01/02/2011

Vicente Risco, tráxico bufón, intruso perturbador

 Suso de Toro. Artigo tirado de aquí.
http://www.laregion.es/resize.php?pic=imagenes/elementos/56_xaq0001.JPG&tipo=350
Vicente Risco nunha foto tomada por Xaquín Lorenzo e reproducida no xornal ourensán La Región.


Vicente Risco é visto hoxe como unha das figuras fundamentais do galeguismo cultural e político, cando se pode dicir que pretendeu secuestralo intelectualmente. O galeguismo era unha forza actuante na sociedade e non se pode resumir na estampa dun grupiño de intelectuais amigos, moi repunantes e cultos. Realmente Risco era alleo ao campo cultural e social do galeguismo e, paradoxalmente, case consegue arrastralo ao seu mundo.

Vicentito Martínez-Risco y Agüero foi un rapaz de saúde e corpo cativos, e a que medrou nunca avultou moito aquel homiño de grosos lentes. Mais aquela cabeciña nunca deixou de ferver. Ramón Otero Pedrayo, o seu amigo e veciño da casa da Rúa da Paz en Ourense, lémbrao como un meniño que prefería imaxinar historias vívidamente no canto de brincar polas rúas. A rúa, o mundo, sempre lle puxo medo a Vicente. Ben distinto de Otero, que aínda que vivía na cidade disfrutaba da casa grande na aldea, en Amoeiro. Alí pasou Vicentiño algúns días nos que non disfrutou de aquela escuridade e aqueles lugares abertos e extraños. O mundo de Vicente era o seu labirinto interior; o seu refuxio do mundo, o papel e as letras. O medo foi a enerxía creadora do seu pensamento.

De mociño creou a personaxe dun intelectual dandi no seu Ourense, estudou logo Dereito en Compostela, por contentar ao pai, como tantos fillos da pequena burguesía provinciana. Le aos escritores decadentistas (Verlaine, D'Annunzio, Baudelaire...) e interésase polo esoterismo. Sobre iso escribe na revista ourensá La Centuria. E no 1917 comeza unha aventura intelectual e un experimento personal moi profundo que rematará nun dramático fracaso: o achegamento aos galeguistas.

Sabedor de que non está capacitado para a vida social e a actividade pública, comezará unha actividade intelectual intensísima dentro do galeguismo. No ano 1920 publica a súa Teoría do nazonalismo galego, un texto que lle dá autoridade intelectual entre os galeguistas. Risco demostra audacia e, partindo da obra histórica e política de Murguía, traza uns rasgos identitarios que definen a Galiza como unha nación xa existente. A súa idea de nación ten algo de estrafalaria, mesiánica e mesmo esotérica, é unha idea básicamente étnica, non cívica ou política. Con todo, en argumentando de modo claro un perfil nacional, os seus razonamentos foron tremendamente útiles aos galeguistas e déronlle ao seu autor autoridade e un papel de guieiro.

Mais Risco era tan particular que non podía guiar unha corrente política e social como era xa o galeguismo. El tiña o seu propio programa ideolóxico, e no 1922 utiliza o seu prestixio para intrigar e conseguir dividir o galeguismo, agrupado nas Irmandades da Fala. Conseguiu separar á Irmandade coruñesa, a máis numerosa, do resto das irmandades, que callaron nunha organización nova, a Irmandade Nazonalista Galega (ING). A ING realmente é un desvío no camiño do galeguismo. O galeguismo progresista e republicano permaneceu na Irmandade coruñesa, que se integrou máis tarde na ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) mentres a ING, dirixida por Risco, pretendeu ficar á marxe da política defendendo un galeguismo esencial, identitario e case metafísico.

A ditadura do xeneral dereitista Primo de Rivera, en 1924, acabou coa ING. Risco foi incapaz de aprender que a dereita española era e había ser a irreductíbel inimiga política do galeguismo e chegou a ocupar un cargo político que lle ofreceu o novo réxime. Tras a caída do ditador, comeza un tempo no que todo se move na sociedade, e Risco volve participar nos debates para a reorganización do galeguismo. No 1930 viaxa a Berlín, unha viaxe que vai reafirmar as súas conviccións reaccionarias. Lois Tobío, tras a súa visita, definiuno como un "reaccionario visceral". Alí atemorizouno o avance das ideas comunistas e identificouse implícitamente co movemento nazi, "unha reacción vital da nación alemana". Alí confirma o seu medo ao futuro: á disgregación da sociedade, á sexualidade libre de condicionamentos morais. Aquela viaxe faino decididamente milenarista: a Europa agárdalle a fin do mundo se non reacciona.

Os xudeus, unha certa obsesión súa. Reparou atentamente neles en Berlín, tamén cando escribiu sobre Witiza e mesmo escribiu e reescribiu un libro de certo éxito, Historia de los judíos desde la destrucción del templo. Aínda que o libro expresa admiración intelectual sobre eles como pobo, recolle os tópicos do antixudaísmo da época e culpa aos xudeus dos desastres habidos en Europa e de seren os destrutores das patrias, a familia e a sociedade tradicional. "La sangre judía, mezclándose con la de los pueblos con quienes convive, corrompe la pureza de la raza y disminuye sus características y cualidades morales, produciendo la degeneración propia del mestizaje". Iso escribiuno en 1944, cando o nazismo perseguía aos xudeus por toda Europa, alguén que podería pasar mesmamente por un prototipo racial xudeu. E o máis marabilloso é que, con moita probabilidade, el propio descendía dun xudeu chegado desde Albacete a Castro Caldelas para administrar as propiedades dos duques de Alba. El, que descendía dun xudeu albaceteño, escribía contra xudeus e maragatos, os odiosos intrusos. Risco odiaba todo o que el era.

Cando volta de Berlín a Galiza, recoñece na sociedade desa época, onde crecía a conflitividade social e chegaban as novas correntes sociais, os mesmos signos de crise. Coa chegada da II República, o galeguismo continuou o seu madurecemento e en 1931 nace o Partido Galeguista (PG). Risco segue a ser unha figura respectada intelectualmente mais xa ten a iniciativa unha nova equipa con vocación política e nidiamente republicana. El entón remarca a súa ideoloxía e perfila dentro do PG un grupúsculo integrista ("Galiza ceibe, enxebre e católica"). Cando o PG ve que só conseguirá un Estatuto de Autonomía aliándose coa esquerda republicana, Risco vaise do partido cun grupiño, a Dereita Galeguista. En xullo triunfa a sublevación militar e, aterrorizado polo asasinato de moitos dos seus compañeiros galeguistas, Risco dá outro paso no seu camiño e desde agosto xa colabora coas novas autoridades; máis adiante escribirá artigos na prensa local apoiando aos sublevados. Iso non o explica só o medo, realmente Risco adáptase a unha nova época: o novo réxime, o fascismo español, era o antídoto contra a disgregación social, o temido caos. Risco prosegue o seu labor intelectual até morrer en 1963. Se antes escribiu antropoloxía e narrativa en galego, segue a escribir agora en castelán novelas e ensaios. A destacar La puerta de paja, novela enchoupada de integrismo católico, ou os ensaios recollidos no libro Orden y Caos. Exégesis de los mitos.

Risco nunca mudou realmente, non deixou de ser el propio en ningún momento da súa traxectoria, o seu paso polo galeguismo foi unha fase no camiño de encontrar o seu lugar no mundo, na vida. Non lle foi doado, pode que non o houbese. Na peza teatral O bufón de El Rei pode que haxa un amargo autorretrato, alguén de corpo débil e mente inquisidora e poderosa.

Nenhum comentário: