25/03/2011

A igrexa católica e a dereita non condenaron o terrorismo

Vicenç Navarro. Artigo tirado de aquí e traducido para o galego-portugués por nós.

http://www.foroporlamemoria.info/documentos/2005/img/familiademocrata_enero2005/franco_jc_1975.jpg
O artigo critica o feito de que nin a Igrexa católica nin a dereita española  condenaron o réxime ditatorial que gobernou España nin tampouco apoiaron ás vítimas do terror daquel réxime, dificultando a recuperación dos corpos dos desaparecidos. O artigo contesta tamén a resposta hostil dun dirixente do PP ás miñas críticas ao comportamento da Igrexa católica durante a ditadura.

O día 6 de xaneiro publiquei un artigo en Público titulado "La Igresia contra Jesús", no que sinalaba as enormes contradicións que existían entre os ensinos de Jesús de Nazareth (que mostran un claro compromiso cos oprimidos e explotados), e as prácticas da Igrexa católica, (que foi sempre en España un alicerce básico das estruturas de poder responsábeis dunha enorme explotación e opresión ás clases populares). Sinalaba no artigo que un exemplo das alianzas da Igrexa católica española coas forzas oprimentes e explotadoras era o apoio que tal Igrexa deu ao golpe militar liderado polo xeneral Franco e á ditadura que estabeleceu. Non podería atoparse maior contradición entre os ensinos de Jesús de Nazareth, que indicara que era máis fácil que "un camelo pasase a través do ollo dunha agulla que un rico fose ao ceo"* (asumindo que as riquezas dos ricos se basean en explotación) e o apoio da Igrexa ao réxime ditatorial que se baseaba nunha enorme explotación das clases populares, negándolles os instrumentos máis elementais para exercer a defensa dos seus intereses. O nivel de vida da clase traballadora española, que fora semellante ao nivel de vida da clase traballadora italiana antes do golpe militar do 1936, era só o 60% do nivel de vida da clase traballadora italiana o ano 1978, cando terminou a ditadura. Este foi o custo sobre o desenvolvemento económico e social de España, que supuxo aquel réxime. A ausencia de democracia e de sindicatos autenticamente representativos permitiu a enorme explotación da clase traballadora española por parte dunhas estruturas ditatoriais, corruptas por unhas elites e grupos de presión, incluída a Igrexa católica española.

Como era predicíbel, a dereita española respondeu o meu artigo coa agresividade e hostilidade persoal que a caracteriza, referíndose á miña persoa como "un tal Vicenç Navarro, apóstolo da memoria histórica", negando na súa resposta cada unha das contradicións que sinalaba no meu artigo, entre os ensinos de Jesús e o comportamento da Igrexa. Jaime Ignacio del Burgo, foi o autor dunha de tales respostas (publicada na Gaceta, a versión escrita de Intereconomía) e en Noticias de Navarra, que publicara o meu artigo (como parte dun convenio de distribución de artigos con Público) uns días antes. No artigo de Del Burgo, titulado "La Igresia, de víctima a verdugo", este nega que "la Iglesia fuese privilegiada durante la Dictadura", e que en absoluto "alentara públicamente al Ejército a sublevarse contra la República", negando tamén que a "Iglesia dirigiese o colaborase con el estado dictatorial en su función represora". É máis, Jaime Ignacio del Burgo engade que "el golpe militar respondía a un deseo de justicia y liberdad". Todas estas posturas preséntanse salpicadas cunha grande amálgama de insultos persoais.

Considero extraordinario que un artigo tal como este se escreba e se publique no Reino de España. Trinta e dous anos despois de estabelecerse a democracia, a publicación de tal artigo mostra o enormemente incompleta que está aínda a democracia española, resultado dunha transición inmodélica que reproduciu o enorme poder das dereitas en España. A aberta defensa dun réxime terrorista como o do Xeneral Franco é, aínda hoxe, unha práctica común. A incoherencia (en realidade, hipocrisía) das dereitas españolas móstrase en que por unha banda se opoñen a que se legalice á esquerda abertzale até que esta condene o terrorismo de ETA e que polo outro lado defendan a un estado e a un réxime que foi infinitamente máis terrorista que ETA, asasinando a moitos máis españois do que ETA fixo. A vida de cada español asasinado pola ditadura que non quere condenar é tan valiosa como a vida de cada español asasinado por ETA. A súa suposta indignación e suposto patriotismo gañarían credibilidade se houbesen eles mesmos condenado aquel réxime asasino e facilitasen que o estado actual honrase a aquelas vítimas esquecidas. As dereitas (cando gobernaron) e a Igrexa católica nunca expresaron apoio ou simpatía por aquelas vítimas do terror do estado ditatorial.


En canto aos argumentos utilizados por Jaime Ignacio del Burgo, a documentación existente mostra claramente que a Igrexa foi unha institución que apoiou o golpe militar (antes, durante e despois do mesmo), e que se beneficiou enormemente, conseguindo unha situación de grande privilexio, converténdose nunha das institucións, non só con maiores riquezas, senón tamén con maior control sobre a poboación, incluíndo a súa educación. A fin de conseguir tales privilexios, dirixiu a represión fronte a amplos sectores da poboación, con especial énfase no maxisterio español, cunha represión sen precedentes en Europa. A documentación, facilmente accesíbel, tamén mostra a enorme concentración de riqueza que se deu durante a ditadura, un dos réximes que beneficiou máis ás clases adiñeiradas á conta das clases populares.

En canto ao autor do insulto, o lector debese coñecer que Jaime Ignacio del Burgo, congresista do Partido Popular de Navarra, é fillo doutro Del Burgo, grande defensor tamén do golpe militar e da ditadura, que negou a represión que existiu en Navarra contra os vencidos, ocultando que máis de 2.500 navarros foron fusilados, (ademais dos 678 que admitiu), e dos cales Do Burgo indicou que merecían o seu destino. O liño a liñaza e o demo á raza. O seu fillo defende, aínda hoxe, o golpe militar e a ditadura que fixo tanto dano a España. Del Burgo (fillo) aplaudiu que "el régimen surgido de la Cruzada con el esfuerzo unánime de los navarros" e que se define como loitador pola liberdade. En realidade, polo seu defensa daquel réxime terrorista, do Burgo debería estar encarcerado, tal como esixe a propia Lei de Atención de Vítimas do Terrorismo, e como ocorrería en Alemaña ou en Arxentina que padeceron réximes semellantes. A existencia visíbel e prominente de tal postura, amplamente sostida en sectores do PP e da Igrexa é un indicador de insalubridade democrática no noso país.

Unha última observación. Unha persoa de Navarra envioume unha nota informándome da existencia do artigo insultante en Noticias de Navarra de Del Burgo. Descoñecía a súa existencia pois non leo regularmente tal rotativo. Cando lle convidei a el (ao ser de Navarra e coñecer ben aquela comunidade, e ao autor Del Burgo) a que enviase unha resposta a aquel artigo publicado en Noticias de Navarra corrixindo as súas falsidades, esta persoa declinou a miña invitación indicando que estaba medorento, pois en Navarra as dereitas son aínda moi poderosas. En partes de España hai aínda milleiros de persoas medorentas de denunciar o terrorismo, apoiado polas dereitas e pola Igrexa. E todo isto ocorre na España do 2011, trinta e dous anos despois do fin daquel réxime.

* Nota do blogger: a palabra camelo é unha má tradución do grego que, no entanto, tivo unha enorme fortuna e mostra a falla aínda dunha hermeneútica máis funda dos textos base do cristianismo. Umha tradición máis correcta e moito máis lóxica sería adibal.

Nenhum comentário: