10/02/2011

FSM: soberanía política… para cambiar o mundo

Manoel Santos. Tirado de aqui.

A asemblea da Rede polos Dereitos Colectivos dos Pobos no FSM, na que participou a delegación galega, asume a loita pola da soberanía política como camiño para defender tamén os dereitos da nai Terra, por considerar estes un tema vital para a humanidade e a emancipación dos pobos. A rede terá presenza nas principais mobilizacións globais dos vindeiros meses, dende o día da dignidade indíxena do 12 de outubro ao cumio da mudanza climática de Durban (Sudáfrica), en novembro.
                                                                                                                                                                                                                                       Dakar, 10/02/2011.

Asemblea Mundial dos Habitantes, da Rede polos Dereitos Colectivos dos Pobos, da liberdade de expresión, de loitas contra a militarización e pola descolonización, plan de acción de loitas cara a COP 17 e Río+20, dos dereitos do home, das mulleres, da soberanía alimentar, sobre o G8/G20, por un Foro Social permanente, pola libre circulación e unha enchente de temáticas máis.

Os días 10 e 11 celébranse na Universidade de Dakar até 38 asembleas temáticas que confluirán o último día na asemblea de asembleas, para así definir unha axenda mundial de propostas e accións. Nos dous días posteriores celebrarase o Consello Internacional del FSM.

Todas as asembleas remataron un chisco antes do previsto para unirse ás 12 da mañá a unha manifestación en apoio ao pobo saharaui, que sufriu durante o desenvolvemento do FSM o acoso e boicot dunha ampla delegación marroquí chegada a Dakar co financiamento do goberno dese país, algo que o Consello Internacional cualificou de inaceptábel e vergoñento.

Galiza, dos dereitos comúns ás loitas polo planeta

A delegación galega participou pola mañá na II Asemblea dos Dereitos Colectivos do Pobos (Pnet) e pola tarde na do eixo 12, que inicia un proceso cara a definición dun plan de acción de loitas que teñan como referencia en primeiro lugar a COP 17 sobre a mudanza climática en Durban (Sudáfrica), a celebrar a finais do vindeiro novembro, e despois Río+20 –que será en xuño de 2012–, dúas décadas despois do Cumio de Río de 1992, amais doutras. Nesta última asemblea participaron organizacións como o GRAP, A Vía Campesina, Xubileo Sur, Attac Francia, a CUT, a Confederación francesa democrática do traballo e os pobos indíxenas da Amazonía, entre outras moitas.

A idea de crear unha Pnet naceu no FSM de Belém, en 2009, e se concretou meses despois na asemblea constituinte en Girona (Catalunya), na que se aprobou un documento cunha declaración fundacional, uns textos complementarios en relación á identidade e os obxectivos da rede e outros sobre a estrutura organizativa e a axenda 2010-2011.

A de Dakar foi xa que logo a segunda asemblea, cuxo primeiro punto aprobou a decisión de legalizar a rede como asociación internacional, proceso que será facilitado polo grupo fundador da rede. En principio poden ser membros da rede persoas xurídicas –organizacións–, de carácter político, sindical, social ou cultural sen ánimo de lucro, mais non organismos gobernamentais ou axencias públicas. A estas tamén se engadiron organizacións de pobos orixinarios ou indíxenas, de xeito que a rede asume tamén como lexítimo o ordenamento social e xurídico dos pobos orixinarios, e polo tanto a diversidade xurídica do planeta, que moitas veces non coincide co modelo xurídico europeo. Unha importante decisión política.

Entre as finalidades está, loxicamente, a articulación de movementos e organizacións de todo o mundo que actúan para o recoñecemento, a promoción e a posta en marcha dos seus dereitos, entre eles o dereito á autodeterminación e a democracia, á conservación das súas culturas, territorios e linguas, e traballará activamente no proceso do FSM. De feito neste foro de Dakar a rede xa solicitou, a través da CAOI (Coordinadora Andina de Organizacións Indíxenas), a súa inclusión como membro do Consello Internacional do FSM. A loita polo recoñecemento destes dereitos elevarase tamén a institucións e organismos internacionais, especialmente a Nacións Unidas. E apoiaranse os procesos de descolonización dos pobos oprimidos polas civilizacións dominantes, participando nos seus procesos de liberación.

A rede reunirase na súa terceira asemblea en setembro de 2011, no segundo Foro Social Mesopotámico, que se vai celebrar en Amed –en turco Diyarbakir–, no Kurdistán baixo dominación turca.

Por último, o artellamento da rede coas loitas pola xustiza ambiental considérase un tema central e para iso se vai elaborar unha axenda, por canto as amenazas contra a natureza afectan en primeiro lugar aos desherdados do planeta e aos pobos e comunidades que, por riba, non teñen capacidade de decisión por carecer de estados propios. Un camiño de traballo, amais do cumio da mudanza climática en Durban, pode ser dar apoio en xaneiro 2012 en Porto Alegre, a un posíbel Foro Social temático sobre xustiza ambiental que prepare accións e propostas coordinadas de cara a Río+20. Dos dereitos indivuais, sáltase aos dereitos colectivos e de aquí aos dereitos da natureza, da nai terra, asumíndose a declaración de Cochabamba sobre a xustiza climática de abril de 2010, en contraposición ás ineficaces e insuficientes propostas de Copenhagen primeiro, Cancún despois e probabelmente do próximo cumio de Durban.

A delegación galega, asemade, interviu para incidir na necesidade de loitar quer polos dereitos lingüísticos dos nosos pobos quer polos dereitos políticos, pois dificilmente se poderá loitar polos dereitos individuais ou polos dereitos da nai terra se carecemos de espazos de decisión efectivos como pobos.

A aprobación da declaración final do espazo polos dereitos dos pobos no FSM, en cuxa redacción participou Xosé Manuel Beiras, e que tamén se encargou da súa lectura pública, pechou a asemblea, solidarizánse ademais co proceso de normalización democrática da esquerda abertzale vasca e co referendo popular sobre a independencia de Catalunya que terá lugar en Barcelona o vindeiro 10 de abril.

Nenhum comentário: