O Concello de Teo vén de denunciar a Xunta por publicidade enganosa nos anuncios publicados na prensa escrita estes días. Segundo o alcalde teense, Martiño Noriega, nesa publicidade danse datos sobre a aplicación do canon que se contradín co texto da normativa publicado no DOG.
O Concello de Teo fixo pública unha denuncia pola que insta a Xunta de Galiza a que rectifique os anuncios que se publicaron nos últimos días en diversos medios de comunicación sobre a nova Lei de Augas, “por publicidade enganosa”. O alcalde, o nacionalista Martiño Noriega, xa lles enviou por escrito esta solicitude a Augas de Galicia, ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e á Presidencia da Xunta.
No escrito asinado polo rexedor explícase que os anuncios en prensa escrita salientan obxectivos e aspectos recollidos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia (DOG nº 222 do xoves 18 de novembro). Porén, nun dos apartados recóllense afirmacións sobre a aplicación do canon estabelecido por esta lei que “son falsos e conducentes ao engano, xa que a nova Lei de Augas non os contempla nin no preámbulo nin no seu articulado nin nas disposicións ou anexos”. A reclamación do Concello de Teo explica que o propio articulado da citada lei recolle textos que, en principio, contradín as informacións do anuncio.
Noriega solicita que a Xunta proceda á inmediata retirada dos anuncios ou á súa modificación nos aspectos sinalados como enganosos para a cidadanía, e a rectificación dos aspectos falsos en todos os medios nos que foron publicados, anunciando que o publicitado non responde á realidade nos aspectos citados.
Dende o Concello de Teo advírtese de que no caso de que a modificación das insercións publicitarias non se dea coa urxencia requirida polo gravidade dos feitos estudaranse as accións legais pertinentes “para evitar e emendar esta evidente publicidade enganosa e manipulación informativa dunha administración pública”.
Noriega explica que se decide cursar esta reclamación por entender que as administracións locais son axentes afectados polo futuro desenvolvemento da Lei de Augas, como se recolle no seu artigo 5. O propio alcalde explica que “non descartamos que a Xunta teña a intención de matizar a lei no futuro a través do regulamento ou coa derrogación parcial desta, pola contestación social que ten atopado até este momento”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário