11/10/2011

Nacionalista ou nacional? Pequena contribución ao debate

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Altermundo (aquí).

Do mesmo xeito que no século XIX o movemento nacional galego pasou polo provincialismo e o rexionalismo, o nacionalismo será a nomeclatura análoga para o século XX, un século no que a dialéctica centro-periferia se cirunscribía ás relacións entre nacións sen estado vs. os estados nación. No s.XXI ou se combate a globalización sendo nacional, no sentido republicano, ou non se é nada e se deixa que gobernen os mercados.

Para alguén que considere a Galiza como o seu país o Estado español sen soberanía que hoxe existe, Madrid, para entendérmonos, xa non pode ser o adversario único. Hoxe os movementos políticos deben reivindicárense nacionais polo simple feito de que os estados-nación están baleiros de contido. Estamos no neofeudalismo, hai que volver construír espazos de soberanía popular. A dialéctica centro-periferia coíncide como nunca coa dialéctica esquerda-dereita e ten a súa expresión na confrontación de mercado vs. democracia.

Se tomamos o caso da ETA, un produto crepuscular dese século XX no que a loita se daba entre as nacións subordinadas e as grandes nacions-estado imperialistas, semella que os dirixentes da banda chegaron á conclusión de que agora xa non ten sentido prolongar un antagonismo que a historia deixou caduco. É un gasto de enerxía inútil facerlle a guerra a un estado con cada vez menos soberanía. Na medida en que se desgasta a ese estado decadente tamén se desgasta o espazo exiguo de soberanía (o que queda de institucións democráticas), no que, mal que ben, as nacións sen estado aínda existen. O poder está agora fóra do Estado Nación, calquera que desexe a pervivencia da súa nación ten que focalizar a loita cara o espazo globalizado dos capitais sen control e dos conglomerados militares. Pensemos senón no expolio ao sistema financeiro galego perpetrado a través da fusión das caixas de aforro e da absorción do Banco Pastor polo Banco Popular. Pódese afirmar con seriedade que todo ese aforro galego será empregado para que a nación española medre en detrimento de Galiza como se España aínda fose unha metrópole que pavimenta as súa rúas de ouro a costa da suor dos colonizados? Non será máis atinado pensar que con toda probabilidade todo ese aforro ha rematar engulido no fluxo de capitais especulativos sen patria que, por estarmos en tempo de transición, aínda responden, nominalmente, aos xentilicios dos vellos estados-nación? Todo isto abre un espazo aos movementos nacionais periféricos do Estado Español para procurar alianzas co movemento soberanista e popular que xurda na propia España (naturalmente alianza non significa fusión), toda vez que se comparte inimigo.

Nunha entrevista recente Xabier Arzalluz expresaba, coa claridade que o caracteriza, a súa visión desta encrucillada semántica do seguinte xeito: "Yo usaría nacionalista para dentro (do estado nación) y nacional para fuera (o mundo globalizado)". O cal é unha maneira gradualista de recoñecer que o termo nacionalista, tal como se entendeu no Estado durante os últimos cen anos, desaparecerá na mesma medida en que o Estado nación chamado España continúe a se desdebuxar. Esta contradición xa é perceptible nas forzas que se autodenominan nacionalistas e que teñen representación no congreso e no senado do Estado. Ao tempo que manteñen aceso o antagonismo con Madrid escenifican razoables mostras de indignación cada vez que desde o bipartidismo imperante se ignora a opinión dos cidadáns de todo o estado (como sucedeu nese golpe de estado encuberto que foi a reforma constitucional impulsada por Zapatero para instaurar a obriga das políticas de déficit cero).

Pero nada mellor que reparar en Palestina, a nación sen estado que máis globalizada ten a súa loita para concluír con esta cuestión. Alguén pensa que os palestinos se definen a si mesmos como nacionalistas? Claro que non, os palestinos chámanse a si mesmos palestinos e a consecución de institucións democráticas palestinas é o que procuran todos os seus nacionais diga o que diga a infame xeopolítica mundial.

Nenhum comentário: