10/02/2011

Cómpre artellar alianzas de pobos contra a crise da civilización e pola radicalización da democracia

Manoel Santos. Artigo tirado de aqui.

A tenda da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos desenvolve as súas actividades a carón do reitorado da Universidade Cheik Anta Dioup. Hoxe practicamente se encheu para escoitar os moitos e diversos pobos que contribúen, dende as súas realidades nacionais, á preservación da paz, da cultura e da democracia no planeta.

 
Coordinada por Xosé Manuel Beiras, representante galego e membro do Consello Internacional do FSM, este tipo de palestras tratan de “poñer os dereitos colectivos dos pobos na cerna da axenda altermundista”, como afirma Carles Riera, director do CIEMEN catalán e tamén membro do CI do FSM, “porque a nosa convicción é que non é posíbel o outro mundo que queremos construír sen as propostas radicalmente democráticas que propoñen os pobos sen Estado, que inclúen a defensa dos territorios, das culturas, das linguas, sumándose deste xeito á axenda global polos dereitos humanos, pola democracia e polo ambiente”.
O galego Camilo Nogueira, tamén presente, entende os dereitos colectivos dos pobos como os de todos os pobos. “Nestas xornadas en Dakar facemos fincapé nos dereitos das nacións sen Estado –tanto europeas como as tradicionais dos pobos indíxenas sometidos, etc.– mais tamén nos dos pobos do mundo enteiro, dereitos ligados á democracia, á procura dun sistema económico non dominado polas grandes corporacións e as grandes potencias. A experiencia de escoitar aos pobos indíxenas de latinoamérica ou ao kusdistán é enormemente enriquecedora. E necesaria. Ao cabo, temos un proxecto común, unha encomenda global para reconciliar a natureza coa sociedade, cos dereitos dos pobos… ”. Camilo pensa que en Dakar confírmase que este movemento aberto en Porto Alegre hai 11 anos vai na boa dirección. “Despois en cada país, en cada Estado, en cada continente e en cada nación hai que avanzar na procura desta democracia global, individual e colectiva que todos desexamos”. En todo caso “Galiza está moi presente nesta batalla”, afirma Camilo Nogueira.

A diversidade e as diferentes pero coordinadas olladas son as principais características deste espazo común. Así, Beiras convidou a falar a Yann Choucq, do Comité Bretón pola Democracia e os Dereitos do Home; a Katu Arkonada, representando á esquerda abertzale vasca –cuxo proceso é moi seguido aquí–; a David Minoves, da Fundación Irla (Esquerra Republicana de Catalunya); a Rania Madi, representando a Palestina; a Tomás Huanacu, boliviano vicecoordinador da CAOI (Coordinadora Andina de Organizacións Indíxenas); a Roberto Espinoza, o peruano que coordina toda a rede indíxena no FSM; a John Cliff, do parlamento de Cornualles; e a Emine Ayna, deputada do partido Kurdo no parlamento turco

Entre o público tamén estaban Moema Miranda, directora do Ibase brasileiro e fundadora do Foro Social Mundial e Oriol Junqueras, eurodeputado de Esquerra Republicana de Catalunya que será substituído este decembro pola galega Ana Miranda, do BNG, e que acude ao seu primeiro FSM. Oriol ve nos foros unha chea de pobos e xentes que “está claro que non teñen voz, e que se reúnen aquí para paliar probabelmente déficits das institucións, mais non sei se estas metodoloxías son o mellor camiño”.

As cinco claves do Beiras

Beiras resumiu o intenso debate con cinco cuestións básicas que para el é necesario que estean perfectamente claras. En primeiro lugar fixo alusión aos territorios e os pobos: “O territorio non pode ser suxeito de dereitos, senón os pobos e cidadáns que os compoñen. En tratando de resolver problemas pola vía do territorio érrase completamente, coma no caso das autonomías –do café para todos– do Estado español”.

Xosé Manuel Beiras criticou que tanto a Constitución española como o seu desenvolvemento non permitiran nin permitan o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español, aceptando que os pobos vasco, galego e catalán sexan titulares da súa soberanía política.

En segundo lugar, dende o punto de vista das normas existentes a nivel internacional, como a ONU, nestas palestras demostrouse que os dereitos colectivos están perfectamente recoñecidos, como na Declaración dos Dereitos dos Pobos Autóctonos da ONU. “A negativa a recoñecer estes dereitos polos Estados e supraestados como a UE é ilegal, vai contra as constitucións”, dixo Beiras, así “a resistencia está xa que logo lexitimada. A defensa propia está recoñecida por todos os códigos penais do mundo”, facendo alusión ás loitas de saharauis, palestinos, kurdas, etc.

O terceiro apuntamento fai referencia “á necesidade dunha fronte común dos pobos sen Estado. Esta Rede Mundial dos Dereitos Colectivos dos Pobos é un lugar de encontro moi necesario”.

En cuarto lugar, para o presidente da Fundación Galiza Sempre a noción de crise civilizaroria achegada polas nacións indíxenas americanas é clave para explicar o que está a acontecer no planeta. “Non é só unha crise sistémica e política, ou unha crise social e climática, é o modelo de civilización o que resume e explica a situación actual”.

Finalmente, para Beiras as loitas locais concretas e localizadas son as que fan avanzar os procesos emancipatorios a nivel global, mais só a coordinación destas loitas, as alianzas, pode conseguir efectos globais. E puxo como exemplo a Galiza: “no meu país hai un goberno autónomo e nestes intres goberna, por moi pouco, unha dereita case fascista que entre outras cousas está a desenvolver un proceso de analfabetización do idioma propio da nosa nación. Este é só un exemplo do que acontece hogano en toda Europa. Cremos que as alianzas fortes con outros pobos poden axudarnos a combatir estas aberracións”.

Nenhum comentário: