26/09/2011

Salvan os bancos para fundir os pobos

Juan Torres López. Artigo tirado de Attac España (aquí) e traducido por nós para o galego.


Cando a banca provocou un desastre global os bancos centrais e as autoridades de todo o mundo envorcáronse na súa axuda e non houbo problemas para proporcionarlles case gratuitamente billóns de dólares para salvalos. Ademais das inxeccións de liquidez oficiais, sóubose que a Reserva Federal proporcionou en segredo 16 billóns de dólares a grandes bancos de todo o mundo.

Cando a crise provocada polos bancos fixo un roto nas finanzas dos estados, as autoridades europeas e o Banco central Europeo obrigáronos a financiarse nos mercados ao interese que impuñan os especuladores e a banca. En lugar de dedicar o diñeiro que recibían do Banco Central Europeo ao 1% para financiar a empresas e consumidores, prestaron aos gobernos a tipos moito máis altos, botando sobre as costas dos seus pobos unha laxa que terminou sendo insufríbel. Só España ten previsto pagar, como pouco, 27.000 millóns de euros en 2011, se é que a factura non sobe nos meses próximos.

Así afundiron a países como Irlanda, Portugal ou Grecia e agora, cando esa débeda estatal faise tan pesada que é posíbel que algúns bancos non poidan cobrala porque xa están en perigo Italia ou España, os banqueiros reclaman de novo axuda. E alí están outra vez os seus todopoderosos salvadores: o Banco Central Europeo, a Reserva Federal de EE UU, o Banco de Inglaterra, o Banco de Suíza e o Banco de Xapón acaban de anunciar que volverán dar á banca europea todo o diñeiro que necesite. Para que siga extorsionando aos gobernos e arruinando aos pobos.

Unha mostra máis da infame e criminal discriminación dos poderosos que moven os fíos do mundo ao seu antollo para favorecer sempre aos mesmos.

Seguirano facendo mentres as xentes de todo o planeta non saian dunha vez ás rúas para pór fin a estas inxustizas incríbeis.

Nenhum comentário: