O debate sobre as tendencias demográficas nos EEUU e outros países ricos pode describirse como un debate entre quen se preocupan polos nosos fillos e aqueles que queren que haxa máis nenos. Iso parece unha vez que se aplica un pouco de lóxica ao conto do desastre demográfico esgrimido por aqueles que se alarman polas minguantes taxas de natalidade e a crecente esperanza de vida. A base da historia é que asistimos a unha taxa menguante de traballadores en beneficio dos xubilados. Iso suponse que significa que os nosos fillos e netos terán unha carga insoportábel para manternos durante a nosa vellez. A historia di que, nos EEUU, temos actualmente ao redor de tres traballadores por cada xubilado. En 20 anos suponse que esa proporción caerá a dúas. En países como Alemaña e Xapón a caída é algo maior, xa que teñen taxas de natalidade menores e, no caso de Xapón, menor inmigración. Tamén teñen incrementos da esperanza de vida algo máis rápidos.
A base desta historia logrou atemorizar seriamente sobre o futuro do país e do mundo a xente polo demais sensata. Un dos datos que debería aliviar os medos é que a proporción de traballadores retirados durante a década do sesenta nos EEUU era de cinco a un, moito maior que a proporción actual de tres a un. Correcto, mozos e mozas, envellecer non é novo. Como resultado da moderna tecnoloxía médica e dos altos niveis de vida, a esperanza de vida aumentou durante moito tempo. E, do mesmo xeito que actualmente ninguén culpa dos nosos problemas económicos actuais a unha gran porcentaxe de xubilados, non hai ningunha razón para pensar que en 30 ou 40 anos vaia a haber ningún factor importante que faga descender os estándares de vida.
A razón pola que actualmente somos, de media, moito máis ricos incluso tendo a moita máis poboación xubilada é o aumento da produtividade. A produtividade creceu unha media de máis do 2% anual durante os últimos 50 anos (e máis dun 2,5 durante os últimos 15). Se a produtividade crece, de media, un 2% anual, en 20 anos os traballadores estarán a producir, de media, case un 50% máis en cada hora de traballo e, en 40, un 120% máis. Eses incrementos permitirán aos nosos fillos e netos gozar dunha calidade de vida moito maior, aínda que manteñan a máis xubilados.
Mentres que ningún economista serio discute esta aritmética básica, os catastrofistas demográficos volven invariabelmente con historias sobre escaseza de traballadores. É un truco barato. Nunha economía de mercado competitiva sempre hai escaseza de traballo no sentido de que algunhas empresas non poden contratar de modo rendíbel co salario imperante. Por esa razón, a metade da forza de traballo estadounidense xa non está ocupada na agricultura. Os traballadores agrícolas tiñan mellores oportunidades salariais nas cidades, o que creaba escaseza de traballadores no campo. Como o envellecemento minora o crecemento da forza de traballo, podemos esperar algunha contracción no mercado laboral (é dicir, caída do paro). Iso significa que os traballadores poden ser máis selectivos nos empregos que elixen. Quizá ninguén queira traballar a medianoite nunha tenda. Iso podería implicar que Wal-Mart teña que pagar máis aos seus empregados e que os hoteis e restaurantes teñan que ofrecer mellores salarios a amas de chaves, botóns e friegaplatos. Maiores salarios redundarían parcialmente en maiores prezos, o que significa que poderiamos ter algunhas tendas, Wal-Marts, hoteis e restaurantes menos. Os empregos menos produtivos quedarían sen cubrir. Iso sempre pasa nunha economía dinámica. Cal é o problema? De feito, as cifras calculadas de produtividade é improbábel que melloren os beneficios asociados a ter poboacións de menor tamaño. As grandes poboacións e xentíos exercen unha presión enorme sobre o medio ambiente. Imaxínense que o tempo empregado nos desprazamentos ao traballo reducísese á metade se menores poboacións eliminasen rapidamente as horas de atascos. As medidas de produtividade non mellorarían iso. Do mesmo xeito, as medidas convencionais de produtividade non mellorarían o aumento do acceso a localizacións desexábeis, tales como vivenda nos peiraos a menores prezos.
Por tanto, cal é o problema de taxas de natalidade menores e poboacións minguantes? Ben, para algunhas persoas acabo de describilo. Aos de arriba non lles gusta pensar nun mundo en que os traballadores poidan enviar a paseo ao director de Wal-Mart. A hipótese dun mundo en que o común dos traballadores dispoña realmente de opcións de emprego serias (unha xa o sabemos) é un pesadelo para eles.
Algúns dos atizadores do medo demográfico son abertamente nacionalistas no sentido de pretender que os EEUU ou o seu país natal sexa unha grande potencia mundial. A capacidade dun país de dobrar o seu poder económico e militar dependería do seu nivel de desenvolvemento económico, así como, en certa medida, do tamaño da súa poboación. Para eses nacionalistas belixerantes, o problema é que pode non haber nenos suficientes para que os líderes nacionais do futuro sexan suficientemente poderosos. Noutras palabras, o problema non é que os nosos fillos e netos sufran, senón máis ben que os seus líderes non teñan os mozos e mozas duros con que soñan os atizadores do medo demográfico. En suma, que os países ricos non arrostran problema demográfico algún. O único problema é que xente con escasas capacidades matemáticas e fortes pretensións imperiais goza de influencia e poder.
Nenhum comentário:
Postar um comentário