O 20 de febreiro, Kamal Abbas, líder sindical exipcio e figura prominente do Movemento 25 de Xaneiro, enviou unha mensaxe aos "traballadores de Wisconsin": "Estamos con vostedes, así como vostedes estiveron connosco".
Os traballadores exipcios loitaron moito tempo polos dereitos fundamentais que lles denegaba o réxime de Hosni Mubarak apoiado polos EUA. Kamal ten razón en invocar a solidariedade, que foi durante moito tempo a forza orientadora do movemento dos traballadores no mundo, e en equiparar as súas loitas polos dereitos laborais e pola democracia.
As dúas están estreitamente interrelacionadas. Os movementos de traballadores estiveron na vangarda da protección da democracia e os dereitos humanos e na expansión dos seus dominios, razón elemental que explica por que son venenosos para os sistemas de poder, sexan públicos ou privados.
As traxectorias dos movementos en Exipto e EUA están a tomar direccións opostas: cara á conquista de dereitos, en Exipto, e cara á defensa de dereitos existentes, pero sometidos a duros ataques, en EUA.
Os dous casos merecen unha mirada máis próxima.
A sublevación do 25 de xaneiro foi acendida polos novos usuarios de Facebook do Movemento 6 de Abril, que se levantaron en Exipto na primavera de 2008 en "solidariedade cos traballadores téxtiles en greve en Mahalla", segundo sinala o analista laboral Nada Matta. O Estado rebentou a greve e as accións de solidariedade, pero Mahalla quedou como "un símbolo de revolta e desafío ao réxime", engade Matta. A greve volveuse particularmente ameazante para a ditadura cando as demandas dos traballadores se estenderon máis aló das súas preocupacións locais e reclamaron un salario mínimo para todos os exipcios.
As observacións de Matta son confirmadas por Joel Beinin, unha autoridade estadounidense en materia laboral exipcia. Durante moitos anos de loita, informa Beinin, os traballadores estabeleceron nexos e pódense mobilizar con presteza.
Cando os traballadores se sumaron ao Movemento 25 de Xaneiro, o impacto foi decisivo e o comando militar desfíxose de Mubarak. Foi unha gran vitoria para o movemento pola democracia exipcia, aínda que permanecen moitas barreiras, internas e externas.
As barreiras internas son claras. Os EUA e os seus aliados non poden tolerar facilmente democracias que funcionen no mundo árabe.
As enquisas de opinión pública en Exipto e ao longo e ancho de Oriente Próximo son elocuentes: por esmagadoras maiorías, a xente considera os EUA e Israel, e non a Irán, as maiores ameazas. Máis aínda, a maioría pensa que a rexión estaría mellor se Irán tivese armas nucleares.
Podemos anticipar que Washington manterá a súa política tradicional, ben confirmada polos expertos: a democracia é tolerábel só se se axusta a obxectivos estratéxico-económicos. A fábula da "arela da democracia" dos EUA está reservada para ideólogos e propaganda.
A democracia en EEUU tomou unha dirección diferente. Despois da II Guerra Mundial, o país gozou dun crecemento sen precedentes, amplamente igualitario e acompañado dunha lexislación que beneficiaba á maioría da xente. A tendencia continuou durante os anos de Richard Nixon, até que chegou a era liberal.
A reacción contra o impacto democratizador do activismo do sesenta e a traizón de clase de Nixon non tardou en chegar mediante un grande incremento nas prácticas lobistas para deseñar as leis, o estabelecemento de think tanks de dereitas para capturar o espectro ideolóxico, e outros moitos medios.
A economía tamén cambiou de curso cara á financiarización e a exportación da produción. A desigualdade disparouse, primordialmente pola crecente riqueza do 1% da poboación, ou mesmo unha fracción menor, limitada fundamentalmente a presidentes de corporacións, xestores de fondos de alto risco, etc.
Para a maioría, os ingresos reais estancáronse. Volveron os horarios laborais máis amplos, a débeda, a inflación. Veu entón a burbulla inmobiliaria de oito billóns de dólares, que a Reserva Federal e case todos os economistas, embebidos nas dogmas dos mercados eficientes, non lograron prever. Cando a burbulla estalou, a economía colapsouse a niveis próximos aos da Depresión para os traballadores da industria e moitos outros.
A concentración do ingreso confire poder político, que á súa vez deriva en leis que reforzan máis aínda o privilexio dos superricos: políticas tributarias, normas de gobernanza corporativa e moito máis. Xunto a este círculo vicioso, os custos de campañas electorais aumentaron drasticamente, levando aos dous partidos maioritarios a nutrirse no sector das corporacións: os republicanos de maneira natural e os demócratas (agora moi equivalentes aos republicanos moderados de anos anteriores) seguíndolles non moi atrás.
En 1978, mentres este proceso se desenvolvía, o entón presidente dos Traballadores Autónomos Unidos, Doug Fraser, condenou aos líderes empresariais por elixir "sumarse a unha guerra unilateral de clases neste país: unha guerra contra o pobo traballador, os pobres, as minorías, os moi novos e moi vellos, e mesmo moitos da clase media da nosa sociedade", e achar e desfacer "o fráxil pacto non escrito que existiu previamente durante un período de crecemento e progreso".
Cando os traballadores gañaron dereitos básicos nos anos trinta, dirixentes empresariais advertiron sobre "o perigo que afrontaban os industriais polo crecente poder político das masas", e reclamaron medidas urxentes para conxurar a ameaza, de acordo co académico Alex Carey en Taking the risk out of democracy. Eses homes de negocios entendían, do mesmo xeito que o fixo Mubarak, que os sindicatos constitúen unha forza directriz no avance dos dereitos e a democracia. Nos EUA, os sindicatos son o contrapoder primario á tiranía corporativa.
De momento, os sindicatos do sector privado dos EUA foron severamente debilitados. Os sindicatos do sector público atópanse ultimamente sometidos a un ataque implacábel desde a oposición de dereitas, que explora cinicamente a crise económica causada basicamente pola industria financeira e os seus aliados no Goberno. A ira popular debe ser desviada dos axentes da crise financeira, que se están beneficiando dela; por exemplo, Goldman Sachs, que está "en vías de pagar 17.500 millóns de dólares en compensación polo exercicio pasado", segundo informa a prensa económica. O presidente da compañía, Lloyd Blankfein, recibirá un bonus de 12,6 millóns de dólares mentres o seu soldo se triplica até os dous millóns.
No seu lugar, a propaganda debe demonizar aos profesores e outros empregados públicos polos seus grandes salarios e exorbitantes pensións, todo iso unha montaxe que segue un modelo que xa resulta demasiado familiar. Para o gobernador de Wisconsin, Scott Walker, para a maioría dos republicanos e moitos demócratas, o slogan é que a austeridade debe ser compartida (con algunhas excepcións notábeis).
A propaganda foi bastante eficaz. Walker pode contar con polo menos unha ampla minoría para apoiar o seu enorme esforzo para destruír os sindicatos. A invocación do déficit como escusa é pura farsa.
En sentidos diferentes, o destino da democracia está en xogo en Madison, Wisconsin, non menos do que está na praza Tahrir.
Nenhum comentário:
Postar um comentário