27/04/2011

As revolucións árabes e o imaxinario democrático

Walden Bello. Artigo tirado de aqui. Walden Bello é economista, militante da esquerda filipina e um dos referentes do movimento altermundista global.

http://www.arbore.org/system/files/u1/bello.jpg

Os levantamentos democráticos árabes xeraron un xermolo de saudade en moitos daqueles que foron artífices das súas propias revolucións democráticas anos atrás. Ao ver o desenvolvemento dos acontecementos na Praza Tahrir do Cairo na cadea Al Jazeera e a CNN, moitos dos que se sumaron ás barricadas durante a Revolución do Poder Popular en 1986 en , sentiron rexurdir esa sensación de que, en palabras de Marx, "todo o sólido se esvae no aire".

Os que en febreiro de 1986 tiraron pola borda a súa seguridade persoal e se botaron ás rúas a enfrontar as tanquetas armadas de Ferdinand Marcos tamén poderían relacionalo coas palabras do activista exipcio de Internet Wael Ghonin sobre o momento psicolócico clave nun levantamento: “sabiamos que gañariamos cando a xente superou a barreira psicolóxica, cando decidiu que era mellor morrer por unha causa que vivir sen dignidade… Somos máis fortes que os homes de Mubarak porque eles temen polas súas vidas e nós estamos dispostos a ofrecer as nosas".

A ruptura da barreira psicolóxica do medo estivo acompañada doutro sentimento que albergaban os manifestantes, tanto na Praza Tahrir como en Manila: a sensación de que o pobo estaba verdadeiramente determinando o seu propio destino, que estaban tomando o leme das súas vidas nas súas propias mans. Ese foi o momento democrático primixenio, o momento prístino de autodeterminación, tan mal explicado nos tratados teóricos sobre a .

Xunto coa saudade, porén, fíxose sentir tamén un sentido fondo das oportunidades perdidas. Para moitos dos que participaron nas revoltas democráticas populares que encheron Filipinas e América Latina na década de 1980 e Europa do Leste en 1989, a euforia do poder popular foi de curto alento, e co paso dos acontecementos deixou lugar á consternación, á desilusión e despois ao cinismo. O momento crítico foi cando os administradores da transición política transformaron o poder en bruto da democracia directa que acabou coas ditaduras, en democracia electoral representativa, buscando simplificar os mecanismos de goberno democrático.

A interrogante da democracia representativa

A algúns teóricos clásicos da democracia preocupáballes esa transición. Rousseau desconfiaba da democracia representativa porque entendía que substituiría o “interese xeral” ou a “vontade xeral” do pobo polo que el chamaba a “vontade corporativa” dos representantes electos. Marx e Engels exhibiron unha actitude amplamente coñecida de desprezo pola democracia representativa xa que, na súa opinión, simplemente agochaba os intereses económicos dominantes da burguesía detrás dunha folla de parra de política parlamentaria. Se cadra o máis crítico foi o sociólogo político Robert Michels, que analizou como as eleccións evolucionan dunha metodoloxía a través da cal os pobos cambian os seus líderes, a un mecanismo mediante o cal os líderes manipulan os pobos para se perpetuareh no poder. Michels avanzou máis na súa consideración e afirmou que as democracias representativas non podían escapar á “lei de ferro da oligarquía”.

Os temores destes teóricos clásicos da ciencia política transformáronse en realidades nos sistemas de goberno post-levantamentos xurdidos nas décadas de 1980 e 1990. Para os cidadáns expectantes das novas democracias en Filipinas e América Latina, a euforia do poder popular deixou paso a réximes electorais parlamentarios de influencia occidental, nos cales as elites económicas tradicionais axiña volveron coller o leme. A política competitiva floreceu, pero coas faccións da elite competindo entre si polo dereito a reinar. A política progresista foi marxinada dentro de sistemas dominados por axendas das elites conservadoras ou centristas. A corrupción aceitou as engrenaxes do sistema.

Axustamentos estruturais a través da democracia

Porén, mentres as elites tradicionais secuestraban os sistemas parlamentarios que xurdían, Estados Unidos e as axencias multilaterais subvertéronos para lograr implantar os programas de que os réximes autoritarios anteriores, aos que apoiaran previamente, xa non eran capaces de impoñerlle á cidadanía sensibilizada e mobilizada. Axiña resultou evidente que Washington e as axencias multilaterais querían que os novos réximes democráticos usasen a súa lexitimidade para impor programas de axuste económico e políticas de xestión da débeda reaccionarios. En Arxentina, por exemplo, as institucións financeiras internacionais presionaron o goberno de Raúl Alfonsín tras a ditadura para que deixase de lado as políticas neo-keynesianas e implementase reformas tributarias, liberalizase o comercio e privatizase as empresas do Estado. Cando o goberno se resistiu, para disciplinarlo, o Banco Mundial suspendeu os desembolsos dun empréstito de axuste estrutural.

En Perú, o goberno de Alberto Fujimori foi electo cunha plataforma populista anti-fondomonetarista. Pero unha vez en exercicio, procedeu a impor un programa neoliberal que incluía aumentos pronunciados nas tarifas públicas e medidas drásticas de liberalización do comercio. Como consecuencia destas medidas, o país entrou nunha profunda recesión que provocou un gran descontento popular, o que á súa vez, foi usado como escusa por Fujimori para suspender a Constitución e restituír un goberno de man dura.

En Filipinas, unha das razóns chave para que Washington retirase o seu apoio a Ferdinand Marcos foi que comprendeu que a falta de lexitimidade da ditadura a transformaba nun instrumento ineficiente para o pagamento da débeda externa de 26.000 millóns de dólares e para implementar o programa de axuste estrutural do Banco Mundial e o . Nin sequera a crise económica que caracterizou o final do réxime impediu que o Banco e o Fondo esixisen ao novel goberno da Presidenta Corazón Aquino transformar o pagamento da débeda na súa principal prioridade económica. O goberno de Aquino rendeuse, e promulgou unha lei establecendo a "apropiación automática" do monto total necesario do orzamento nacional para pagar os servizos anuais da débeda externa. Destinando así entre o 30 e o 40 por cento do orzamento ao servizo da débeda, privouse o Estado dun capital de investimento vital. Por iso, mentres os países veciños protagonizaron unha acelerada carreira de avances económicos durante os anos do chamado Milagre do Sueste Asiático, o crecemento económico de Filipinas foi esganado e o país apenas puido manterse en pé.

En Europa do Leste e a vella Unión Soviética, a euforia de 1989 deixou pasou a tempos aciagos na década de 1990, mentres o FMI aproveitou o abandono do comunismo e a transición cara a economías capitalistas para impor un "terapia de shock", ou a imposición rápida e xeneralizada dos procesos de mercado. Este proceso levou a triplicar o número de pobres que ascendeu a 100 millóns. Aínda que en Europa do Leste a maioría dos réximes democráticos liberais puideron sobrevivir a súa asociación co axuste radical, en Rusia e as súas ex dependencias en Asia Central, o mafioso que a terapia de shock fixo florecer levou á xente a tolerar, cando non a apoiar, o retorno ou a persistencia de réximes autoritarios como o de Vladimir Putin en Rusia. En 2010, segundo unha análise, un 80 por cento dos habitantes da ex Unión Soviética seguen vivindo ou volveron vivir baixo réximes autoritarios.

Revivindo o imaxinario democrático

O imaxinario político estreitouse cando se baleirou a democracia do seu carácter directo e inmediato e paso a ser dominada pola competencia das elites, e ao mostrarse incapaz de desprenderse da súa asociación coas reformas de mercado radicais xeradoras de pobreza.

O primeiro desafío significativo á osificación do impulso democrático tivo lugar en América Latina. Alí, na primeira década do novo século, o desencanto co , a urxencia de partidos políticos e movemento populistas innovadores, e a mobilización da sociedade civil foron factores que combinados abriron paso a novos impulsos de intervención popular nos procesos políticos en Venezuela, Ecuador e Bolivia.

A Revolución Árabe amplía este desafío ao imaxinario democrático para que xere institucións que promovan unha intervención máis directa dos cidadáns, sosteñan a participación popular na toma de decisións, bloqueen o socavamento do proceso electoral a mans de intereses elitistas e a política do diñeiro, e restablezan o vínculo primordial entre a , a fraternidade e a igualdade que animou a todos os grandes levantamentos democráticos desde a Revolución Francesa.

A Revolución Árabe ten dúas cousas ao seu favor en termos de facerlle fronte a este desafío de liberar o imaxinario democrático. Primeiro, que a mocidade que a promoveu é menos propensa a respectar as prescricións da democracia representativa tradicional e probabelmente sexa máis innovadora ao considerar as posibilidades que ofrece a tecnoloxía da información para elaborar novas formas máis directas de representación, como xa o fixeron ao usar a tecnoloxía da información para subverter os mecanismos tradicionais da represión e mobilizar as multitudes que derrocaron as ditaduras represoras.

En segundo lugar, as reformas neoliberais a favor do mercado están seriamente desacreditadas, algo que non sucedía nas décadas de 1980 e 1990. A liberalización dos fluxos de capital provocou varias crises, incluída a actual desaceleración económica mundial, mentres que a liberalización do comercio levou a substitución de produtores agrícolas locais e industrias locais por importacións estranxeiras. Máis que nunca antes desde a revolución neoliberal de Reagan e Thatcher na década de 1980, as solucións de libre mercado radicais perderon a súa credibilidade. Porén, debido á falta de escenarios alternativos, as políticas neoliberais seguen sendo a opción automática entre os economistas e os tecnócratas.

Os demócratas revolucionarios do mundo árabe teñen fronte a si a oportunidade de daren a luz a seguinte etapa da revolución democrática mundial. Aceptarán o desafío, ou retiraranse ás súas vidas privadas, como algúns sinalaron, deixando que as xeracións de políticos máis vellos ocupen o centro da escena cos seus modelos occidentais arcaicos e gastados de democracia representativa?

Nenhum comentário: