10/10/2011

Desde a orfandade o meu apoio o 20-N para EQUO

Xoan Hermida. Artigo tirado de aquí




“Non somos un partido en busca de persoas,
somos persoas en busca dun partido”
Juan López de Uralde


Son un dos moitos e moitas que levamos máis dunha década votando ‘en contra de’ e lugar de ‘a favor de’. En realidade poida que no meu caso sexa máis tempo pois nos últimos anos da militancia partidaria eran elementos de descarte os que primaban nas miñas opcións.

Sempre defendín a necesidade de proxectos nacionais vertebrados política e organizativamente sobre a diferente realidade económica e social, territorial e política de Galicia. Nunca defendín proxectos do ‘nacionalismo ideolóxico’ pero si a necesidade da vertebración do que poderiamos chamar ‘nacionalismo cívico’.

Desde hai anos levo plantexando a necesidade da renovación da esquerda fronte a esquemas corporativistas, industrialistas, etnocentristas e antropocentristas da esquerda de finais do século XIX e a practica totalidade do século XX. Socialdemocracia e comunismo como dúas caras da mesma moeda en versión ‘reformista’ ou ‘revolucionaria’.

A finais do século pasado forzas da esquerda social periférica e algunhas avanzadas no centro comezaron a plantexar a idea do ecosocialismo como nova formulación da esquerda trala caída do muro de Berlín. Eu debín ser dos primeiros en Galicia na década dos noventa en plantexar a necesidade dun marxismo verde, dun ecosocialismo galego con moi pouco éxito e un comentario agudo de Xavier Navaza en El Correo Gallego.

Lamentablemente a nosa situación de periferia no centro do sistema impediu que ao igual que noutros lugares se desenvolvera un proxecto destas características e aínda hoxe esteamos a falar de nacionalismo popular en lugar de ecogaleguismo.

Son dos que pensa que esa nova formulación política acabará tendo o seu espazo e a mesma chegará da confluencia de diversas sensibilidades e culturas da esquerda nacional democrática.

Hai un tempo que levo apoiando ao Encontro Irmandiño porque parten do respecto á sociedade civil organizada no que se da en chamar esquerda social e porque plantexan a necesidade de artellar un novo instrumento político para unha nova etapa.

As últimas eleccións municipais evidenciaron aínda máis, se cabe, esa necesidade e o movemento 15-M puxo enriba da mesa unha crecente desafección da cidadanía coa forma de entender a política os actuais partidos.

O tempo pasa e Encontro Irmandiño segue na súa particular batalla interna no BNG, respectable e entendible para os que son afiliad@s do mesmo, que non é o meu caso.

Así que como Encontro Irmandiño non se presenta ás eleccións e namentres espero, por primeira vez en varios anos, aínda orfo de proxecto partidario electoral, teño a posibilidade de votar a unha forza que me gusta e non so ‘en contra de’.

Estoume a referir a Equo. O xurdimento de Equo é un sopro de aire fresco na actual situación de colapso institucional e rixidez democrática. De seguro que non toda a letra me vai gustar pero de seguro, tamén, que a musica soa a orquestra sinfónica despois de levar anos escoitando as mesmas charangas desafinadas.

En todo caso tratase dun proxecto por definir e todo é posible.

A sinatura dun protocolo de colaboración mutua entre Equo e ICV recoñecéndose como forzas irmáns e posible constitución conxunta de grupos parlamentarios ou a vertebración no Pais Valencia da coalición Compromis-Equo; en Baleares a coalición PSM-Entesa Nacionalista, Entesa per Mallorca, IniciativaVerds e Equo e en Tenerife Equo-Socialistas por Tenerife; confirman a intención de Equo de non ser un novo partido ao uso no nacional (con delegacións) senón unha nova forma de entender a política tamén no plano nacional.

A dinámica política galega fai que a día de hoxe non exista unha forza galega que ocupe eses espazo de esquerda renovadora e verde, correndo o risco de gravitar sobre bloque / antibloque e perder a pouca ou moita posibilidade que nos queda para construír un espazo nacional de futuro e desde a esquerda.

Por iso vou votar Equo. Non porque poida sacar representación na miña circunscrición senón porque serva como factor de pulo ao futuro proxecto do ecosocialismo, galego por suposto, tan necesario.

Tralo 20-N, despois do batacazo das esquerdas partidarias, haberá tempo dabondo para reflexións, reconducións e converxencias. Será tempo de reconstrución e de moito traballo. Daquela nos vemos construíndo o neogaleguismo ecosocialista.
Postar um comentário