22 documentos do feminismo galego
Edita: Galiza Sempre (www.galizasempre.org)
Ano 2011
ANACOS DE FEMINISMO (nova redactada por Lara Camino en Galiza Hoxe)
O aborto, o divorcio, a libre sexualidade, a participación política, a igualdade doméstica... Aínda non tendo todo acadado, a sociedade de hoxe dá fe dos espazos, en termos de dereitos conquistados pola loita feminista, que se constituíu como movemento en Galicia aló polos anos 70 e 80. Conquistas recoñecidas e que, con todo, perigan hoxe coa existencia dunha "corrente neoconservadora" que busca levar a muller de volta á casa para cumprir o seu papel de esposa.
Así o criticou onte o director da Fundación Galiza Sempre (FGS), Xabier Macías, quen advertiu de que "hai problemas gravísimos entorno aos dereitos das mulleres", sendo o máis preocupante as "forzas políticas e sociais que queren dar pasos atrás, que queren volver a unha situación de menor libertade e menor autonomía" feminina.
Con motivo da presentación do libro 22 documentos de feminismo galego, de recente publicación por parte da fundación que dirixe, Macías reflexionou sobre o recoñecemento ao feminismo histórico en Galicia e as actuais correntes que, segundo lamentou, poñen en perigo moitos dos dereitos acadados. É o caso das tendencias "neoconservadoras" que "enfatizan o papel das mulleres como nais e como esposas, e que queren facer retroceder os espazos e as libertades conseguidos polas mulleres", denunciou.
Panfletos e manifestos das protestas históricas
O libro xorde por mor dunha exposición organizada pola Fundación Galicia Sempre na que se recompilaron arquivos e documentación do movemento feminista en Galicia, tras o que se formularon "a utilidade de recoller panfletos e manifestos dos que se len en manifestacións ou campañas", un tipo de documentos que, segundo Macías, "normalmente teñen interese porque son representativos dunha época, dunha campaña, dun contexto, pero que non se reproducen, non se conservan ou non son accesibles". Velaquí a intención do libro: "Facer accesible documentación con interese histórico do movemento feminista en Galicia", engadiu Macías.
Panfletos, manifestos e documentos da loita polos dereitos das mulleres que transcorreu entre os anos 1975 e 2003 e que deixan constancia das principais campañas impulsadas no noso país.
O dereito ao divorcio ou ao aborto; contra o delito de adulterio; as demandas de emprego digno e do repartimento igualitario de tarefas domésticas; a denuncia da violencia machista; a reivindicación dunha sexualidade libre ou da plena participación das mulleres son algúns dos temas que configuran esta escolma de documentos, con textos introdutorios da xoven historiadora Isabel Rodríguez Mate a partir de fontes documentais da Fundación 10 de Marzo e, en especial, da histórica feminista Nanina Santos.
Para o responsable da Fundación Galiza Sempre, os 22 documentos recollidos "atesouran que os dereitos non caen do ceo e que a súa progresiva inclusión na legalidade requeriu o esforzo e mobilización de moitas persoas, a miúdo en condicións adversas", destacou Macías, quen considerou que "as ideas das organizacións feministas si que teñen un recoñecemento na sociedade actual". Con todo, engadiu, "hai moitas cousas que siguen mal e o recoñecemento pleno, alén do legal, está moi verde, queda moito por facer, concluiu.
A publicación, que se suma á traxectoria divulgativa da Fundación Galiza Sempre (FGS) en temas de feminismo, está dispoñible desde xa nas librerías de todo o país.
Xabier Macías
"O máis preocupante son as forzas políticas e sociais que queren dar pasos atrás, volver a unha situación de menor libertade e menor autonomía das mulleres"
Nenhum comentário:
Postar um comentário