O director da Fundación Galiza Sempre e presidente do Centre Maurits Coppieters (CMC) –fundación adscrita ao grupo parlamentar europeo Os Verdes-Alianza Libre Europea– defendeu en Dakar a necesidade de soberanía para o pobo galego e outras nacións sen Estado.
Dakar, 8/02/2011.
A meirande parte das actividades galegas en Dakar xiran ao redor do eixe 12 do programa do FSM, que procura paradigmas alternativos á crise de civilización, por medio da descolonización e socialización do poder, especialmente nas relacións entre Estado-Mercado-Sociedade; os dereitos colectivos dos pobos, a desmercantilización da vida e do “desenvolvemento”, e a emerxencia de subxectividades e epistemoloxías alternativas ao racismo, ao eurocentrismo, ao patriarcado, ao antropocentrismo…
Dúas son as liñas principais do dito eixo. Por unha banda as discusións sobre o futuro e as estratexias a seguir por un FSM que xa cumpriu unha década; e pola outra o papel dos dereitos colectivos na construción dun outro mundo posíbel, que xa tomara protagonismo no FSM de Belém en 2009. Pois iso, novos paradigmas e novas visións.
Nesta última liña de traballo aconteceu a actividade “os conflitos do mundo dende a perspectiva dos dereitos colectivos dos pobos”, que en forma de mesa redonda e con moi boa e moi diversa asistencia contou coa participación de Carles Riera, do Ciemen catalán; Soraya Sough, representando o pobo Amazigh; Mehmet Yuksel, do Kurdistán; Domingo Hernández, de Guatemala; Rafael Reig, do País Valenciá e Xabier Macías, da Galiza.
Macías explicou os obxectivos da delegación galega neste espazo: “explicar e difundir a nosa realidade e coñecer outros pobos, culturas e reivindicacións, para traballar en rede por un outro mundo posíbel”.
Segundo Macías a presenza galega e doutras nacións sen Estado no FSM, que xa vén de lonxe, pretende pular polos nosos dereitos nacionais, pois a dimensión colectiva dá sentido e especificidade á existencia dsa humanidade. Mais, aclarou, “non o facemos por localismo ou falta de sentido global, e moito menos por chauvinismo, senón coa intención de pór as bases dun mundo alternativo para combatir as prácticas imperialistas sobre pobos negados”. “As nosas reivindicacións son totalmente compatíbeis coa idea dunha cidadanía planetaria, mais queremos ter a nosa capacidade de decisión, como teñen os demais”, apuntou, para desfacer certos “clixés” errados que envolven á mantenta os movementos nacionalistas das nacións sen Estado.
Para Macías, o combate pola soberanía popular ten dous importantes sentidos, a defensa dos dereitos colectivos (linguas, culturas, soberanía) e a loita decidida pola democracia e a participación popular.
Para rematar, o presidente do CMC quixo explicar aos pobos africanos, moi interesados no tema, que dende a ollada da Rede polos Dereitos Colectivos dos Pobos queren tamén amosar unha realidade diferente da que hogano representa a Unión Europea (UE). “Os movementos nacionais do CMC queren unha nova Europa, construída de abaixo arriba a partir das súas comunidades nacionais. Combatemos o imperialismo europeo porque os nosos pobos sofren dentro de Europa a negación de dereitos lingüísticos, culturais e nacionais. Rexeitamos o camiño neoliberal emprendido pola UE, que debería e podería ser un exemplo de redistribución da riqueza, conquista de dereitos sociais, un contraforte da hexemonía estadounidense, etc.”, para concluír preguntando: “Por que Malta e non Catalunya? Por que Chipre e non Escocia? Por que poden estar na UE estes Estados e non nacións con maior peso cultural, demográfico e histórico ás que constantemente se lle negan os seus dereitos?”
A Fundación Galiza Sempre trouxo a Dakar uns folletos que rezan, en galego e francés: “Galiza, Nation sans Etat, avec voix au FSM”. Abofé que si, Galiza con voz propia na cerna do movemento de movementos, ese que está a construír un outro mundo posíbel, no que caibamos todos e todas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário