Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe.
Para Maite Álvarez, que se indigna con razón
Máis dunha vez, mesmo moitas de máis se cadra, téñoo expresado e praticado no Parlamento da Galiza na época en que alí se libraban combates a peito descuberto -combates ideolóxicos e políticos, quero dicir- no canto de xogos de adiviñas, bailes de mascaritas ao compás do rigodón, e "compromisos podres", que diría Lafontaine. Máis dunha vez, dicíavos, teño expresado e praticado, verbalmente e xestualmente, a indignación. E non escribo a "miña" indignación porque non era só nen primordialmente miña: érao dos cidadáns que eu alí representaba, e que me elixiran para iso mesmamente, pra representalos, ou sexa, pra diciren e faceren meiante min o que non podían iles dicir nen facer alí presencialmente. Portanto tamén pra, chegado o caso, expresaren a sua indignación -e chegaba o caso con frecuencia abondo. E, cando chegaba, adoitaba eu espricarlles aos moitos pasmóns que alí sentaban, e só remexían pra me botar en cara a miña actitude, que só se in-digna quen ten dignidade -e a exerce. Claro, porque non abonda téla: compre exercela.
Coa dignidade pasa coma coa liberdade: por moito que se teña, se non se exerce acábase por perdela. De xeito que, unha e outra, compre exercelas. Sobre todo cando están en perigo, cando alguén chas ameaza, cando chas restrinxen ou chas negan -que é mesmamente cando custa, cando compre facer un esforzo e asumir un risco para pólas en acción. Necesario é na vida cotián individual e social. Moito máis necesario aínda na sua proxeción política. Por iso mesmo, se na instancia política, alí onde se moven e actúan os representantes (electos) dos cidadáns, deixa de exercerse a dignidade e facerse valer a liberdade dos representados, terán que ser os cidadáns mesmos os que reactiven o exercizo da sua dignidade e a sua liberdade por iles mesmos directamente, e non só na sociedade civil senón na politica tamén. Comprirá que se "indignen" -e, pola mesma, se rebelen. Ou acaso a revolta non é a tradución da indignación en acto, a traslación dese estado de ánimo e conciencia ética á acción cívica e política?
Dun certo tempo pra acó, eu adoito dicirlles aos amigos de meu, cunha pinga de ironía sarcástica a respeito de min mesmo, que me vexo convirtido nun predicador ambulante, algo así coma o "don Jorgito el inglés" aquil do XIX, o famoso autor de "La Biblia en España". Só que eu non vendo biblias nen libro sagrado ningún. Son un predicador profano: predico a rebelión cívica como exercizo de dignidade democrática e motor da revolta política -que pasa pola desobediencia a un poder que perdeu a sua lexitimidade.
"Re-aprender o irrespeito" era o provocativo título dun alegato satírico anti-gaullista, escrito por François Fonvieille-Alquier e editado a meiados dos sesenta polas edicións de La Table Ronde nunha coleición rotulada Combat -rótulo a mantenta idéntico ao do famoso periódico da Resistencia, editado de primeiras clandestinamente baixo a ocupación nazi, no que Camus publicara as suas punxentes Cartas a un amigo alemán. Ese alegato, construido ao estilo dun manifesto, constituía unha expresión xenuina da ideoloxía republicana radical, característica da tradición revolucionaria "montagnarde" na cultura cívica francesa, e incitaba á revolta fronte ao cesarismo gaullista de entón. Nunha elocuente nota de apresentación, os editores declaraban que o rótulo da coleición "ben puiera ter sido Re-aprender a liberdade", e daban as grazas "aos escritores que teñan a ben manifestar que a liberdade existe aínda, que non está completamente apagada, menos polo feito das proibicións da xustiza ca polo da tan violenta autocensura arestora reinante". O primeiro dos capítulos -algúns diles con rótulos tan gráficos como "O pai", "O totem", "O bruxo ou o exercizo do poder"- debullaba o miolo da custión: "Do cidadán ao súbdito". Da diagnose, escólmovos este aserto: "Eiquí, os golpes de Estado trunfan cando os banqueiros fan cadrar os seus intereses coas paixóns das rás que reclaman un rei, ou cousa polo estilo". E na conclusión, esta sentencia inapelábel: "Refacer un cidadán esixe retorcerlle o pescozo ao imbécil que se agocha disposto a saltar cando pasa un quepis. Abonda dese respeito que supura por ondequer! Abrámoslle paso é impertinencia!".
Lembreime disto todo ao recibir dun amigo de meu noticia doutro alegato-manifesto, absolutamente actual estoutro, que ven de aparecer o mes pasado nunha editorial alternativa francesa e acadar un fulminante éxito de difusión -dez reimpresións e máis de 800.000 exemplares vendidos. Titúlase precisamente Indignez-vous!, "Indignádevos!", e é un opúsculo de só tres ducias de páxinas que, de xeito conciso e directo, argumentan a prol dun chamamento condensado neste enunciado: "Compre indignarse, compre resistir, estamos fartos!". O autor é un vellote nonaxenario, de nome Stéphane Hessel. Fillo de xudeus alemáns inmigrados en Francia nos anos vinte, Hessel combatera na Resistencia, fora apresado polos nazis, torturado e deportado a Buchenwald, de onde lograra fuxir. Despois da guerra chegaría a ser embaixador de Francia, e en 1948 foi un dos redactores da Declaración Universal dos Dereitos Humanos da ONU. Nesa Declaración se inspira, poisque no seu artigo primeiro afirma: "Tódolos seres humáns nacen libres e iguais en dignidade e dereitos", e máis "Iles están dotados de razón e de consciencia e deben actuar uns a respeito dos outros nun esprito de fraternidade". Guiado por eses principios exerceu sempre Hessel como cidadán: protexeu aos arxelinos durante a guerra de liberación contra o estado francés, e nos tempos que andamos segue a defender aos inmigrantes, aos "sen teito", aos "sen papeis" -e aos palestinos fronte ao estado sionista de Israel.
En esencia, o manifesto proponse recuperar os valores polos que a sua xeración loitara hai agora sete décadas, e de feito Hessel reuníuse con antigos membros do Consello Nacional da Resistencia na preparación do seu alegato, e mesmo pon en boca dese histórico organismo algún enunciado desa proclama, como se for un chamamento reeditado nun contexto actual análogo ao de outrora: "O Consello nacional da Resistencia chama aos que construirán este novo século a indignárense perante a desigualdade, a pobreza, as ditaduras fascistoides, a despiedada ditadura económica dos mercados financeiros..." para "encetaren unha insurreción pacífica real" -"unha insurreción pacífica contra o consumo masivo, o desprezo polo débiles e a competencia de todos contra todos". O chamamento vai dirixido primordialmente á xente nova, pra que se opoña a toda caste de totalitarismos, fascismos e ditaduras, e exórtaos a resgataren a "verdadeira democracia", esixiren a independencia dos meios de comunicación e opórense ao "acoso á liberdade de prensa". Fala dunha "amnesia xeralizada" da sociedade, e denuncia o desastre ecolóxico planetario, o desnorte e perda de sentido dos dirixentes políticos actuais e o poder omnímodo da plutocracia: "O poder do diñeiro, que tanto combatemos, nunca foi máis insolente e egoísta, con servidores nas máis altas esferas do Estado".
En suma, un alegato radicalmente demócrata e republicano, dirixido a soerguer a sociedade civil e a esquerda social -isto si, sen nengunha outra concreción máis definida no abano ideolóxico do republicanismo e a esquerda. Nunha entrevista para un semanario francés tamén alternativo, o xornalista menciona unha frase de Sartre que o proprio Hessel cita no seu libriño, e coa que eu concordo -"Sempre se ten razón en revoltarse"- e pergúntalle se existe unha diferencia entre a "revolta" invocada por Sartre e a "indignación" que il propugna. Veleiquí a resposta de Hessel, ideolóxicamente ben siñificativa: "A dignidade, máis que a revolta, é algo que marca ao individuo humán. O cidadán está orgulloso da sua dignidade de home e, cando a sinte atacada, é normal que se indigne". Mais -reitero eu- acaso a revolta non é a tradución da indignación en acto? Revisito O home revoltado de Camus -aquil seu longo e denso ensaio que tanta polémica suscitara na esquerda hai máis de meio século por mor dos seus heterodoxos distingos entre revolta e revolución. E leo: "Mais a revolta é, no home, o rexeitamento de ser tratado como unha cousa e de ser reducido á simples historia". Non sei pra vós, mais, pra min, a revolta é revolución que garante a liberdade. Nen cousificación, nen conversión en monifates da historia. Ou?.
Nenhum comentário:
Postar um comentário