18/09/2011

En memoria da comuna

Lenine. Artigo tirado do site da Frente Popular Galega (aqui). Publicado orixinalmente en Rabochaya Gazeta, nº 4-5, 15 (28) de abril de 1911. Algunhas pinceladas sobre a Comuna de París moi boas dáas tamén Kropotkine n' A Conquista do pan.



Pasaron corenta anos desde que se proclamou a Comuna de París. Seguindo o costume, o proletariado francés honrou con mitins e manifestacións a memoria dos homes da revolución do 18 de marzo de 1871. A finais de maio voltará levar coroas de flores ás tumbas dos communards fusilados durante a terríbel “Semana de Maio” e a xurar diante daquelas tumbas que loitará con firmeza até acadar o triunfo completo das súas ideas, até dar por cumprida a obra por eles legada.

Por que, pois, non só o proletariado francés, senón o de todo o mundo, rende homenaxe aos homes da Comuna de París como aos seus precursores? Cal é a herdanza da Comuna?

A Comuna xurdiu espontaneamente, ninguén a preparou de modo consciente e sistemático. A funesta guerra con Alemaña, os sufrimentos do asedio, o desemprego entre o proletariado e a ruína da pequena burguesía, a indignación das masas contra as clases superiores e as autoridades que demostraran unha incapacidade absoluta, a xorda efervescencia no seo da clase obreira, descontenta da súa situación e ansiosa dun novo réxime social; a composición reaccionaria da Asemblea Nacional, que facía temer polo destino da República, todo iso e outras moitas causas combináronse para impulsar á poboación de París á revolución do 18 de marzo, que puxo de improviso o poder en mans da Garda Nacional, en mans da clase obreira e da pequena burguesía, que se uniu a ela.

Foi un acontecemento histórico sen precedentes. Até entón, o poder estivera, en xeral, en mans dos terratenentes e dos capitalistas, é dicir, dos seus apoderados, que constituían o chamado goberno. Despois da revolución do 18 de marzo, cando o goberno do señor Thiers fuxiu de París coas súas tropas, a súa policía e os seus funcionarios, o pobo ficou dono da situación e o poder pasou para as mans do proletariado. Porén, na sociedade moderna, o proletariado, asoballado no económico polo capital, non pode dominar politicamente se non rompe as cadeas que o atan ao capital. Por iso é polo que o movemento da Comuna debería adquirir inevitabelmente un matiz socialista, é dicir, debería tender ao aniquilamento do dominio da burguesía, da dominación do capital, á destrución das bases mesmas do réxime social contemporáneo.

No seu inicio tratouse dun movemento moi heteroxéneo e confuso. A el sumáronse tamén os patriotas coa esperanza de que a Comuna renovase a guerra contra os alemáns, levándoa a un venturoso desenlace. Apoiárono tamén os pequenos tendeiros, en perigo de ruína se non se aprazaba o pagamento das débedas vencidas dos alugueres (adiamento que lles negaba o goberno, mais que a Comuna lles concedeu). Por último, no comezo tamén simpatizaron en certo grao con el os republicanos burgueses, temerosos de que a reaccionaria Asemblea Nacional (os “rurais”, os salvaxes terratenentes) restabelecese a monarquía. Porén, o papel fundamental nese movemento foi desempeñado, naturalmente, polos obreiros (sobre todo, os artesáns parisienses), entre os cales se espallou nos últimos anos do Segundo Imperio unha intensa propaganda socialista, estando moitos deles inclusive afiliados á Internacional.

Só os obreiros permaneceron fieis á Comuna até o fin. Os burgueses republicanos e a pequena burguesía non tardaron en afastarse dela: uns asustáronse co carácter revolucionario socialista do movemento, co seu carácter proletario; outros se afastaron dela cando viron que estaba condenada a unha derrota inevitábel. Unicamente os proletarios franceses apoiaron ao seu goberno, sen temor nin desmaio, só eles loitaron e morreron por el, é dicir, pola emancipación da clase obreira, por un futuro mellor para todos os traballadores.

Abandonada polos seus aliados de onte e sen contar con ningún apoio, a Comuna tiña de ser derrotada inevitabelmente. Toda a burguesía francesa, todos os terratenentes, especuladores de bolsa e fabricantes, todos os grandes e pequenos ladróns, todos os explotadores, uníronse contra ela. Coa axuda de Bismarck (que deixou en liberdade 100.000 soldados franceses, prisioneiros dos alemáns, para esmagar ao París revolucionario), esa coalición burguesa logrou enfrontar co proletariado parisiense aos campesiños ignorantes e á pequena burguesía de provincias, e rodear a metade de París cun anel de ferro (a outra metade fora cercada polo exército alemán). Nalgunhas cidades importantes de Francia (Marsella, Lyon, Saint-Etienne, Dijon e outras) os obreiros tamén tentaron tomar o poder, proclamar a Comuna e acudir en auxilio de París, mais tales intentos logo fracasaron. E París, que fora a primeira en enarborar a bandeira da insurrección proletaria, ficou abandonada ás súas propias forzas e condenada a unha morte certa.

Para que unha revolución social triunfe son necesarias, polo menos, dúas condicións: un alto desenvolvemento das forzas produtivas e un proletariado preparado para ela. Con todo, en 1871, non se deu ningunha desas condicións. O capitalismo francés achábase aínda pouco desenvolvido, e Francia era entón, no fundamental, un país de pequena burguesía (artesáns, campesiños, tendeiros, etc.). Por outra banda, non existía un partido obreiro, a clase obreira non tiña preparación nin pasara por un longo entrenamento e, na súa maioría, nin sequera comprendía con claridade cales eran os seus obxectivos nin como podía alcanzalos. Non había unha organización política seria do proletariado nin grandes sindicatos e cooperativas…

Entre tanto, o que faltou principalmente á Comuna foi tempo, desafogo para entender como ían as cousas e emprender a realización do seu programa. Apenas ela puxo mans á obra cando o goberno, atrincheirado en Versalles e apoiado por toda a burguesía, iniciou as operacións militares contra París. A Comuna tivo de pensar ante todo na súa propia defensa. E até o final mesmo, que ocorreu na semana do 21 ao 28 de maio, non houbo tempo para pensar con seriedade noutra cousa.

Con todo, a pesar desas condicións tan desfavorábeis e á brevidade da súa existencia, a Comuna adoptou algunhas medidas que caracterizan suficientemente o seu verdadeiro sentido e os seus obxectivos. A Comuna substituíu o exército regular, instrumento cego en mans das clases dominantes, e armou a todo o pobo; proclamou a separación da Igrexa do Estado; suprimiu a subvención do culto (é dicir, o soldo que o Estado pagaba ao clero) e deu un carácter estritamente laico á instrución pública, co que asestou un forte golpe aos xendarmes de sotana. Pouco foi o tempo para facer algo no terreno puramente social, mais ese pouco mostra con suficiente clareza o seu carácter de goberno popular, de goberno obreiro: prohibiuse o traballo nocturno nas panadarías; foi abolido o sistema de multas, esa expoliación consagrada por lei de que se facía vítima aos obreiros; finalmente, promulgouse o famoso decreto de entrega de todas as fábricas e todos os talleres abandonados ou paralizados polos seus donos ás cooperativas obreiras co fin de retomar a produción. E para subliñar, coma se dixésemos, o seu carácter de goberno autenticamente democrático e proletario, a Comuna dispuxo que a remuneración de todos os funcionarios administrativos e do goberno non fose superior ao salario normal dun obreiro, nin pasase en ningún caso dos 6.000 francos anuais (menos de 200 rublos ao mes).

Todas esas medidas mostraban elocuentemente que a Comuna constituía unha ameaza de morte ao vello mundo, baseado no asoballamento e a explotación. Esa era a razón de que a sociedade burguesa non puidese durmir tranquila mentres no concello de París ondease a bandeira vermella do proletariado. E cando a forza organizada do goberno puido, ao fin, dominar á forza mal organizada da revolución, os xenerais bonapartistas, eses xenerais batidos polos alemáns e valentes fronte os seus compatriotas vencidos, eses Rénnenkampf e Meller-Zakomielski franceses fixeron unha matanza como xamais se vira en París. Preto de 30.000 parisienses foron mortos pola soldadesca desenfreada; uns 45.000 foron detidos e moitos deles executados posteriormente; miles foron os desterrados ou condenados a traballos forzados. En total, París perdeu preto de 100.000 dos seus fillos, entre eles aos mellores obreiros de todos os oficios.

A burguesía estaba satisfeita. “Agora acabouse co socialismo por moito tempo!”, dicía o seu sanguinario xefe, o anano Thiers, cando el e os seus xenerais afogaron en sangue a sublevación do proletariado de París. Mais de nada serviron as grallas deses corvos burgueses. Non pasarían aínda seis anos da derrocada da Comuna, aínda moitos dos seus loitadores achábanse en presidio ou no exilio, cando en Francia se iniciaba un novo movemento obreiro. A nova xeración socialista, enriquecida coa experiencia dos seus predecesores, cuxa derrota non a desanimara en absoluto, recolleu a bandeira caída das mans dos combatentes da Comuna e levouna adiante con firmeza e valentía, ao berro de “Viva a revolución social, viva a Comuna!”. E tres ou catro anos máis tarde, un novo partido obreiro e a axitación levantada por este no país obrigaron ás clases dominantes a pór en liberdade aos communards que o goberno aínda mantiña presos.

Honran a memoria dos combatentes da Comuna non só os obreiros franceses, senón tamén o proletariado de todo o mundo, pois ela non loitou apenas por un obxectivo local ou nacional estreito, senón pola emancipación de toda a humanidade traballadora, de todos os humillados e ofendidos. Como combatente de vangarda da revolución social, a Comuna gañouse a simpatía onde quer que sofra e loite o proletariado. A epopea da súa vida e da súa morte, o exemplo dun goberno obreiro que conquistou e retivo nas súas mans durante máis de dous meses a capital do mundo, o espectáculo da heroica loita do proletariado e dos seus sufrimentos despois da derrota, todo isto levantou a moral de millóns de obreiros, alentou as súas esperanzas e gañou as súas simpatías para o socialismo. O tronar dos canóns de París espertou do seu profundo sono ás camadas máis atrasadas do proletariado e deu en todas partes un impulso á propaganda socialista revolucionaria. Por iso non morreu a causa da Comuna, por iso segue vivindo até hoxe en día en cada un de nós.

A causa da Comuna é a causa da revolución social, é a causa da completa emancipación política e económica dos traballadores, é a causa do proletariado mundial. E neste sentido é inmortal. 

Nenhum comentário: