26/07/2011

A crise do euro é unha guerra entre os rentistas e os cidadáns

Hervé Nathan
Traducido por nós dende Sin Permiso (aquí).

Debuxo de George Grosz, pintor expresionista alemán.
Fálase da crise do euro, de Europa. Pero a verdade é máis crúa e máis terrible: estamos en guerra. Unha guerra, folga dicilo, que recata o seu nome, pero que versa, como é de todos coñecido, sobre a débeda. Pois, en efecto, nunha Europa forxada precisamente para pór fin aos conflitos fratricidas do século XX, asistimos paradoxalmente ao enfrontamento brutal entre acredores e debedores. Os debedores son os contribuíntes, é dicir, a final de contas, os cidadáns. Os acredores son os bancos, as aseguradoras, os fondos de pensións, e tras eles, os aforradores. Sobre os campos de batalla que son os mercados atronan os tambores dos representantes dos acredores, como as axencias de cualificación financeira, Moody's, Standard&Poor's e Fitch, cuxo único papel é o de repetir aos cidadáns: tedes que pagar, intereses e capital, até o ultimo céntimo, se non, crebaredes. As sumas son enormes: 350 mil millóns de euros para Grecia, pero 1,6 billóns para Italia, o mesmo que Francia.

Para facérmonos unha idea da potencia dos instrumentos de mercado de que dispoñen os acredores, tomemos o exemplo do servizo da débeda de Francia. Significa actualmente 50 mil millóns de euros anuais. Cincuenta mil millóns que son renda para rentistas. Se as axencias degradan a cualificación de Francia, non tardarán - un ano, dous, como máximo - en representar 60 mil millóns anuais. Teriamos, entón, que pagar máis pola débeda que pola educación nacional?

O ataque dos acredores comezou polo elo máis débil, Grecia; logo estendeuse a Irlanda, a Portugal, a España, e agora, a Italia, á espera talvez de Francia ou de Bélxica. En todos os casos xulgouse aos gobernos cun só criterio: achega a súa política a garantía absoluta da devolución dos empréstitos? Que as clases medias do continente europeo estean apabulladas polo desemprego, que a austeridade xeneralizada signifique aínda máis desemprego e aínda máis déficits, que o volume das débedas (85% do PIB de media; 150% para Grecia; 126% para Italia) constitúa un obstáculo maior para o crecemento, nada diso importa. Tampouco importa moito saber que unha gran parte das débedas públicas son consecuencia das tolemias dun sector privado especulativo.

Fronte a esta voracidade dos rentistas, os gobernos da eurozona, lonxe de aliarse para impor as leis da solidariedade e da democracia, divídense, terxiversan e pásanse uns a outros a pataca quente.

Do outro lado do Atlántico, en Washington, outra versión deste conflito enfronta a Demócratas e Republicanos. Os Demócratas queren que a extraordinaria factura da crise - 1,43 billóns de dólares! - a pague polo momento a ínfima minoría, que, durante os anos do auxe, se fixo co 40% do crecemento do país, suprimindo os seus exorbitantes privilexios fiscais. Os Republicanos, e singularmente os extremistas do Tea Party, esixen en cambio que sexan os pobres e os vellos os que paguen, reducindo os seguros de enfermidade e as pensións de vellez. En Norteamérica, os archirricos enfróntanse aos pobres; en Europa, os rentistas atacan aos cidadáns.

O certo é que Barack Obama, Angela Merkel, Nicolas Sarkozy, Jean-Claude Trichet e Jose Manuel Barroso están fronte ao mesmo dilema: nesta case guerra civil da débeda, teñen que elixir claramente en que campo combaten: no da gran maioría ou no das minorías  privilexiadas. Se recuperan o sentido do interese xeral, atoparán os medios para impor novas regras, como a prohibición da especulación coa débeda soberana, unha distribución equitativa e economicamente sustentable da carga do endebedamento, unha política de crecemento sostido, etc. E é precisamente este punto fundamental da acción política o que podería carrexar a explosión da moeda única. Se non hai unha inmediata resposta conxunta, creando, por exemplo, unha débeda común europea - un orzamento común, pois -, o que os xefes de Estado farán será retrotraer a solución á escala nacional. Cada país debería atopar, por si só, un equilibrio entre acredores e debedores, entre rentistas e poder público. O euro abismaríase, non porque Europa padeza un funcionamento demasiado complicado (o que é verdade, devandito sexa de paso), senón porque carece de proxecto político.

* Hervé Nathan é un recoñecido analista financeiro francés que escribe regularmente no diario da esquerda republicana francesa Marianne2.

Nenhum comentário: