A Secretaría das Mulleres do SLG denuncia o impacto da reforma das pensións nas labregas e o atraso en solucionar o problema da cotitularidade.
Neste 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego ten que denunciar, unha vez máis, o forte impacto que ten e terá a reforma das pensións nas labregas e que, a día de hoxe, estas sigan a padecer unha flagrante discriminación á hora de poder ser titulares das explotacións nas que traballan.
As estatísticas reflicten que moitas labregas non cotizan ou que o comezan a facer a unha idade avanzada. A causa disto é a crise perpetua a que están sometidos todos os sectores agropecuarios, cos custes de produción en constante alza e os prezos en orixe estancados ou caendo. Isto obriga, de cotío, a que as mulleres non coticen até os últimos anos da súa vida laboral, a pesares de facer o mesmo traballo có seu cónxuxe na explotación, quen si adoita a cotizar dende o inicio da súa vida laboral.
As labregas que cotizan, ás penas chegan a facelo durante vinte anos. Segundo datos achegados por Eduardo Navarro, conselleiro do Consello Económico e Social, no sector agrícola, dos homes cotizantes o 79'86% posúen máis de 35 anos cotizados; mentres que das mulleres só o 5'55% chegan a superar eses 35 anos. Por iso, elevar o tempo de cotización a 37 anos e medio vai provocar que o meirande das mulleres labregas cotizantes sufran severas reducións no importe das súas pensións cando se xubilen; ou que fiquen condenadas a sobrevivir con misérrimas pensións de viuvez ou non contributivas despois de toda unha vida de traballo.
Así, a reforma das pensións ten un forte impacto nas mulleres labregas, un colectivo de traballadoras que veñen sufrindo, dende sempre, a flagrante discriminación de ter unha morea de trabas para poder ser titulares da explotación na que traballan en pé de igualdade xunto ao seu cónxuxe. Lembremos que só na Galiza hai 35.000 labregas que non son titulares da explotación familiar na que traballan, cifra que ascende a 400.000 no conxunto do Estado Español.
Por todo o devandito, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego insta ao grupo interministerial de cotitularidade compartida nas explotacións agrarias a que axilice o seu traballo para aprobar, dunha vez por todas, e tras décadas agardando, o proxecto de lei sobre cotitularidade nas explotacións. Ademais, nesta data na que aos políticos e políticas que nos gobernan se lles enche a boca con boas palabras e mellores intencións, a Secretaría das Mulleres do SLG pide que recapaciten e comecen a recuar nunha reforma das pensións que atenta contra todos os traballadores e traballadoras deste país, pero que o fai, con especial saña, contra as mulleres labregas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário