21/06/2011

Pacto contra os cidadáns

Jorge Fonseca en Público (aquí).


O "Pacto polo Euro" foi presentado polo Consello europeo como un pacto pola "competitividade e o emprego", "a estabilidade financeira, as finanzas públicas e o euro", coma se un euro sobrevalorado fose bo para todos. En realidade é contrario aos intereses maioritarios, pois esnaquiza a competitividade das empresas, especialmente pemes, que xeran o 80% do emprego, porque o euro forte (dólar barato) encarece os produtos locais e abarata os de fóra de Europa, provocando déficit comercial, ruína de empresas, desemprego e miseria para millóns de traballadores e unha profunda recesión económica que reduce a recadación impositiva e dispara o déficit e a débeda pública. As únicas beneficiadas son as grandes transnacionais que deslocalizan a súa produción a China e outros países, comprando barato empresas locais grazas ao euro forte e exportando desde alí cara a Europa e EEUU. Especialmente as alemás, que na década anterior á crise duplicaron o seu superávit comercial con EEUU.
A recesión e o desemprego masivo dispararon a falta de pagamento de créditos e hipotecas, poñendo en xaque á banca que, despois de anos de especulación con hipotecas, accións, materias primas e bonos de débeda pública e privada, (creando unha burbulla financeira), enfrontábase a perdas e ao risco de non cobrar os bonos de débeda dos países máis desvastados polo euro (Irlanda, Grecia, Portugal e España). Aínda que con axuda das "axencias de cualificación" seguían especulando cos seus bonos, con axuda do Banco Central Europeo (BCE) conseguiron masivas axudas de diñeiro e avais dos Estados, que quedaron ao bordo da quebra.
En interese da banca, o núcleo dominante na Unión Europea e o FMI baixo a batuta de Alemaña impuxeron aos países afectados brutais recortes salariais e sociais e o aumento de impostos ao consumo para conseguir superávit que permita pagar a débeda, cun tremendo custo social e máis recesión, creando un círculo vicioso de recesión-axuste- máis recesión-máis axuste.
O "Pacto polo Euro" busca garantir ese axuste e tamén manter un euro sobrevalorado (nada xustifica a súa revalorización do 50% respecto ao dólar desde 2003) para beneficio conxunto das transnacionais e a banca, que outorgou créditos en euros e ten débedas en dólares, (polo que, a euro máis alto, máis ganancia). O BCE, co argumento absurdo de combater a inflación, mesmo cando o risco é de deflación, na crise mantén os tipos de interese cinco veces máis altos que en EEUU, o que atrae capitais especulativos e revaloriza o euro á conta de encarecer o crédito e acentuar a recesión. Para pagala, os países con máis débeda realizan unha masiva privatización de activos públicos (en España desde a moi rendíbel Lotarías do Estado, as Caixas de Aforro, o abastecemento de auga, até segmentos da sanidade e a educación, bocados apetitosos que garanten altas rendas). Tamén baixan impostos ao capital, soben os do consumo e as tarifas de servizos, baixan salarios públicos e privados, reducen pensións e aumentan os anos de traballo para xubilarse. O Pacto tamén esixe "descentralizar a negociación colectiva" para reducir a forza dos sindicatos, e a "flexibilización laboral" para reducir dereitos laborais. O "Pacto", por tanto, é contra Europa e os seus cidadáns e provoca o contrario ao que pregoa pois empeora a competitividade e multiplica a débeda, divide aos europeos e fortalece á ultradereita.
Quizais algúns empresarios crean que lles beneficia, pero para a maioría que vive do consumo interno, e principalmente para as pemes, é un espellismo, pois profunda a crise e expande a pobreza, destruíndo o presente e o futuro de xeracións enteiras, pois provocará unha década de estancamento, como en América Latina nos oitenta, pois todo esforzo por mellorar competitividade é varrido por efecto do euro sobrevalorado.
Os países do Sur deberían esixir unha desvalorización programada do euro (até equiparalo ao dólar), que axudaría á súa existencia. E á cohesión social, seriamente deteriorada. Ademais dun euro competitivo requírese unha reforma fiscal que combata a fraude fiscal (poderían obterse 50.000 millóns), e grave aos 100.000 españois que concentran un billón de euros de riqueza (cun imposto do 5% achegarían outros 50.000 millóns). Tamén que elimine privilexios fiscais e prohiba operar en paraísos fiscais (o 80% das empresas do Ibex35 fano). A creación dunha banca pública eficiente con control cidadán a partir das Caixas de Aforro, no canto de privatizalas, axudaría a financiar un novo modelo produtivo e un plan para recuperar a economía e a confianza dos cidadáns, moi debilitadas. Tamén hai que desandar a reforma laboral e a de pensións, axudar a familias ao bordo do desafiuzamento no canto de á banca e adoptar medidas que reactiven a economía (emprego público de parados para cumprir coa Lei de Dependencia, por exemplo), e que combatan a exclusión social. Estas poderían ser as bases para unha democracia auténtica que acabe co totalitarismo de mercado, no que o capital financeiro suplanta á vontade cidadá.

Jorge Fonseca é catedrático EU de Economía Aplicada da Universidade Complutense e membro do Consello Científico de Attac.

Ilustración de Javier Jaén

Nenhum comentário: