22/02/2011

O golpe do 23-F revisitado

J. C. F. Naveiro en Xornal (aquí).


Nos trinta anos do intento de golpe de Estado únome ao coro dos vintetresefólogos para rescatar un par de ideas que xa aparecían no relato de Javier Cercas Anatomía de un instante, e que pese a tratarse dun éxito editorial de hai dous anos son ideas que aínda non concordan coa heroica versión oficial. Que nos di o 23-F da chamada “transición”?
Seguindo a Cercas, nas causas do 23-F había moitos convidados. “Aquel inverno o país enteiro respiraba unha atmósfera de golpe de Estado” (como recolle unha crónica do corresponsal de Paris Match do 20 de febreiro). Todos tiñan razóns para conspirar, e non deixaba de escoitarse desde o verán de 1980 no “pequeno Madrid do poder” falar de “golpe de timón, golpe de bisturí, cambio de rumbo”, e tamén de “goberno de coalición ou de concentración ou de xestión ou de unidade”, dirixido por “un militar ou político de prestixio”. Estas expresións reitéranse no libro tanto coma se repetían nos cenáculos da época, e debuxan esa atmósfera que Cercas chama “a placenta do golpe”, ambiente ao que non foi alleo o propio goberno americano (Reagan na época), como se ve no feito de que o embaixador Terence Todman se reunira co xeneral Armada o día 13 de febreiro nunha finca de Logroño, e desde o día 20 se puxeran en alerta as bases militares de Torrejón, Rota, Morón e Zaragoza.
Hai pois toda unha casuística que inserta o 23-F nas redes dunha certa lóxica histórica: se cadra non foi un feito tan extraordinario, coma se cadra tampouco se sosteñen os seus ribetes heroicos, confrontados ao decorrer espido dos feitos. Habería que ter coidado co relato do 23-F como proba decisiva da democracia porque os feitos non dan para moita autocompracencia. Di Cercas: “Ninguén ofreceu a menor resistencia ao golpe e todo o mundo acolleu o secuestro do Congreso e a toma de Valencia polos tanques con humores que variaban desde o terror á euforia pasando pola apatía, pero con idéntica pasividade. Esa foi a resposta popular ao golpe: ningunha”. E sobre as ambigüidades do Rei xa se ten escrito e especulado abondo.
Os mitos sempre conteñen algo de falsidade; son falsos mitos, aínda que conteñan algo de verdade. Por exemplo, que a transición fose o resultado dun proxecto ben meditado e medido, e non un cúmulo de casualidades dirixidas por un perfecto camaleón político como foi Adolfo Suárez, “cos mesmos métodos histriónicos de seductor con que Emmanuele Bardone, o protagonista de El general De la Rovere, persuadía por igual aos alemáns de que era un partidario fervoroso do Reich e aos italianos de que era un adversario solapado do Reich”. Coma o personaxe de Rossellini, Adolfo Suárez consumou unha transformación na que acabou por adoptar coma propio un papel que ao comezo só representaba, e adoptou unha convicción que de principio non tiña; ou cecais non fixo máis que representar a súa propia convicción.
Outro falso mito é o do fracaso do golpe de Estado. Di Cercas: “Durante os meses posteriores ao fracaso do golpe de estado algúns políticos e periodistas demócratas repetiron con frecuencia que o golpe triunfara ou que polo menos non fracasara por completo”; e conclúe que sen dúbida “algúns obxectivos políticos dos golpistas pareceron cumprirse”. Falsos mitos con algo de verdade, igual que hai contrasentidos históricos. Pero o feito é que nos meses posteriores ao 23-F, durante o goberno de Calvo-Sotelo e ata a victoria socialista de 1982, producíronse diversos acontecementos na liña de “rectificar, recortar ou encoller a democracia”: reforzamento militar da loita anti-terrorista (que acabaría por xerar o GAL), endurecemento da política de seguridade, freo aos nacionalismos e novo impulso patriótico español, que foi aproveitado para colar sen moito debate o ingreso na OTAN. Polo demáis, os obxectivos principais dos golpistas, ou dalgúns deles: apartar do poder a Adolfo Suárez e protexer á monarquía, foron cumpridos de inmediato.
Así que o fracaso e o éxito do 23-F son xuizos parciais e complementarios, inseperables da construcción narrativa dun mito. Como pasa sempre coa verdade histórica.

Nenhum comentário: