Este artigo describe desenvolvementos políticos que están a ocorrer nalgúns partidos socialdemócratas na Unión Europea e que traducen unha falta de actitude crítica cara aos comportamentos que lles levaron á súa profunda crise.
Un dos indicadores máis claros da enorme crise e desorientación dalgúns partidos socialdemócratas en Europa é o seguinte dato: segundo as últimas enquisas aos membros do Partido Socialista francés, un dos candidatos preferidos para representar a tal partido nas próximas eleccións presidenciais francesas é nada menos que o "socialista" Dominique Strauss-Kahn, o Director do Fondo Monetario Internacional (FMI), a institución financeira internacional que está a liderar a suposta saída da crise a base de medidas de enorme austeridade, que están a danar a calidade de vida e benestar social das clases populares dos países da Unión Europea.
O último exemplo destas políticas foron as medidas impostas a Irlanda, e que inclúen: a eliminación de 24.750 postos de traballo público (8% de toda a forza laboral); unha diminución de 10% dos salarios; unha redución moi notábel das transferencias públicas ás familias de rendas inferiores, á sanidade pública, e a conxelación das pensións; un incremento da regresividade fiscal e un aumento do IVE, subíndoo de 21% a 24% en 2014; a inclusión das familias con menos ingresos (exentas até agora de pagar impostos) na responsabilidade fiscal; unha redución dun 11% do salario mínimo; e unha longa lista de medidas que están a danar á clase traballadora e outros sectores das clases populares.
Todas estas medidas foron impostas a tales clases populares de Irlanda, como condición de que o FMI prestase ao goberno 22.000 millóns de euros (a uns xuros claramente inflados do 5.7%). Estes fondos, con todo, non irán mellorar o benestar das clases populares irlandesas, senón a pagar a débeda que o goberno irlandés debe aos bancos que compraron tal débeda pública irlandesa. A tal chamada "axuda" do FMI a Irlanda non era á poboación irlandesa, senón á banca estranxeira (británica, alemá, francesa, belga e outras) que prestara diñeiro ao goberno para que este, por certo, puidese salvar ás bancas irlandesas que colapsaran despois de especular en actividades inmobiliarias. O déficit público do goberno irlandés había subido dun 14% en 2009 a un 32% en 2010 e iso debido, en gran departe, á "axuda" do goberno á banca irlandesa, altamente especuladora.
Irlanda, por certo, fora presentada polos ultraliberais como o exemplo da bondade das políticas ultraliberais. O fracaso de tales políticas quedou ao descuberto co colapso da banca e a enorme axuda do estado á banca. Mentres, os que non perderán nada serán os bancos estranxeiros, que terán a axuda do FMI, axuda que se disfraza como axuda a Irlanda. En realidade, tales bancos estranxeiros, que conseguiron préstamos do BCE a un interese de só un 1%, teñen agora uns bonos públicos que, grazas ao FMI, máis que quintuplicarán tales intereses. Noutras palabras, un chanchullo extraordinario á conta da clase traballadora irlandesa. E todo iso baixo a supervisión dunha institución, o FMI, dirixida por un "socialista", que é un dos preferidos polos membros do Partido Socialista francés para que lles lidere nas próximas eleccións en Francia. Á luz destes e outros datos é fácil de entender porque a socialdemocracia en Francia está nunha crise profunda, resultado da súa enorme confusión e desorientación.
OUTROS CASOS DE CONFUSIÓN. A PROMOCIÓN DE BLAIR E CLINTON NOS FOROS SOCIALDEMÓCRATAS
Outro exemplo de confusión é a promoción por parte de centros de reflexión de maiores partidos socialdemócratas europeos (incluíndo españois) das figuras de Blair e Clinton, presentándoos como persoas progresistas ás cales se lles convida en reunións sobre o futuro das forzas progresistas no mundo. Blair foi o maior responsable do colapso do partido Laborista en Gran Bretaña. Tal como indiquei noutro artigo, publicado en Sistema Dixital, "A crise da socialdemocracia en Europa" (18.06.10), o Partido Laborista pasou de obter o 33% do total do electorado en 1997 a un 25% en 2001, e a un 22% en 2005. Se Grande Bretaña tivese un sistema electoral proporcional, perdería a maioría xa na segunda convocatoria electoral desde que gañou a primeira vez en 1997. O rumbo electoral que favorece o bipartidismo ocultou este colapso, de tal maneira que, a pesar do descenso tan marcado do electorado, o Partido Laborista (New Labour) mantivo a maioría parlamentaria até 2010. Iso foi a causa da lonxevidade do seu mandato, a cal non se debeu á súa popularidade (como Anthony Giddens e outros portavoces do socioliberalismo e da corrente da Terceira Vía sosteñen), que diminuíu espectacularmente, senón ao sistema electoral bipartidista e aos enormes problemas internos do Partido Conservador.
Referente ao ex Presidente Clinton, as súas políticas foron responsábeis das enormes perdas do Partido Demócrata no Congreso de EEUU en 1994, resultado da enorme abstención das súas bases electorais (tal como ocorreu na Grande Bretaña co New Labour) que deron a grande vitoria ao Partido Republicano. O Presidente Clinton e o seu Ministro de Facenda, o Sr. Robert Rubin, banqueiro de Wall Street, e o Sr. Greenspan, confirmado no seu posto de director do Banco Central Estadounidense polo Presidente Clinton, foron continuadores das políticas desreguladoras do capital financeiro (que acentuaron coa anulación da Lei Glass Steagall) responsábeis do desastre e crise cos que nos enfrontamos. O papel histórico destas dúas figuras foi negativo para a socialdemocracia e para as forzas progresistas a ambos os dous lados do Atlántico. É sorprendente que se lles dea un forum en círculos de reflexión socialdemócratas, para promocionar as súas ideas, forums, por certo, negados a dirixentes e intelectuais de probadas credenciais progresistas. É esta a reflexión que a socialdemocracia quere facer sobre o seu futuro?
Nenhum comentário:
Postar um comentário