O decorrer dos anos levoume a centrar a miña tese de doutoramento, en fase de produción escrita, a centrarme no tema da participación política da cidadanía en asuntos públicos; desde a obtención do DEA (diploma de estudos avanzados), xa hai case tres anos, levo enchoupándome de leturas sobre esta materia, e a primeira conclusión que tiro, e nas aulas universitarias que me convidan a introducir o tema a evidencio, é a seguinte: estamos condenados/as a participar politicamente.
Cando un pregunta se ti, estudante, traballadora, parado, inmigrante, pai-nai-filla…, viciño, heterosexual, homosexual, labrega, mariñeiro, etc… tomas parte da decisión dos asuntos públicos? A resposta máis repetida é, non; a seguinte pregunta debe ser; gustaríache poder influír nos asuntos públicos, ter algo que dicir? A resposta é si; a terceira pregunta vai na liña de, e que mecanismos temos ou podemos construír para participar na toma de decisións públicas? E neste momento o caos invade ao interlocutor, a lóxica da conversación vai neste senso: algún que ten lido sobre democracia participativa, fala das posíbeis metodoloxías (orzamentos participativos, foros de discusión social, a democracia deliberativa, a asociativa, etc…) rapidamente é recuncado por algunha persoa do público, pragmática que di que a xente non quere estar nestas cousas e pon o evidente exemplo das xuntas veciñais onde os proprios viciños e viciñas non asisten nin para xestionar cousas que lles atinxen direitamente, e se remata na conclusión de que todo mecanismo participativo é un “engorro” para cidadanía.
As descripcións tan breves deixan fóra un enorme amalgama de cores, mais para ter unha visión no seu conxunto pode valernos, así que nestes experimentos, retomo a segunda cuestión: a cidadanía quere influír nos asuntos públicos? E agora a resposta é moito máis variada que inicialmente; si pero…, non aínda que…
A segunda fase desta dinámica é ver cales son os asuntos públicos, a chuvia de ideas aquí é enorme que soen ir desde as infraestructuras públicas da construción do espazo social (cidade-vila, estradas, parques, etc…) até os prezos das cousas, a cuestión enerxética, a propiedade privada; é curioso que nesta fase un pode percibir como cada vez que se van aprofundando no que se entende por “asuntos públicos” o tono é cada vez máis sombrío, desesperado e de rabia, porque son tantas cousas as que se nos escapan e non podemos dicir nada…
Retomamos o pulso falando do conceito xenérico cidadanía e sobre a relación do sistema-mundo e as súas estratexias de estruturación social, eis relacionar o sistema de dominación do capitalismo na creación de estructuras sociais e nas formas de relacionarse entre os suxeitos, rapidamente chegamos á conclusión de que o capitalismo precisa dunha cidadanía en minoría de idade política e cunhas grandes dotes de inconsciencia económica, vamos o que o público chama ou ben borregos ou ben consumidores.
Unha vez chegados a este punto, como retomar o principio aristotélico de que a persoa (home dicía el) é un ser político? As leituras e a pouca experiencia leváronme á conclusión de que é mellor facer a pregunta así, sen máis, aínda que semelle que non ven a conto de nada, para chegar a unha evidente conclusión política de máis de 2300 anos de historia: a cidadanía participa inevitabelmente da construción social, ou ben participando dos mecanismos do sistema de dominación (indo polo rego) ou ben participando na busca de alternativas ao mesmo sistema, e como se fai isto? A conclusión final é obvia: existindo. Na continua toma de decisións persoais desde os afectos até o consumo da cesta do súper pasando polas vida laboral, social, ociosa, etc…, consciente ou inconsciente… e así pasamos do que queremos e como o queremos ao que vivimos e como o vivimos.
Pódese separar o social do político? É o mesmo a participación social e a participación política? Deberíamos falar, para os que non estean de acordo co sistema de dominación capitalista das posibilidades e límites da participación social crítica? (e máis neste tempo de desaloxo da casa okupada das Atochas n`A Coruña)
Na seguinte achega, tentaremos aprofundar nesta relación da construción de alternativas da cidadanía, ben no marco dos Estados-nacións así como na capacidade ou posibilidades da conquista do espazo social, sinto agora, ter parado nesta xa antiga evidencia, tanto tempo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário