Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).
Ningunha das duas expresións xustapostas nese rótulo é da miña autoría. A primeira -seguro que ben vos decatáchedes xa- é emprestada do grande Eduardo Galeano. Só que il aplicáballa, hai xa unha ducia de anos, ao mundo "global", como sarcástico rótulo da xenial diagnose contida no seu famoso libro Patas arriba. La escuela del mundo al revés. Eu en troques, no meu plaxio, redúzoa a estatura liliputiense para apoñerlla ao "local" inframundo constitucional celtibérico de arestora. Canto á segunda, só vos decataríades do empréstimo os que teñades anos de idade abondo para vos lembrar do episodio: Viva la Constitución! fora o grande titular co que o daquela adalide das recéns conqueridas liberdades democráticas, o xornal español El País, rotulara a sua primeira plana na madrugada subseguinte ao 23-F do 1981. Só que il guindara esa exclamación como patriótica proclama en tácita increpación aos militares golpistas da véspera. Eu, en troques, fágoo simplesmente como sarcástica imprecación esplícita contra os idem non uniformados de agora. Polo demáis, aquiles de antonte fracasaran; estoutros de agora prosperan. Mais non debe solprendernos: istes veñen ser os mesmos que, daquela, convirtiran en exitoso proceso involutivo os efectos políticos do fracasado golpe militar.
Non o esquezamos: prometérasenos, cando da "transición", que a solución constitucional "de compromiso" pactada en "circunstancias difíceis" sería obxeto de desenvolvemento progresivo conforme se consolidase o novo rexime democrático. Aconteceu xusto ao revés. O "fallido" 23F foi o primeiro pretexto para metérenlle a marcha atrás aos motores institucionais do desenvolvemento constitucional. Comezou así a involución que non cesa -inversa ao luminoso raio de Miguel Hernández- nunha odiosa sucesión de hipócritas pretextos e coartadas con cadanseu disfraz de decisión inevitábel disque adoptada a contrafío e arregañadentes. Deica o estoupido da crise constructo-financeira e a entronización hispánica do cinismo universal que os cidadáns do común estamos a padecer e os culpábeis do fiasco están a disfroitar: velaí sustituída a democracia constitucional pola tiranía dos "mercados", e os cidadáns libres reducidos a súbditos do imperante "fascismo financeiro", equivalentes aos indivíduos gamma neste brave new world huxleyán re-visitado. "Patas arriba" o mundo que nos esmaga. "Patas enriba" -de nós- os delincuentes magnates da plutocracia que impera nese mundo -e os seus testaferros e espoliques políticos. Aquiles mesmos que cociñaran o pacto constitucional poñen agora á constitución patas arriba para serviren aos soberanos mercados: niso consiste, seica, o famoso "patriotismo constitucional", lembrádesvos?.
Como exercizo social de saneamento ético, os representantes eleitos dos cidadáns a tódolos níveis -ese conxunto ou caste malchamada "clase política"- deberían ser obrigados a facer, perante asembleas abertas dos cidadáns representados, leitura pública da Constitución, artigo por artigo, dende o mesmiño Título preliminar, para que as xentes do común puidesen examinalos e comprobaren se a cumplen e respeitan. Nomeadamente o Título primeiro, que regula os "dereitos e deberes fundamentais", e en especial, neste contexto de crise, o seu capítulo III, que enuncia os "principios rectores da política social e económica".
O resultado do experimento sería ben pavero, abofé. Pensade en nomes coñecidos, dos que saen moito nos "medios", e imaxinádeos postos a ler en público cadanseu artigo escolleito por vós adrede pra cadansúa fasquía mental. A empezar polo a. 1º, que di aquilo do "Estado social e democrático de Dereito", e atribuídello a Aznar. A seguir polo a. 2.3, que proclama que "a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cutural que será obxecto de especial respeto e protección", e dádello a ler a Rajoy. Proseguide, escollede artigos e recitadores ao chou, tanto ten cales sexan, hai pra todos. Por caso, o a. 10.2, que remite a interpretación das normas constitucionais sobre dereitos e liberdades fundamentais a facérese "conforme á Declaración Universal dos Dereitos Humanos" -por exemplo, a autodeterminacións dos povos, non si?. Ou o a. 20.1.d, dereito a "recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión". Sigo?. O 31.1, que obriga a tributar cadaquén "de acordo coa sua capacidade económica", e preceptúa un sistema tributario baseado "nos principios de igualdade e progresividade". O 35.1, que garante o dereito ao traballo, "libre eleición de profesión ou oficio", e, a maior abondamento, "unha remuneración suficiente para satisfaceren as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso se poida facer discriminación por razón de sexo". Sigo aínda?. O 40.1, que compromete aos poderes públicos a promoveren as condicións "para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa", e -vade retro!- "de maneira especial realizarán unha política orientada ao pleno emprego". Paro. Só duas minúsculas pérolas máis. Unha delas, no a. 47: "A comunidade participará nas plusvalías que nazan da acción urbanística dos entes públicos" (?!). A outra, no 50: "Os poderes públicos garantirán, mediante pensións axeitadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns na terceira idade". Non son máis ca mostras ao chou, pero, non é verdade que todos eses preceptos están a ser rigurosamente obedecidos e aplicados con meirande esmero cada ano que pasa polos parlamentos que fan as leis e os governos que as executan, tanto no poder central do Estado canto no da autonomía galega?. Cómo?. Non concordades?. Pois daquela sodes ben ruíns e atravesados: carecedes de "patriotismo constitucional".
"Hai cento trinta anos, despois de visitar o país das maravillas, Alicia meteuse nun espello para descubrir o mundo ao revés. Se Alicia renacese hoxendía, non precisaría atravesar ningún espello: abondaríalle debruzarse na fiestra". Escribiuno Galeano como introito á sua escola do mundo ao revés, esa xoia de retrato en clave paródica do modelo ultraliberal de sociedade na era da "globalización". Coñezo ben ao autor, e seguro que non permitiría impórmoslle a ninguén a leitura desa súa obra: defende arreo a liberdade mesmo para os que a negan. Mais eu, que son moi rabudo, faríallela estudar, e logo pasar exame, a políticos institucionais e banqueiros. Inda que só fose por ver se aprendían español dunha vez. E se os espellos lles valen aos desa tribo pra algo máis que se barbearen -iles- e enfeitaren -elas. Ben sei que non vou ter ocasión de lles impór esa penitencia, e é mágoa, porque igual se reformaban algúns, que cousas máis insólitas téñense visto, abofé. De xeito que vouvos traducir eiquí unhas mostras pra que vós, que non sodes desa tribo, me deades a vosa opinión: funcionaría esa terapia?; recoñeceríanse nese espello?; tornaríanse recuperábeis para o xénero humán?. É moito pedirvos, madia leva, pro botádeme unha man. Velaí vos van as mostras.
"Na escola do mundo ao revés, o chumbo aprende a aboiar, e o cortizo a se afundir. As víboras aprenden a voar e as nubes aprenden a andar a rastas polos camiños".
"O mundo ao revés premia ao revés: despreza a honestidade, castiga o traballo, recompensa a falla de escrúpulos e alimenta o canibalismo. Os seus mestres calunian á natureza: a inxustiza, din, é lei natural".
"As posibilidades de que un banqueiro que baleira un banco poida disfroitar, en paz, do froito da sua angueira son direitamente proporcionais ás posibilidades de que un ladrón que rouba un banco vaia parar ao cárcere ou ao cemiterio".
"Cando un delincuente mata por algunha débeda impaga, a execución chámase axuste de contas; e chámase plan de axuste a execución dun país endebedado, cando a tecnocracia internacional decide liquidalo. (...) A economía mundial é a máis eficiente expresión do crime organizado".
"A arte de enganar ao próximo, que os estafadores pratican cazando incautos polas rúas, acada o sublime cando algúns políticos de éxito exercitan o seu talento. Nos suburbios do mundo, os xefes de estado venden os saldos e retrincos dos seus países a prezo de liquidación por fin de temporada, como nos suburbios das cidades os delincuentes venden, a prezo vil, o botín dos seus asaltos".
"Os asaltantes, á espreita nos currunchos, pegan poutadas que son a versión artesán dos golpes de fortuna asestados polos grandes especuladores que esbullan a moitedumes por computadora".
"O mundo ao revés ensínanos a padecermos a realidade no canto de mudala, a esquecermos o pasado no canto de escoitalo, e a aceptarmos o futuro no canto de imaxinalo: así pratica o crime, e así o recomenda. Na sua escola, escola do crime, son obrigatorias as aulas de impotencia, amnesia e resignación. Pero está visto que non hai desgraza sen graza, nen cara que non teña a sua contracara, nen desalento que non percure o seu alento. Nen tampouco hai escola que non atope a sua contraescola".
Eduardo Galeano. Patas arriba. La escuela del mundo al revés. Montevideo, 1998.
Pois... qué máis vou dicirvos?. Xa sei: "Viva la Constitución!".
Nenhum comentário:
Postar um comentário