23/09/2011

Plutocracia tras unha carauta de afábel filantropía [educación]

Sam Pizziagi. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós desde o castelán. Véxase tamén esta nova relacionada.

Imaxe dos protestos do pobo islandés após a quebra de 2008 e a resistencia perante a bancocracia e o FMI.

Non todos os plutócratas conspiran na sombra como os furibundos dereitistas irmáns Koch. Debemos aprender a recoñecer os golpes de estado máis sutís da plutocracia. Cal é o mellor manual? A loita polo futuro da educación.

A primeira grande irrupción da palabra "plutocracia" na nosa conciencia política nacional foi no século XIX e o concepto segue evocando hoxe, máis dun século despois, as mesmas imaxes de entón.

Cada vez que se menciona a palabra "plutócrata" imaxinámonos a un banqueiro de Wall Street cos petos rebosantes de billetes ou a un magnate ladrón, rezongando o "maldito o público" (public be damned) mentres amaña eleccións cunha man e creba sindicatos coa outra.

Algúns dos nosos plutócratas actuais (os multimillonarios irmáns Koch, por exemplo) encaixan bastante ben nesta imaxe. Plutócratas tales como os Koch deslízanse entre as sombras, financiando aos políticos máis reaccionarios e repulsivos da nosa sociedade, mentres baballoan dos sindicatos, os impostos e as regulacións gobernamentais.

Porén non todos os plutócratas actuais cospen xofres libertarios ou mesmo flirtean, como fixeron os Koch, evocando eslóganes do noso pasado segregacionista.

De feito, a maior parte dos nosos mega ricos parécese ben pouco aos irmáns Koch. Estes plutócratas ilustrados parecen estar máis obsesionados coa filantropía que cos beneficios. Máis que entre as sombras deslízanse entre as salas de xuntas das fundacións, prometendo axudas, indo dun simposio de altos principios a outro ou propondo iniciativas que seguro traerán "eficiencia" e "innovación" aos problemas máis perentorios da nosa sociedade.

Poida que este sexa o rostro futuro da plutocracia, a súa verdadeira "aparencia" no século XXI. Mais, que fará tal plutocracia por nós e a nós? A arriscada loita actual pola reforma das escolas públicas norteamericanas dános unha pista.
"O tema máis candente entre os directores dos fondos de investimento libre de Wall Street actualmente non é a reforma financeira", apuntou o principal columnista político do Globe and Mail de Toronto, Konrad Yakabuski, a principios de mes. "É a reforma educacional".

Os multimillonarios, por suposto, teñen todo o dereito, como cidadáns, a avogar por calquera postura ou visión política a nivel público que elixan. Non obstante, nunha Norteamérica de profundas desigualdades, ditos multimillonarios non soamente teñen dereitos. As súas enormes fortunas outórganlles un enorme poder, máis que suficiente para impor e non só avogar polas súas posturas.

 "Uns poucos miles de millóns de dólares provenientes de fundacións privadas, investidos estratexicamente cada ano durante unha década, bastaron", observa o analista en educación Joanne Barkan, "para perfilar o debate nacional sobre a educación".

Tres fundacións multimillonarias marcan as pautas: unha financiada coa fortuna de Microsoft, outra coa de Wal-Mart e a outra coa do imperio de seguros AIG. As fundacións Gates, Walton e Broad non están sempre de acordo tras cada volta de porca na política educacional, pero o tres seguen o mesmo guión básico.

As escolas públicas americanas están a malograr aos estudantes pobres, propón o argumento deste guión, porque hai demasiados profesores incompetentes ao cargo das nosas aulas. Debemos someter aos alumnos a test para identificar (e substituir) a estes educadores incompetentes. Debemos contratar docentes cualificados, pagarlles extra se fan ben o seu traballo e seguir sometendo aos escolares a test normalizados para asegurarnos de que estes profesores seguen realizando un traballo efectivo.

Os sindicatos de profesores, continúa o argumento, oporanse a estas reformas. Porén un verdadeiro reformista pode vencer aos sindicatos pechando escolas "fracasadas", por exemplo, e substituíndoas por escolas "concertadas" de iniciativa privada, financiadas con fondos públicos. Estas escolas concertadas seguro terán éxito posto que non deberán preocuparse por procesos a seguir, antigüidades ou finuras contractuais do sindicato de profesores.

Todo este enfoque sobre a "reforma" escolar depende fundamentalmente de dous supostos raramente defendidos. O primeiro: que os estudantes pobres aprenderían moito máis se tan só tivesen profesores máis competentes. O segundo: que dos resultados do test normalizados aos que se someten os estudantes despréndense as pistas necesarias para identificar profesores máis capaces.

Con todo, un grande número de investigadores en educación independentes expuxeron repetidamente a vacuidade de ambos os supostos. Unha sondaxe recente revela que o consenso dos investigadores conclúe que é probábel que a docencia "sexa responsable de ao redor dun 15 por cento dos resultados dos alumnos".

Os factores extraescolares (a dinámica da pobreza que abarca desde a falta de vivenda e a fame até a inestabilidade doméstica ou de barrio) teñen un impacto até catro veces maior.

O test normalizados poden tamén regularse, apuntan investigadores como Dan Koretz de Harvard, inculcando aos pupilos "estratexias de resolución de test que contaminan a capacidade dos examinadores para pescudar o que os estudantes realmente saben".

No caso de que o método de inculcar estratexias falle, hai tanto en xogo que o test fomentarán de forma sistémica trampas e estafas (pagos extra segundo os resultados, ascensos). En Atlanta, Baltimore e Washington D.C., tres cidades nas que as fundacións multimillonarias exercen unha grande influencia, saíu á luz un grande número de escándalos relacionados co test.

Devanditos escándalos non frearon a ofensiva multimillonaria sobre a "reforma" educacional. Tampouco o fixo a ausencia significativa de resultados positivos por parte de distritos como Nova York ou Chicago, nos que os reformistas multimillonarios imperan.

Moi ao contrario, a pesar dos funestos antecedentes dos multimillonarios, o seu enfoque á reforma educacional converteuse esencialmente na política oficial do Departamento de Educación dos Estados Unidos, e os distintos estados, para obter novos fondos de axuda federal, teñen que reformular as súas leis e regulacións seguindo as pautas que estiveron promovendo os mega ricos.

Que significará todo isto para as escolas no futuro? Incluso algúns analistas conservadores, como Frederich Hess, membro do American Enterprise Institute, advirten que se aveciña un descarrilamento.

O analista progresista Joanne Barkan, pola súa banda, explicou que pode ocorrer se tal descarrilamento se produce: "un alto grao de adecuación da docencia ao test, profesores desmoralizados, unha corrupción desenfreada por parte das compañías privadas de xestión, miles de escolas concertadas fracasadas e máis escolares pobres cunha educación deficiente".

Por que non pode haber máis persoas que prevexan o descarrilamento? Os multimillonarios e as súas fundacións contaminaron o proceso político. Socavaron, coa súa esplendidez, a independencia de institucións que deberían estar a protexer o interese público.

As fundacións multimillonarias, explica Barkan, malgastan subvencións para grupos de investigación e expertos que examinan os programas que financian. Reparten aínda máis millóns "para que as canles de televisión adecúen os seus programas e os informativos as súas reportaxes".

Ademais, moitas das grandes empresas posúen un sector financeiro interesado en apoiar a visión multimillonaria sobre a reforma educacional. O sistema de test normalizados que demandan os multimillonarios converteuse nunha mina de ouro. Un xigante da industria da educación, Pearson, recadou 500 millóns de dólares de tan só un estado, Texas, destinados ao contrato co que pretende crear e administrar cinco anos que fagan merecer o test normalizados.

Con todo, suxire Dana Goldstein da revista Nation, poida que os multimillonarios teñan razóns máis profundas para impor a súa visión sobre a educación, para insistir tanto en que pór profesores "máis cualificados" nas aulas norteamericanas pode ser a solución para superar o problema da pobreza.

"Se os Estados Unidos puidesen dalgunha forma garantir aos pobres unha oportunidade xusta de alcanzar o soño americano unicamente modificando as políticas educacionais", observa Goldstein, "quizais entón non teriamos que sentirnos tan condenadamente mal por tanta desigualdade, polas taxas impositivas baixas e as lagoas legais que benefician aos super ricos e impídennos ampliar o acceso ao coidado infantil e aos cupóns de alimentos".
"Os contribuíntes financian máis do 99 por cento do custo do sistema educativo K-12", engade Joanne Barkan. "As fundacións privadas non deberían manipular as políticas públicas no seu lugar".

Iso non é democracia, é plutocracia. 

Nenhum comentário: