Isaac Rosa. Artigo tirado de aquí.
El gobierno ofrece una jubilación con flexibilidad, alargar la edad hasta los 67 años pero incrementar la flexibilidad -Elena Salgado, vicepresidenta económica do Goberno-.
Son eu o único que se bota a tremer cando ouve falar de "flexibilidade" no debate sobre a reforma de pensións? Ninguén máis se asusta? Porque a min ler na mesma frase pensións e flexibilidade dáme case máis medo que os temidos 67 anos. De feito, empezo a sospeitar se ese 67 non será un macguffin que ao final até desapareza da escena, pero que entre tanto conseguiu levarnos ao morteiro da reforma.
Volvo ao da flexibilidade, porque é a palabra de moda entre os negociadores. Poucos eufemismos tan danosos hai na xerga economicista como ese. Se o seu xefe dilles que está a pensar introducir máis flexibilidade, vostedes xa saben de que está a falar, e bótanse a tremer ou se pon de uñas. Se o presidente da patronal pide eliminar rixideces, enténdeselle todo. E se o ministro do ramo promete unha reforma para ser máis flexíbeis, imos preparando a faixa.
Levamos anos ouvindo falar de flexibilidade aplicada ao mundo do traballo: contratos flexíbeis, despedimento flexíbel, xornada flexíbel, modos de produción flexíbeis, flexibilidade salarial... No tema laboral xa non nos enganan, xa sabemos de que falan. Por que a flexibilidade aplicada ás pensións ía ser diferente?
Chámenme a cisa, mais témome o pior: que a deterioración laboral en que resultou todo ese discurso sobre a bendita flexibilidade se traslade tamén ao ámbito da xubilación e acabemos tendo (máis do que xa temos) xubilados precarios e pensións-lixo igual que temos traballadores precarios e contratos-lixo.
Porque o argumentario xa mo coñezo: co tema laboral, a flexibilidade era unha promesa de felicidade para os traballadores, que teriamos máis autonomía, máis facilidades para a conciliación familiar, e pagaríasenos o que de verdade valemos. Pois o mesmo coas pensións: asegurarannos que coa flexibilidade cada un poderá facerse o seu retiro a medida, que se xubilará cando queira e terá incentivos para mellorar a súa pensión. E na prática comprobaremos de novo o que significa ser flexíbel: poder dobrarte sen chegar a romperte.
Nenhum comentário:
Postar um comentário