Artigo tirado de aquí e traducido para o galego-portugués por nós. Durante máis de cinco décadas, a célebre feminista e escritora exipcia loitou contra os poderes fácticos. The Root púxose en contacto con ela horas antes da caída do ditador Mubarack, compañeiro de filas na II Internacional do PSOE. Rebecca Walkner entrevistouna.Rebecca Walker (1969), xornalista e ensaista feminista, é ben coñeida nos EUA polos seus libros e artigos, en boa medida autobiográficos, sobre cuestións de identidade, familia e xénero.
Nawal O Saadawi -- psiquiatra, erudita, novelista, feminista e activista -- leva máis de cincuenta anos de axitación en favor do cambio no seu país natal. Aberta opositora da mutilación xenital, foi despedida en 1972 do seu posto de directora de educación para a saúde en Exipto. Cando o presidente Anuar O Sadat a enviou ao cárcere por mor do seu activismo, redactou as súas memorias nun rolo de papel hixiénico. Laica comprometida, o seu nome aparece nas listas de obxectivos dos fundamentalistas.
Con 79 anos de idade, viviu no exilio, saíndo e entrando, os últimos 15 anos, ensinando na Duke University e no Spelman College nos EUA. Durante o último ano, pouco máis ou menos, andou de regreso a Exipto, escribindo e organizando a activistas novos. Rebecca Walker, de The Root, contactou con ela esta mañá temperán a piques de saír ás rúas no intre xusto antes da renuncia do presidente Mubarak.
Nawal O Saadawi: Estou na miña casa, no meu apartamento do Cairo, preparándome para saír á rúa.
TR: Vai ir vostede á Praza [de Tahrir]?
NS: A praza está repleta. Non queda espazo na praza, e decidimos por tanto que estaremos por todos lados. Os exipcios irán a todas as prazas, a todas as rúas, ao palacio presidencial. Estaremos por todas partes. Esta revolución unificounos. Non somos homes e mulleres, cristiáns ou musulmáns, profesionais ou non profesionais, somos todos exipcios, e non deixaremos que arda Exipto.
TR: Como están a organizar esta revolución? Hai liderado entre o pobo?
NS: Facémolo por medio de Facebook, teléfonos móbiles e correo electrónico.
TR: Preocúpalle quen substituirá a Mubarak? Que hai dos Irmáns Musulmáns ou doutros grupos extremistas?
NS: Non estou en absoluto inquieta polos Irmáns. Hai moitas esaxeracións sobre esta organización, e iso úsase para amedrentar ás mulleres, aquí e tamén en Occidente. Os Irmáns Musulmáns son unha minoría. Non encabezan a revolución e moitos de quen militan na organización desexan unha constitución laica. Homes e mulleres protestaron na praza xuntos e xuntos morreron na praza.
Non houbo un só caso de acoso a mulleres na praza. E alí había mulleres cubertas, mulleres laicas, mulleres de todas as orixes. Non, non foron os Irmáns Musulmáns os que atacaron ás mulleres, foi a xente de Mubarak que entrou na praza matando. Todo o que se di sobre os Irmáns Musulmáns non é máis que un intento de utilizar a relixión para dividir ao pobo. Non se preocupe, os Irmáns Musulmáns nunca gobernarán Exipto.
NS: Non espero nin poder nin apoio ou interferencia de ninguén, de ningún goberno. Estamos fartos en Exipto do colonialismo norteamericano. Obama é persoa pragmática e pensa nos intereses do seu país, isto enténdoo. Pero agora móstrase confuso: axiña que apoia a Mubarak como se aparta del; axiña que parece temer aos Irmáns Musulmáns como non temelos. Eu creo hoxe só no pobo de Exipto, dependo soamente do pobo de Exipto.
NS: Homes e mulleres están hoxe nas rúas como iguais. Por suposto, se coñeces a historia das revolucións, daste conta de que despois da revolución, os homes con frecuencia quedan co poder e ignoran os dereitos das mulleres. Co fin de preservar os dereitos das mulleres despois da revolución, as mulleres deben estar unidas. Debemos lograr de novo a unión das mulleres. Non podemos loitar individualmente.
TR: Como sabe vostede que a xente que siga a Mubarak respectará as súas esperanzas de cambio?
NS: Esta revolución cambiouno todo. Na historia vencen os millóns, a democracia é iso. Hoxe o pobo di non a Mubarak e logo formarase un goberno temporal, protexido polo exército. Temos pois que evitar que se aborte a revolución; esa é a loita máis importante.
Teño que irme xa. Hai moita xente que me espera. É hora de seguir co que hai que facer.
Nenhum comentário:
Postar um comentário