25/03/2011

Unha guerra moi sexy

Jordi Calvo Rufanges. Artgo tirado de aquí e traducido por nós. Ilustración Patrik Thomas. O autor pertence a Justícia i Pau, movimento social dos Països Catalans presente no recente Foro Social Mundial de Dakar.


As guerras son a manifestación da violencia máis perversa, pola preparación que necesitan e polos intereses que esconden ou mostran abertamente. Mais o máis perverso é que a participación nunha guerra como a de Libia é unha meditada decisión dos nosos líderes políticos que avalían, como non pode ser doutra maneira nas relacións internacionais actuais, o beneficio que a guerra lles pode reportar. Estes beneficios, persoais, económicos, políticos, ou do tipo que sexan, son o que fan que unha guerra sexa sexy. A de Libia ten moitos ingredientes que a Sarkozy, Zapatero, Cameron... lles parecen sexys. Neste caso, os beneficios persoais poden ser tanto ou máis sexys como os que viu Aznar na guerra de Iraq. Unha afirmación do ego do líder político que se embarca nunha guerra e ademais a gana (porque esta guerra, se queren, gáñana, polo menos como gañaron a de Iraq), a notoriedade persoal, pasar aos libros de Historia como un heroe (ou vilán, segundo quen os escriba) e, por suposto, os réditos electorais que a curto prazo se poden obter, son algúns dos argumentos que pasarán pola cabeza dos responsábeis políticos desta intervención militar.

Para os responsábeis das potencias occidentais da participación na guerra de Libia e para outros poderes non tan visíbeis con intereses visíbeis ou non, ir á guerra de Libia é moi sexy, porque é un excelente investimento, que ademais pagamos os contribuíntes con diñeiro e vidas humanas. En primeiro lugar, a guerra é interesante para o complexo militar-industrial, porque así gastamos armas, facemos virar á economía armamentística e, sobre todo, lexitimamos o enorme gasto militar, que nestes tempos de crises está a ser seriamente cuestionado pola cidadanía. Son evidentes tamén os grandes recursos de petróleo e gas libios, e é sobradamente coñecido que hai empresas dos países occidentais directamente implicadas que ven perigar as súas concesións dun hipotético futuro Goberno de Gadafi.

Esta guerra é tamén sexy porque hai desde un inicio unha resolución de Nacións Unidas, o apoio inicial da liga Árabe e porque está de moda apoiar ou dicir que se apoia ás recentes revoltas populares, co pretexto da loita pola liberdade e a democracia. Xuntando estes obxectivos políticos cos intereses económicos, poderiamos deducir que establecer un Goberno totalmente controlado en Libia e mesmo bases militares, entre os novos Tunes e Exipto, pode ser realmente interesante para Occidente. Porque convén asegurar que os procesos de cambio nestes países sigan a senda que máis interesa, é dicir, que non se convertan en revolucións socialistas ou islamitas que fagan pagar máis polo petróleo ou o gas ou non abracen gostosos o American ou european way of life.

A guerra en Libia tamén é sexy porque Gadafi é un terríbel ditador moi sexy para os nosos gobernantes, a quen dan ganas de sacar do poder da forma que sexa. Emocionalmente, e coas imaxes e mensaxes que en todos os medios de comunicación oficiais aparecen do ditador, dan ganas de lanzarlle un Tomahawk ou varios centos, como xa se fixo. Pero se este señor é hoxe tan terríbel, por que tan só hai unhas semanas era un gran amigo de Occidente? Por que se lle venderon as armas coas que está a atacar agora aos rebeldes? Se as intencións da comunidade internacional (occidental) son as de liberar aos pobos oprimidos do mundo ou protexer ás poboacións que son vítimas recorrentes da violencia armada, por que non se expoñen intervencións en Bahrein, Iemen, Myanmar, Zimbabue, Bielorrusia, Chechenia, Tíbet, República Democrática do Congo, República Centroafricana, Guinea Ecuatorial e un longo etcétera? Quizá porque estes lugares non son, por diversas razóns, tan sexys como a Libia actual.

En fin, as operacións militares en Libia non responden ás boas intencións que nos din. E se así fóra, o resultado de morte e destrución que deixarán os centos ou miles de bombardeos e a probábel intervención militar terrestre dos exércitos occidentais dentro duns meses será unha maneira máis de colaborar no despropósito de buscar unha solución violenta a unha situación violenta xerada con total consciencia anteriormente. Se os estados occidentais quixesen promover con seriedade unha ben intencionada liberación dos pobos oprimidos de todo o mundo, non venderían armas a ditaduras infames, non terían intercambios comerciais e financeiros con réximes opresores, non terían relacións políticas amigábeis con corruptos ditadores, nin serían tan incoherentes como para predicar a liberdade e os dereitos humanos e embarcarse en guerras imperialistas en lugares con gran interese xeoestratégico e económico. No caso de Libia, a reivindicación do non á guerra vólvese máis necesaria que nunca.

Nenhum comentário: