18/02/2011

Sobre autoodio e endofobia

Miguel Anxon Fernán-Vello. Artigo publicado orixinalmente aquí.
http://www.trip-margarita.com/spn/excursions/images/cn_indios.jpg
Falándomos dos fenómenos da ignorancia cultural e do pailanismo urbano, tan frecuentes, por desgraza, no noso país, inmediatamente nos atopamos co autoodio e a endofobia, males estes semellantes entre si e produto, sen dúbida, de elementos resultantes que teñen moito que ver -velaí algunha análise no plano social efectuada sobre o tema- coa dominación psicolóxica e a inferiorización transferida. En Galicia, ademais dun autoodio individual e social instalado en determinadas capas da poboación, a endofobia -enténdase, unha caste moi particular de rexeitamento ou sentimento de aversión polo propio- atopa tamén o seu espazo. ¿Acaso os colectivos etnocidas que en Galicia se manifestan contra o idioma galego e traballan pola súa desaparición non practican claramente o autoodio e a endofobia? Como ben di o escritor catalán Víctor Alexandre, un dos maiores perigos de toda subordinación prolongada -velaquí a Galicia e os galegos subordinados culturalmente á España castelá- é que incapacita psicoloxicamente á vítima fronte ás agresións que padece. ¿Acaso algúns dos coñecidos dirixentes dos grupos etnocidas e galegófobos -véxanse as súas declaracións mediáticas- non rexistran no fondo da súa conciencia, a respecto da súa verdadeira identidade, un problema, dígase así, de disonancia cognitiva? Existen, así o expresa Víctor Alexandre, verdadeiros pedagogos do autoodio. Mais o autoodio á galega máis estendido é -lémbreno vostedes, toda unha mostra- o protagonizado por esa concursante coruñesa do patético reality show televisivo. O autoodio (Rafael Ninyoles) entendido como a vergoña que experimentan os falantes dunha lingua -a concursante recoñecía, si, a súa capacidade para falar en galego- pola súa condición lingüística subalterna (disonancia cognitiva) fronte a aqueles cuxa lingua principal é a dominante. "El gallego bruto, el feo -estaba a referirse a concursante ao que se fala en Lugo-, que está asociado a la gente todavía más ignorante". Pura vítima ela incapacitada para ver máis alá dos seus fociños..

Nenhum comentário: