IX
Non vou facer eiqui unha eséxese do extenso ensaio de Brañas que constitue o obxeto e o contido sustantivo e primordial desta publicación (1): adoito considerar preferíbel que o leitor se encare por si mesmo co texto, exento de preconceitos imbuídos polo prologuista que condicionen a priori a sua leitura e interpretación. Limitareime, xa que logo, a facer algúns comentos referentes á miña propria experiencia como leitor dese ensaio académico de 1892.
Eu percibo no texto de Brañas dous níveis discursivos de diferente índole, que suscitan en min duas distintas ordes de apreciación e avaliación. A primeira atinxe ao que neste seu ensaio consiste en análise e diagnose dos fenómenos constituintes da realidade económica daquela en crise. A segunda refírese aos xuizos de valor enunciados no plano da interpretación causal da patoloxía socieconómica e política analisada e diagnosticada no primeiro nível, xuizos emitidos a traveso do prisma ideolóxico peculiar do autor -prisma, por certo, nunca encuberto nen enmascarado, poucas veces tácito e, pola contra, cáseque sempre honestamente esplicitado por Brañas ao longo de todo o seu discurso.
No primeiro nível, Brañas fai gala duns amplos coñecementos e formación conceitual no eido da economía política, unha abondosa información encol da realidade do seu tempo e máis unha considerábel capacidade analítica dos fenómenos que examina. Dende o exame dos "elementos" constitutivos da "orde económica" e as suas respeitivas etioloxías, até a sistematización das "variedades" e eidos de manifestación da(s) crise(s), con diferenciación das esferas da produción e da circulación, da economía real e a monetaria, das causas próximas e a que il denomina "razón filosófica da crise": coa metalinguaxe da sua época, e con diferentes degraus de acerto na diagnose, aparecen ao longo da sua análise virtualmente tódolos fenómenos que emergullaran no proceso crítico de aquil período histórico -sobreprodución, especulación, "finanzarización", e así seguido- e debúllase a sintomatoloxía problemática de cada unha das crises parciais ou eidos nos que se manifesta -agraria, industrial, mercantil, monetario-fiduciaria e financeiro-orzamentaria. Obviamente, o termo "finanzarización" non aparece no vocabulario de Brañas, pero si o fenómeno, e ben identificado, como nesta mostra: "afastados os capitais das explotacións agrícolas para interesalos en arriscadas operacións bancarias ou en especulacións bursáteis". Na análise e diagnose da crise monetaria, Brañas chega a formular a proposta dun "novo sistema monetario" bimetalista, inclusive deseñado moi polo miudo.
En troques, no segundo nível, hai duas constantes ideolóxicas que, a xeito de dous leit-motivs recurrentes, percorren todo o proceso discursivo de Brañas. Unha delas é o seu anti-liberalismo -mais non dende unha posición antitética empatizante co socialismo, que Brañas desbota en calquera das suas versións decimonónicas, senón, claro está, dende unha melancónica cosmovisión tradicionalista, que nalguns casos chega a idealizar determinadas formas de organización económica das sociedades do antigo rexime -en larvada contradición, por certo, coas suas posicións a prol da emancipación dos labregos tanto na cuestión galega dos foros canto na cuestión agraria irlandesa fronte aos "land-lords".
A outra é a da dialética centralización-descentralización, que acaba por someter a unha abusiva simplificación o xogo antitético das causas e os remedios da pandemia económica e social enxendrada pola crise do sistema. Dende o arranque mesmo da sección introdutoria do seu ensaio, Brañas denuncia como grave erro "crer que a cuestión obreira, o socialismo, as crises insdustriais, a ruina do crédito público, a guerra de tarifas ou outra semellante equivalen a outras tantas doenzas do corpo social, cando non son máis ca síntomas, efectos naturais dunha especie de conxestión cerebral do Estado á que nós chamamos unitarismo político ou centralización administrativa, económica e fiscal". Mais é na sección III do seu discurso onde vai desenvolver a sua tese "da centralización como causa única (sic) da crise económica", elaborar pola sua conta o "seu verdadeiro concepto", e postular "a descentralización rexional como único (sic) remedio". Convirá se cadra detérmonos un chisco nesta cuestión, que constitue o núcleo ideolóxico-político deste seu discurso.
Brañas considera que a centralización é a "causa xeradora da crise social contemporánea", mais entende que se adoita ter dese fenómeno unha noción "demasiado restrinxida" e cáseque sempre focalizada "nunha das duas formas máis comúns e xerais dela, a saber, a centralización política e a administrativa". Daquela, Brañas formula unha noción xenérica dese fenómeno, nestes termos: "A centralización é unha idea abstrata: onde quer que exista centralización de forzas, direición única, agrupación nun punto determinado, nunha clase social ou nun círculo moi pequeno do que é común aos demáis puntos, clases ou círculos, onde se vexa unidade absorbente, monopolio absoluto ou relativo, e suxeción ou escravitude do que pola sua natureza é vario e múltiple ao uniforme, igualitario e cosmopolita, alí existe, alí alenta, alí se atopa a centralización". Desa noción xenérica de centralización despréndense moi diversas "especies ou formas", pero só catro "xéneros": política, administrativa, económica e fiscal. Curiosamente, a caracterización que il fai da "centralización económica" correspóndese aproximadamente -malia que Brañas esteña nas antípodas de semellante conceición- cunha ben coñecida noción marxián que identifica un fenómeno cardinal do desenvolvemento capitalista, o da constante concentración e centralización do capital, e mesmo relacionada coa acción do poder político burgués. Veleiqui: "A centralización económica, influida e até provocada moitas veces polas duas anteriores [a política e a administrativa], consiste nos monopolios agrícola, fabril, comercial, monetario e do crédito, exercidos en perxuizo das clases medias traballadoras en xeral e da fabril ou obreira en particular" (2). Coido que merece a pena sinalar, á vista destes asertos, alén da contradición ideolóxica que encerran, que a cosmovisión tradicionalista de Brañas, morriñenta dun pasado idealizado, non resulta, porén, ser ideolóxica e socialmente reaccionaria nun senso rigoroso.
(1) Para os que non seguírades esta serie de artigos, a publicación da que se trata é a edición en galego da leición inaugural de Alfredo Brañas no curso 1892-93 da Universidade compostelán, titulada A crise económica na época presente e a descentralización rexional, Toxosoutos e Unipro-editorial, 2010.
(2) As cursivas nestas citas de Brañas son dil.
Nenhum comentário:
Postar um comentário