24/07/2011

A ultradereita vive o seu mellor momento desde a II Grande Guerra

Milícias fascistas de Hungria na actualidade. Imaxe e información tirada en grande parte do xornal Público (aquí).
Os feitos de Noruega, imputados polos medios de incomunicación ao islamismo radical nun primeiro momento volven situar o foco sobre o auxe da extrema dereita, que obtivo os seus mellores resultados en doce estados europeos no último ciclo electoral. No Estado español non se pode fechar os ollos, porque grande parte da extrema-dereita milita no principal partido da oposición e goberna en moitos concellos e comunidades autónomas.

Coa feición do fascismo orixinal ou embutida de novas roupaxes populistas, centrados no combate contra a inmigración coa bandeira da islamofobia, a extrema-dereita espállase máis e máis por toda a parte. Dentro desta incluíase Anders Behring Breivik autor da recente matanza de Noruega, que militara varios anos no Partido do Progreso, que se desmarcou porén do acontecido antonte en Noruega. O Partido do Progreso logrou nos comicios de 2009 o 22,9% dos votos, o mellor resultado da súa historia, unha tendencia que se repite unha e outra vez en toda Europa desde o estalido da crise e en particular nos países nórdicos: os Auténticos Finlandeses chegaron este ano ao 19% a só 0,1 punto dos socialdemócratas, os Demócratas en Suecia superaron o 5% e teñen representación parlamentaria; o Goberno danés depende dos populistas antiinmigración, que se achegaron ao 14%... Por enquanto a esquerda resiste à baixa ou esfarélase en todos os locais da Europa, agás en Euskal Herria onde Bildu arrasou cun programa nitidamente de esquerdas (mas cun traballo de base pouco común na esquerda europea desde hai décadas).

En polo menos 12 países europeos, os populismos de dereitas conquistaron no último ciclo electoral o seu mellor resultado desde a II Guerra Mundial, normalmente como consecuencia do afundimento da socialdemocracia: Noruega (22,9%), Austria (28,2%, repartidos en dous partidos), Suíza (29%), Suecia (5,7%), Finlandia (19%, cun crecemento do 500%), Dinamarca (13,9%), Holanda (15,5%, case o triplo do que tiña), Reino Unido (5%), Bulgaria (9,4%), Grecia (5,6%), Lituania (12,68%) e Hungría (16,6%, cun crecemento do 700%).

O caso de Hungría é un dos máis inquietantes porque o partido ultra Jobbik dotouse dunhas milicias paramilitares que desfilan nos pobos co obxectivo de atemorizar á poboación xitana. O Goberno prohibiu formalmente a súa actividade, pero as milicias sortean a lei con retoques mínimos e a mesma agresividade. A Policía investigou en 2009 unha serie de asasinatos de xitanos labores en lugares onde previamente desfilaran as milicias de Jobbik, sen lograr probar nunca a vinculación entre estes desfiles e os asasinatos.

Pero o fenómeno das milicias ultras está a estenderse: o último lugar onde apareceron é Grecia, co nome de Amencer Dourado.

Nenhum comentário: