos de que non era a solución, que o perigo estaba por outro lado", lembra Beiras, para quen no eido sindical tampouco se actuou ben. "Os sindicatos deberan terse metido máis e facer unha arremetida centrándose en defender o carácter social das caixas", cre.
O que foi portavoz nacional considera que "á dirección do BNG debería darlle vergoña e facer autocrítica por non ter asumido a liña de combate fundamental, para polo menos agora poder dicir que intentaron impedir que isto ocorrese e que non se apuntaron á cerimonia da confusión e o enguedello que deu lugar a que co pretexto da fusión pasase isto".
O futuro: Retirar os aforros e impulsar alternativas éticas
Sobre o futuro, considera que "ós cidadáns do común non lles vai quedar outra opción, se non queren estar en mans dun monopolico da banca, que apostar polas entidades financeiras alternativas, como Fiare, porque haberá que facer o que deu lugar á orixe das caixas hai anos, entidades financeiras sen afán de lucro e ó servizo das clases populares. Será a única saída, ir ás caixas galegas e empezar a retirar o aforro popular e montar un movemento para impulsar as entidades de aforro alternativas". "Será a única saída que quede, xa que á xente do común, os poderes políticos e as forzas dun signo e doutro véndennos sistematicamente", conclúe. "Isto é noxento e de escándalo, dunha falta de escrúpulos absoluta, por parte dos equipos dirixentes das dúas caixas galegas e do goberno autónomo que fixo como quen que quería defender as caixas cando estaba implicado, xa que a estratexia do PP estatal foi esta sempre e Feijóo só fixo o paripé mentíndolles ós cidadáns. As forzas da oposición fixeron a mona".

Nenhum comentário: