Mostrando postagens com marcador David Rodríguez. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador David Rodríguez. Mostrar todas as postagens

23/04/2012

Os motores e os tempos do NPC

Tres militantes de base do nacionalismo de esquerdas Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos fan unha defensa do método asembleario para construír a nova ferramenta política do Novo Proxecto Común. Tirado de Galicia Confidencial (aquí).



Nun manifesto remitido as esta redacción, Martínez, Rodríguez e Santos definen o proceso como de "dous tempos" onde existe un tempo electoral para crear unha plataforma electoral ampla e outro distinto que é o tempo da elaboración dunha nova organización.

O presente comunicado tamén se fai eco da nota de prensa publicada por EI, +GZ, Acción Galega e Ecogaleguistas sinalando que a amplitude do NPC vai máis alá destas siglas como amosa, segundo os autores, a participación de distintas correntes nas asembleas de base
.


DOUS MOTORES DE TEMPOS DISTINTOS PARA O NOVO PROXECTO COMÚN

Nestes meses de treboada política acumuláronse diferentes opinións e moitos rexoubes, en ocasións insubstanciais, para o artellamento dun proceso político en marcha. Como tal movemento en obras precisa das achegas, individuais e colectivas, que fornezan elementos de debate concretos na procura de botar os alicerces do Novo Proxecto Común.

Os que isto escribimos sabemos que non estamos a descubrir nada que non se diga aquí e acolá. Recollemos ese murmurio, que de tan repetido comeza a ser enxordecedor, para botalo á esfera pública coa finalidade de converterse nunha panca que accione o debate colectivo.

Propomos rozar na ramalleira informe que é o intre de creación de calquera organización e diferenciar dous espazos con dinámicas de seu. Dous espazos interconectados pero a distinta velocidade. Dous carrís en paralelo que nos leven cara a constitución dun movemento nacional, con base protagónica na cidadanía activa, que sexa quen de se expresar na esfera política con actores, actrices e un guión común xurdidos dun escenario estritamente asembleario que agrome dende as localidades e se espalle polo país enteiro.

Reparemos na imaxe dunha zanfona na que os dedos deben, por unha banda, deslizarse con axilidade polas teclas para que soe a melodía mais na que esta só se produce, pola outra banda, co xirar moito máis pausado, menos espectacular e rimbombante, do manubrio que, con constancia, acciona a outra man.

Como se fósemos tanxedores de zanfonas debemos imaxinar este proceso. Xebremos o que é a elaboración dunha candidatura de consenso (máis vistosa, amiga de focos e apurada polas datas) do que é a conformación dunha nova e renovada expresión política (máis subterránea, traballosa e de tempo pausado). Unha e outra manteñen unha relación biunívoca e neses vencellos cómpre poñer o acento.

A alianza electoral é unha urxencia para frear o desmantelamento do ben común e do minguado poder público e tamén unha referencia necesaria para quen desexe traballar, sexa cal for o seu nivel de implicación, no horizonte das posibilidades e das alternativas concretas. Responde a un intre histórico. Probablemente, nos anos pasados non sería unha fórmula válida, nin sabemos se o será na mesma cuadratura do mañá. Estamos obrigados a termos unha idea ampla das candidaturas que dea unha resposta concreta ao neoliberalismo que está a minar os dereitos e as economías dos máis.

Consideramos que a amplitude desa alianza táctica vai dende a socialdemocracia cara á esquerda, nun abano xeneroso composto por diversas sensibilidades. Hai un límite temporal (a convocatoria das autonómicas) que reclama unha celeridade non por iso transmutada nun cheque en branco a determinadas maiorías ou aceptación pasiva do que digan as cúpulas.

A conformación das asembleas é urxente, e desde aquí facemos un chamamento a que en cada lugar do país a cidadanía, que considere necesaria a converxencia na defensa dos ataques que estamos a sufrir, comece a autorganizarse constituíndose en asembleas nacionalistas, cidadáns, ou do nome que cada grupo decida soberanamente. Este proceso precisará, por parte de todos e todas, dunha atención ben demorada, fóra de lindes temporais e de condicionantes mediáticos. O poder das asembleas constitúese dende abaixo e coa implicación dos seus axentes. Que ninguén agarde a construción dun movemento e dunha nova cultura política como un suceso ao chou, que veña dado, que estea ditado mentres nós copiamos coa cabeza agachada mirando para o papel.

Un guión escrito dende a cúpula, que conciba as asembleas como o lugar onde debemos aplaudir coas orellas, non concorda cos principios de construción de abaixo a arriba. Mais tamén, calquera xesto público das organizacións, deberá recoller a pluralidade (incluído o arredismo) que se está a producir arestora nas bases e que excede a catro siglas.

Cremos necesaria unha rexeneración que emana da experiencia da ocupación das prazas e da lectura da política como un exercicio desprestixiado. Hai que introducir novas prescricións que abrangan dende a revogabilidade e a subordinación dos cargos electos ás asembleas até a blindaxe do poder de decisións nas bases, dende o obrigado compromiso constante (e non só puntual e interesado) cos procesos asembleares até a fraternidade como cultura política, ao cabo, dende a democracia participativa á implicación do pobo mediante o traballo. Por iso, pensamos que a nova ferramenta política que se constrúa para as vindeiras eleccións debe facer pública e expresa a súa vinculación ás asembleas e debe asumir o seu carácter de medio para levar ás institucións os mandatos daquelas.

Non entendemos a vindeira expresión emerxida das asembleas unicamente cal se fose unha sigla. Comprendemos o nacionalismo e a esquerda real como un movemento ancho que recolla os distintos eidos de actuación. A panca política é a expresión nas institucións de todo ese movemento pero é parte igual e horizontal aos movementos sociais.

Observamos un anaco do pobo ateigado de ilusión e que cre necesario elaborar un novo voceiro que evite e corrixa as eivas doutras experiencias. Hai que reflexionar en comunidade, repasando os vellos postulados e introducir ideas chegadas doutros ensaios. Precisamos erguer un altofalante mediante a afirmación dun programa e non por medio da negación do outro. Isto non é un axuste de contas.

O peche deste proceso resulta unha incógnita. Non cremos nos dixomedíxomes nin no prexuízo como argumento político. Pensamos que non se pode construír o común coa mentalidade do porteiro de discoteca que, arbitrariamente, escolle quen entra e quen non entra ao club. O resultado final responderá á participación da cidadanía, ao seu protagonismo activo, e non á creación dende arriba dun receitario pechado e inamovible. O difícil é enfrontarse ao debate, á argumentación e á exposición pública do pensamento político. Primeiro deamos a batalla e despois decidamos se o desenlace resulta óptimo ao baremo particular. Toca arremangarse, poñer a funda e traballar.

Asinan este manifesto Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos.

18/04/2012

A insoportable levidade das alternativas ao caos

David Rodríguez. Publicado en Praza Pública (aquí). O autor, vello coñecido do noso blogue trata de gañar a vida como deseñador gráfico. Colaborou en medios como Vieiros e Altermundo. Publicou teatro, poesía e ensaio. Desde o 2005 mantén o blogue O Funambulista Coxo do que ten publicada unha escolma en papel titulada Retomar a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro, cuxa lectura recomendamos vivamente.



Pois cada día semella máis evidente que aquilo do caos sistémico do que tanto levan escrito Inmanuel Wallerstein e Giovani Arrighi (e que Xosé Manuel Beiras popularizou entre nós) non ía desencamiñado. Aínda que eles falaban do caos macro que provoca a crise de hexemonía da potencia americana nun momento no que novas hexemonías están a conformarse pero aínda se atopan nunha fase inmatura, este caos sistémico macro parece ter tamén as súa réplicas noutros niveis micro.

Así, da serie de despropósitos que está a protagonizar a monarquía española (o caos non estriba tanto na existencia deses despropósitos como no feito de que saibamos deles), ás voltas coa idoneidade do sistema autonómico como vertebrador territorial de España, pasando polo directo cuestionamento da continuidade do Estado do benestar que se creara a través da financiarización da economía española para lexitimar a "reforma pactada", fálanos de que outro relato, o da Transición da ditadura franquista á democracia liberal, está tamén a vivir o seu momento caótico á espera de que unha nova narración, naturalmente apoiada en feitos, recoloque ou cree ex novo as maltreitas estadas que suxeitan o edificio hispano todo. A nivel galego, tamén o nacionalismo está a padecer a onda expansiva do caos sistémico. A sensación de que cómpren novas teorías e novas prácticas para unha realidade escorregadiza cuxos presupostos e alicerces semellan esboroarse ao noso arredor está a provocar un sismo particular no que existe de cidadanía organizada neste noso país.

No nivel macro a esperanza das clases subalternas semella depositarse niso que Jorge Vestrynge gusta de chamar gaullismo de esquerdas (afortunadamente, polo de agora ese gaullismo de esquerdas non asumiu os prantexamentos cripto-xenófobos de Vestrynge) e que non sería outra cousa que a posta en práctica de certas ideas da socialdemocracia (capitalismo regulado, redistribución, nacionalización, sentido da soberanía forte) unido a unha certa recuperación do concepto "pobo" (entendido ao xeito do "Populismo" de Ernesto Laclau, como o significante baleiro que encarna ao conxunto de demandas democráticas dos de abaixo) e que estaría a ter en Latinoamérica o seu foco de difusión e, na Francia do Front de Gauche, a súa emulación para o marco europeo.

A recente nacionalización da petroleira YPF a cargo do goberno arxentino, un exemplo palmario deste gaullismo de esquerdas, está a provocar no Estado español dous comportamentos en apariencia encontrados: o dos que reaccionan mediante o patrioteirismo primario denunciando a agresión arxentina aos intereses españois e o dos que, sabedores de que os intereses dos cidadáns nada teñen que ver cos dunha multinacional como Repsol, ven o xesto arxentino con envexa e como a proba esperanzada de que o concepto de soberanía aínda florece nalgún lugar (aclarar que esta visión non pertence unicamente aos que se senten nacionais das nacións sen estado senón tamén a moitos dos que se senten nacionais españois). As dúas reaccións teñen como común denominador considerar á nación como o principal espazo político.

Como contrapartida, o xesto do goberno Kirchner dános tamén un valioso indicio dos límites contra os que poden bater, no futuro, as políticas socialdemócratas no mundo globalizado e multipolar. A loita polo control de recursos enerxéticos escasos e o repregramento en lóxicas puramente nacionais é o embrión dun mundo que, malia poder albergar en certas rexións políticas máis redistributivas que as do neoliberalismo (o cal non é difícil), pode desembocar nunha guerra total (quente ou fría) de grandes zonas económicas contra outras. É este, en última instancia, o verdadeiro talón de Aquiles da estratexia socialdemócrata: non ser unha alternativa global nin no que ten que ver coa dependencia de recursos enerxéticos finitos nin no que ten que ver coa redistribución económica a escala mundial nin, por suposto, no que ten que ver cun mundo rexido polo militarismo no que a inmunidade real só se adquire mediante a posesión de armas nucleares.

En canto ao Estado español, e ante o abandono polo PSOE do espazo socialdemócrata, é probable que IU procure, apoiándose na potente narración republicana, desenvolver a versión hispana do gaullismo de esquerdas populista. Un renacer da idea de pobo español enfrontado ao capital sen patria que se poderá reforzar puntualmente coa emerxencia do españolismo centralista de UPyD (o Barómetro de abril feito por Metroscopia para El País mostraba un desgaste do bipartidismo e unha suba tanto de IU como de UPyD); se ben UPyD, máis cedo que tarde, terá que abandonar a súa ambigüidade en materia socioeconómica (menos crible con apoios como o dado á Lei de estabilidade orzamentaria do PP) o cal é probable que mine bastante a súa credibilidade en tanto que partido nacionalista e o confine ao que é: un partido personalista nacido da xenreira ás nacións periféricas.

No que toca ao novo nacionalismo galego que se tenta articular arredor do chamado Novo Proxecto Común semella que a influencia desta corrente neo-gaullista de esquerdas, ou, se se prefire, de socialdemocracia soberanista, será fonda. En primeiro lugar porque, ao se tratar dun movemento político que reivindica o dereito a gobernarse por si propio dun pobo sen estado, ten xa moi andado, no seu nacionalismo e/ou galeguismo, a referencia populista presente neses outros proxectos que triunfaron ou que están a xurdir con forza noutras latitudes. En segundo lugar, se, como parece, o NPC está chamado a aglutinar un abano amplo de sensibilidades que van do centro esquerda aos movementos sociais alternativos (bastante semellante ao Front de Gauche, por certo) é máis que probable que sexa arredor de políticas reivindicadoras dun reformismo forte e da defensa do territorio que se atope o espazo de intersección entre un conxunto de proxectos cuxas propostas maximalistas teñen pouco que ver.

Así, en tempo de caos sistémico, e ante a falta dunha estratexia e dun discurso mellor na esquerda (e, sobre todo, viable) semella que, malia as súas limitacións, a idea de reformismo forte e a de soberanía son un primeiro chanzo no que comezar a imaxinar un mundo libre do xugo neoliberal e da súa ditadura dos mercados. Sabendo xa de antemán que nin un nin o outro son a panacea compre ir andando o camiño paso a paso. O carácter dialéctico da realidade e a nosa propia consciencia de que estamos a apostar por un camiño tremendamente continxente xa se encargarán de abrir novas posibilidades e novas rotas que poidan crear a nova esquerda do mundo globalizado, o novo internacionalismo dunha esquerda abocada, por máis que mire para outro lado, a pensar o planeta coma un todo.

23/02/2012

Liberdade

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Praza Pública (aquí).



O discurso ideolóxico dominante nun período determinado sempre tarda en ser obxectivado, comprendido e criticado polo groso da sociedade. Se cadra, mesmo se podería dicir que, infelizmente, ese discurso comeza a ser comprendido xusto momento en que deixa de ser imprescindible para os que detentan o poder. Un bo termómetro do grao de identificación popular dun construto ideolóxico dado ofrécenolo a cultura de masas: a música, a literatura, o cine, etc., pois esta rara vez aborda temas que o gran público non estea, xa de antemán, preparado para comprender.

Por exemplo, na Inglaterra de 1985, apoxeo do thatcherismo, un grupo de música pop independente como McCarthy (collerían nun ascensor os que podían coñecer daquela, e mesmo hoxe, a este grupo) identificaba perfectamente o espírito dos tempos nunha marabillosa canción profeticamente titulada We´re all bourgeois now (agora todos somos burgueses) que reflectía por onde transitaba, nesa década, a mutación antropolóxica das clases populares que xa intuíra Pier Paolo Pasolini nos anos 70.

O tema da canción versa sobre o encontro entre unha muller de poucos recursos que camiña pola rúa coa súa prole e máis o home-heraldo que lle informa, nas primeiras estrofas e na repetición do retrouso, da fin da inxerencia do Estado providencia e do advento da boa nova: We're all free to choose/ We're all free to choose/ We're all free to choose/ We're all free to choose; todos somos burgueses porque agora todos somos libres para escoller. Dito doutro xeito: como contrapartida a seren eliminados todos os mecanismos de redistribución económica, todos os dereitos que constituían a base material da verdadeira liberdade, tamén será desdebuxada toda idea de compartimentación social en clases. Desde agora todos somos burgueses potenciais no material (emprendedores) e burgueses de facto no ideolóxico (clase media). Velaí a quintaesencia da revolución conservadora que daquela estaba en plena fase de expansión pero á que só unha pequena minoría, desgrazadamente, sabía ler entre liñas.

Moito tempo pasou desde entón até este 2012, cuarto ano da crise do capitalismo financeiro, no que é posible atopar, en calquera librería-papelería de barrio, Liberdade, o supervendas de Jonathan Franzen no que se destripa a eito, se ispe con mestría e se analiza con detemento a idea de "liberdade como non interferencia" que o neoliberalismo elevou a dogma. É ben sabido que unha ideoloxía é hexemónica cando non é percibida como tal, senón cando consegue ser identificada co sentido común maioritario. Ante o feito de que un libro como o de Franzen —non só pola especial habelencia do autor (que tamén) senón por ser o tipo de libro best-seller que é— trate este tema dun xeito tan directo un pode afirmar, sen risco de resultar ousado, que os días da identificación abusiva da idea de liberdade (e por extensión de democracia) co capitalismo da era da globalización están contados.

Cando nun produto de consumo masivo se escriben cousas como: "As compañías mineiras tiñan motivos para temer que a reinita pronto aparecese na lista de animais amparados pola Lei de Especies en Perigo de Extinción, con efectos potencialmente nocivos para a súa liberdade para talar bosques e voar montañas"; ou cousas como: "Todo xira arredor das liberdades persoais —explicou Walter—. A xente veu a este país polos cartos ou pola liberdade. Se non tes cartos, aférraste aínda máis furiosamente ás túas liberdades. Aínda que fumar te mate, aínda que non poidas dar de comer aos teus fillos, aínda que aos teus fillos os mate a tiros un tolo cun fusil de asalto. Podes ser pobre, pero o único que ninguén che pode quitar é a túa liberdade para foderte a vida como che pete", un decátase de que nos tempos vindeiros o capital vai abandonar este camiño xa trillado e que procurará, polo tanto, outros recursos menos ideolóxicos e máis represivos para impoñer o seu poder.

E decátase tamén do tarde que chegaron ao Estado Español estas estratexias do capital para imporse a través do soft power; pois Galicia Bilingüe e a súa fobia anti-galego disfrazada de liberdade de elección de idioma que hoxe acolle o goberno Feijóo de xeito entusiasta, o ministro de educación Wert maila Igrexa Católica e as súas apostas pola escola privada coa liberdade de elección de centro como coartada, ou o ataque da patronal española ao dereito á folga en favor dunha difusa liberdade a traballar dos que non a secundan son os últimos estertores dunha ofensiva ideolóxica que a poboación do Estado Español comeza a non crer (de aí a demanda de "demoracia real" en oposición ao sucedáneo que nos ofrecen) e que no centro do sistema —os EUA que describe Franzen, os EUA, tamén, que comezan a substituír o We´re all bourgois now polo We are the 99%— resulta cada vez máis complicado facer funcionar.

Publicábase recentemente que as rendas do capital superaran no Estado Español, por primeira vez, ás rendas do traballo. Fronte ao 53% proveniente das rendas salariais e o 41% das rendas empresariais nos anos oitenta, hogano as cifras din que as rendas do traballo andan polo 46% fronte ao 46,2 das rendas do capital. Isto, lonxe de ratificar aos McCarthy que nos oitenta espallaban con ironía a boa nova da universalización do ser burgués, confirma a probabilidade dun futuro moitísimo máis preocupante: o dunhas novas xeracións que naceran créndose burguesas pero que madurarán con máis probabilidades de caeren na precariedade crónica e na exclusión social ca no mundo do traballo estable. Realidade á que tamén facía referencia a socióloga Saskia Sassen nunha entrevista recente na que aseguraba que "hoxe, o sistema financeiro inventou modos de multiplicar a renda sen pasar polo consumo de masa. [...] O novo elemento é que moitos dos desempregados de hoxe non teñen posibilidade de volver a ter unha vida normal de traballo".

Que o capitalismo fianciarizado precise hoxe menos man de obra ca nunca para reproducirse só pode querer dicir unha cousa: que nestes momentos ao sistema sóbralle xente. Velaquí a nova polarización. E velaquí sobre quen caerá a forza dos aparatos disciplinarios do Estado agora que o discurso hexemónico baseado na liberdade de escolla e na democracia formal semella entrar en tempos de decadencia.

13/02/2012

Eppur si muove

David Rodríguez. O autor vén de editar o excelente libro Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro (Estaleiro Editora, 217 páxinas, 8€), que é unha escolma en papel do que foi publicado desde 2005 no seu máis que recomendábel blogue O Funambulista Coxo. Artigo tirado de Praza Pública (aqui). O autor é deseñador gráfico e colaborou en medios como Vieiros e Altermundo, publicando teatro, poesía e ensaio.

O autor do artigo é o primeiro pola esquerda.

Ao mesmo tempo que a cidade de Atenas, o berce da democracia que hoxe agoniza, o berce tamén do republicanismo, ardía en protesta contra a barbarie do fascismo financeiro, o Encontro Irmandiño celebraba unha asemblea aberta para tomar unha decisión histórica: se debía continuar dentro do BNG ou se cumpría abandonalo para crear unha nova ferramenta política válida para afrontar os duros tempos que está a vivir un país que, coma o noso, xa non se pode pensar máis de xeito illado a respecto do que sucede no mundo. Pois a globalización está aquí e as súas consecuencias están a impregnar cada recuncho do planeta, incluído este no que habitamos.

Se o descontento co papel que lles asignaba o neoliberalismo fixo que as sociedades árabes se revoltasen en cadea, esta sucesión de Primaveras inspirou tamén a movementos cidadáns como a Geração à rasca ou o 15m aparecidos nunha Europa (e nuns EEUU decididos a ocuparen Wall Street) que comeza a comprender por fin que era aquilo da “epistemoloxía do sur” da que falaba Boaventura de Sousa Santos. E malia que houbo quen pensou que Galiza sería inmune a este movemento sísmico que a crise capitalista está a provocar en todo o mundo e que con desprestixiar a ditos movementos ao tempo que se escollía a estratexia do ourizo chegaba para que a súa onda expansiva desaparecese, o certo é que a ruptura co BNG decidida por aclamación na asemblea convocada polo Encontro Irmandiño hai que lela en directa relación con este auténtico cambio de ciclo político que se está a vivir en todo o planeta.

No cónclave irmandiño Xosé Manuel Beiras (a quen hai que recoñecerlle o exercicio de xenerosidade levado a cabo por quen escolle o camiño do compromiso co país e da loita até o final en lugar de dedicarse a escribir memorias e a deleitarse escoitando panexíricos beatificadores de aquí e acolá) dixo que "un líder é aquel que sabe pór en palabras as arelas colectivas" e ese líder nato chamado Beiras que leva tempo advertindo da podremia cada vez máis evidente do aparato institucional saído da Transición (da monarquía á xudicatura pasando polos propios partidos políticos) deitou algunhas ideas que, abofé, deberían guiar ao que queira que naza a partir do proceso colectivo que agora se enceta.

En primeiro lugar a capacidade de conxugar o traballo institucional co diálogo en pé de igualdade cos movementos sociais. En segundo lugar tomar consciencia de que a presenza institucional nunca pode ser un fin en si mesmo senón un medio para levar ás institucións as demandas populares (nas palabras de Beiras "non deixarse enguedellar por unha lóxica institucional que camiña no sentido contrario á cidadanía"). En terceiro lugar sermos capaces de artellar unha organización de espectro amplo (tan amplo como, outra vez en palabras de Beiras, o que colle entre os Zapatistas e o PT de Lula da Silva, entre os movementos antisistémicos e altermundistas e a socialdemocracia digna de tal nome) con capacidade para loitar pola hexemonía na sociedade civil e con capacidade para deter as políticas destrutivas desta dereita desbocada.

Atrás queda toda unha etapa da esquerda e do nacionalismo galegos. Pero non é hora de melancolías nin de mimetizar esquemas do pasado. Que unha parte da nosa sociedade estime necesario recomezar todo de novo demostra que aínda non estamos derrotados e que, máis ben, a sociedade galega segue viva e segue a ter vontade de facer política para o tempo que nos tocou vivir. Un tempo, Atenas estánolo a mostrar, no que o xélido vento da barbarie zoa por todas partes e no que ficar parados é o camiño máis curto para morrermos conxelados.

26/12/2011

A praza é nosa. Un libro de 2.0 editora

David Rodríguez Rodríguez. Reseña tirada do blogue do autor (aquí).


Este continúa a ser un momento produtivo para quen escribe este blog. Xa saíu do prelo A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? libro colectivo publicado por 2.0 Editora que inclúe, canda outra veintena de traballos, un artigo meu titulado A política como ruptura.

Velaquí un parágrafo —ben descriptivo do que é este libro— extraído do prólogo escrito por Manuel M. Barreiro:


A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? naceu como proxecto editorial por iniciativa de Marcos Pérez Pena co obxectivo de contribuír a enriquecer o debate sobre o movemento cidadán nacido no 15-M e enlaza voces de analistas e activistas nun diálogo aberto, e aínda inconcluso, animado polo que Mario Benedetti chamou crítica cómplice, onde uns e outros comparten as preguntas fundamentais e, mesmo desde as diferenzas, procuran de xeito mancomunado respostas practicables para a construción dunha democracia comprometida co ben común e o logro solidario dunha vida digna de liberdade, xustiza e benestar para todos e todas.

12/12/2011

Soberanía

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Altermundo (aquí).

Pois, aínda que non están os tempos para andar a citar a un nazi, o certo é que o xurista alemán Carl Schmitt deu unha definición do concepto de sobernía do máis acaído: "soberano é aquel con capacidade para ditar o estado de excepción". Que quere dicir isto?

Quere dicir que o verdadeiro soberano é aquel con poder suficiente para suspender a legalidade vixente e que —nun acto que en termos do Derrida de Forza de lei está alén do legal ou do ilegal— establece unha nova legalidade autofundada chamada a substituír á vella. Esta substitución dun estado de cousas por outro sería, nos termos de Jacques Rancière, a substitución da mera orde do existente (que el denomina "policía") por unha nova orde que atenda ao principio da igualdade. Esta loita entre policía e igualdade é o que para Rancière merece o nome de "política".
O que propoño, de feito, é opor dúas opcións. A noción de "policía", entendida non só no sentido de represión, de control social, senón de actividade que organiza a reunión dos seres humanos nunha comunidade e que ordena a sociedade en termos de funcións, de lugares e títulos que se deben ocupar. E hai, despois, outro proceso, o da igualdade. Este consiste no xogo de prácticas guiadas pola presuposición da igualdade de calquera e pola preocupación de o verificar: o nome máis propio para o designar é o de "emancipación". O que chamamos política é, de feito, o enfrontamento constante destes dous procesos, unha loita para dicir que cousa é a situación mesma.[El tiempo de la igualdad. Diálogos sobre política y estética. Barcelona, 2011]

Así, o réxime democrático-liberal no que vivimos nos últimos 40 anos, sería, aplicando a terminoloxía de Rancière, a nosa policía. No momento presente, en que este marco legal está a saltar polos aires a todos os niveis, vemos como a única política digna de tal nome —de novo entendida como a irrupción, ben que desta volta nada igualitaria, que desafía á policía— é a das ofensivas da banca e dos grandes operadores financeiros que actúan, no caso europeo, a través dese novo Golem chamado Merkozy. Esta política do shock, como a definiu Naomi Klein, ten as súas metástases nos países vasalos do eixo franco-alemán na periferia europea, metástase resumida, con suma claridade, por Manuel Conthe, expresidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, quen recomendaba a Mariano Rajoy ler a Maquiavelo e aprender do italiano que "os actos de rigor téñense que facer ao comezo e de golpe". Velaí, doutrina do shock en estado puro.

En troques, non hai, polo menos de momento, auténtica política da esquerda con capacidade para transformar a vella policía nun novo ordenamento legal. Se cadra por esta evidencia, Terry Eagleton moléstase a explicar no seu último libro titulado, ben descriptivamente, Por que Marx tiña razón, un concepto tan demodé como o de ditadura do proletariado. Escribe Eagleton:

Dificilmente haberá outra das súas coñecidas frases e expresións que provocase máis calafríos entre os seus críticos. Pero o que Marx entendía por ese termo de resonancias tan sinistras non era outra cousa que a democracia popular. A ditadura do proletariado significaba sinxelamente o goberno da maioría. Ademais, e en calquera caso, a palabra "ditadura" non suxería necesariamente o mesmo en tempos de Marx que na actualidade. Naquel entón, significaba unha contravención extralegal dunha constitución política.

Contravención extralegal dunha constitución política. É importante isto último que escribe Eagleton porque volve entroncar coa idea de política que expuña Rancière. O que Marx denominaba ditadura do proletariado non era outra cousa que a irrupción dos máis coa forza suficiente para suspender a orde legal e para instaurar unhas novas regras do xogo. Non pretendo dicir con isto que a esquerda do século XXI teña que recuperar sen máis palabras e conceptos do pasado como poida ser o de proletariado tal como era entendido na época de Marx, pero si cumpriría non perder de vista esta noción profunda do que é a política. Unha esquerda conforme coa administración do existente, cando o existente non é un campo neutro senón sesgado, é unha esquerda tolleita que nunca fará máis que colecionar derrotas. Estamos a ver como os que mandan, que si teñen un proxecto político, non amosan reparos en dinamitar o pouco de neutral que puidese aniñar aínda na democracia liberal e en deixala suspensa cada vez que o precisan, como se viu coa introdución da cláusula de déficit cero na constitución española ou como se está a ver cos sucesivos golpes de estado de salón en Grecia e Italia nos que os políticos son substituídos por tecnócratas da peor ralea que niguén escolle en eleccións e que aplican un programa político non escrutado pola cidadanía. Que eles son os únicos soberanos hoxe en día, e que os máis, ese 99% do que se fala nos EEUU, non o son demóstrao, precisamente, esa capacidade para impoñer novos marcos aos marcos legais existentes; para revolucionar, pois eles son neste momento os únicos revolucionarios, todo aquilo que se daba por sentado.

Mentres isto sucede na banda dos poderosos vemos como a maltreita socialdemocracia española (á que xa lle fago un favor de carallo tirándoa do saco dos poderosos) anda preocupada polo nivel de casticismo que debe posuír o novo líder (no debate sobre o futuro do PSOE José Bono sostén que ese partido precisa dun líder que sexa un "español sen complexos"), como se non fosen outro tipo de atributos, e non o quilo de bandeira que carga ás costas, o que determinan, hoxe en día, que cousa é aquilo que chamabamos ser presidente electo dun estado soberano.

21/11/2011

Cinco notas sobre as eleccións

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Altermundo (aquí).
Rosa Díez exultante polo medre de UPyD a custa do PSOE en grande medida. Lóxico. 

1. O PP arrasa sacando só uns 500 000 votos máis que nas eleccións que perdeu no 2008. Mellora a maioría de Aznar pero encara un panorama político-social que non terá nada que ver con 1996. Se daquela o contexto económico mundial boiante (a burbulla que agora estoupou funcionaba por entón a pleno rendemento) permitiu a Aznar forxar a súa aura de mago da economía e do emprego, os vindeiros anos a dereita española terá poucas alegrías que vender a unha poboación que, ao problema do paro, terá que engadir o desmantelamento do estado do benestar.

A receita de Rajoy ante a crise social que se aveciña será, sen dúbida, envolverse na bandeira rojigualda e nos cantos patrios ao tempo que vende ao mandamáis alemán, a prezo de saldo, a pouca soberanía que lle queda ao Estado Español. Empregará moito a bandeira, tamén o código penal. Pero canto tardaremos en ver na rúa a moitos do que hoxe votaron por Rajoy crendo que un simple cambio de goberno sería suficiente para cambiar o desastroso estado da economía?

2. O PSOE esboróase até alcanzar niveis de hai 30 anos e o seu electorado se refuxia na abstención, en IU e, posiblemente, en UPyD. É pouco probable que esta debacle provoque grandes mudanzas no seu seo. O PSOE de hogano é máis parecido a un aparato do estado que a un partido vivo e cunha militancia en condicións de demandar algo da súa cúpula. Por outra banda, ante o feito de o PP gobernar case que todas as institucións, é probable que os populares precisen maquillar a súa omnipresencia dando chance ao "principal partido da oposición" pois, se convén escoller ben aos mellores amigos, máis aínda convén escoller aos inimigos. O futuro non está escrito e un nunca sabe se non terá que recurrir a un goberno de concentración nacional.

3. A irrupción de Amaiur deixa aínda máis en evidencia a escasa representatividade da configuración do parlamento vasco actual e desmonta o vello mito que divía o País Vasco en dúas partes iguais de nacionalistas e "non nacionalistas". O abandono das armas por ETA e estes resultados electorais deberían forzar algún tipo de acordo histórico sobre o futuro do País Vasco ou a fenda entre este e España seguirá aumentando até que a froita caia polo seu propio peso.

4. Malia a clarificación do mapa político español en tres grandes dinámicas diferenciadas (a vasca, a catalá e a española), o BNG "está feliz" (Vázquez dixit) porque poderá seguir mantendo economicamente un chiringuito que é incapaz de recoller réditos dunha coxuntura na que o PSdG perde uns 300 000 votos, nas que o famoso condicionante do bipartidismo se reduciu como nunca antes e na que o noso país agoniza nas mans do exército de demolición de Feijóo que propiciou o expolio das caixas de aforro, a agresión ao idioma e á cultura propia e que, mesmo en plena campaña electoral, comezou con descaro a privatización do sistema de saúde cesando a tarxeta sanitaria a desempregados. O BNG non só non está a ser útil para ser ese dique de contención fronte a dereita do que falou Guillerme Vázquez na campaña senón que mesmo vé como o PP aumenta a súa hexemonía no noso país (especialmente humillante cando o candidato do PP era nada menos que un dos responsables da ignominia que foi a xestión da catástrofe Prestige). Asiste tamén ao espectáculo de ver como calquera tipo de alternativa viable á dereita se desdebuxa máis e máis e presencia como o país vai esmorecendo no económico e caendo na irrelevancia no institucional e simbólico.

5. De 350 escanos, só de 25 se poden dicir que corresponden a partidos de esquerdas. O que é tanto como dicir que no cómputo global a esquerda, malia subir a respecto das anteriores eleccións, segue a ser marxinal no parlamento español. Non é o dato definitivo sobre pensamento político dun país ou dun estado pero non deixa de ser un dato máis a ter en conta.

23/10/2011

O difícil camiño para a Paz

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Altermundo (aquí).

«Non, o que sucedeu en realidade é que comentei o asunto co camarada Walter. Falámolo porque o camarada Walter marchaba ao extranxeiro en 1953. Díxenlle: "Cando chegues á República Popular Chinesa, debes dicirlles, pedirlles, que queremos iniciar unha loita armada e que precisamos armas", e despois eu din ese discurso [...]. Detivéronme por iso, pero seguía convencido de que era a estratexia correcta para nós. E máis tarde, desde a miña clandestinidade, falei do asunto co camarada Walter e decidimos expoñelo nunha reunión do comité de traballo. Expuxemos o asunto pero, como che dixen, rexeitaron o meu argumento sen máis porque Moses (secretario do partido e, por suposto, membro do comité de traballo do Executivo nacional) sostiña que aínda non chegara o momento para iso: "A causa das estritas medidas adoptadas polo goberno, sodes incapaces de continuar á antiga usanza. As dificultades paralizáronvos e agora queredes expresarvos nunha linguaxe revolucionaria e falar de loita armada, cando de feito, aínda ten cabida o método antigo que estamos a usar se somos o suficientemente imaxinativos e estamos o suficientemente decididos. Simplemente queredes expór á xente a masacres perpetradas polo inimigo. Nin siquera vos parastes a pensar detidamente niso". Así foi como rexeitou a miña argumentación, dixo o mínimo e todo o mundo o apoiou. Despois falei do asunto con Walter… A oposición tiña tanta forza que Walter non se atrevía sequera a dicir nada. Pero sempre foi un tipo moi diplomático, aínda que digno de confianza. Así que revisamos a cuestión, e el, que sempre fora unha persoa de recursos, dixo: "Non, convócao a soas; discúteo con el. Eu encargareime de que vaia verte (porque eu xa estaba na clandestinidade)". Así que Moses veu e pasamos xuntos todo o día. Nesta ocasión fun moi sincero e díxenlle: "Estás a facer xusto o contrario do que fixo o partido comunista en Cuba; dicían que non se deran aínda as condicións para xestar unha revolución. Seguían os antigos métodos defendidos por Stalin…, sobre como pode identificarse unha situación revolucionaria, segundo Lenin e Stalin. Neste caso temos que decidir a partir da nosa propia situación. A situación neste país é que chegou a hora de que consideremos unha revolución, unha loita armada, porque a xente xa está formando unidades militares para emprender actos violentos. E se non o facemos, van continuar. Carecen de recursos, carecen de experiencia e carecen da maquinaria política para levar a cabo esa decisión.[...]
E debes ser creativo e mudar de conducta porque a túa actitude é, en realidade, a dun home que lidera un movemento á antiga, como cando eramos legais; que non o considera liderar agora no marco da ilegalidade no que estamos a operar. Logrei ser contundente co fin de desafialo… logrei desafialo. Así que dixo: "Ben, non che prometo nada, pero volve a expoñelo". Así que fun e o expuxen, e dixo: Ben, sigo sen estar convencido, pero démoslle unha oportunidade. Deixade que expoña estas ideas ao Executivo, co noso apoio." Así que se aceptou e todo o mundo estivo dacordo. Fomos a unha reunión do Executivo nacional. Entón o xefe e outros opuxéronse firmemente. Sabiamos, por suposto, que íamos contar coa postura do xefe porque cría na non violencia por principios, mentres que nós a considerabamos unha táctica (aínda que non puideramos dicir iso diante do tribunal). Ante o tribunal, é dicir, no xuizo da traición, dixemos que críamos na non violencia como principio, porque se dixeramos que a considerabamos unha táctica, teríalle dado unha excusa á Coroa, ao Estado, para dicir que en calquera momento, cando nos convise, usariamos a violencia, e que, de feito, iso era o que estiveramos a a facer. Así que o evitamos, pero só por ese motivo. Sempre crimos na non violencia como táctica. Sempre que a situación exixira que utilizaramos a non violencia, usariámola; cando a situación exixira que nos afastaramos da non violencia, fariámolo.

As palabras que veño de reproducir pertencen a alguén que dedicou a súa vida toda á loita polo recoñecemento do seu pobo. O seu legado histórico pasou de ser o dun perigoso terrorista ao dun presidente do seu país e ao dunha figura admirada en todo o mundo. O autor desas liñas chámase Nelson Mandela e o estracto está recollido do libro Conversacións conmigo mesmo. Os métodos que aquí defende Mandela con tanta claridade son os mesmos que viu empregando ETA nos últimos 40 anos. Mandela é unha figura clave do século XX. A loita armada é tamén unha táctica filla dese mesmo tempo.

A comezos do século XXI ETA decide deixar atrás a violencia e o pobo vasco ve o horizonte expedito para emprender novos camiños de loita cara o seu recoñecemento. Estamos nun tempo novo e para iso son necesarias estratexias novas. Agora ben, para trazar unha rota viable cara unha paz duradoira no País Vasco cumpriría deixar as emocións a un lado e, co líder sudafricano na cabeza, non esquecer que, por moi equivocada que se xulgue a estratexia armada (e sen dúbida para a solución do conflito vasco aquela non axudaba), non se pode despachar á actividade armada catalogándoa simplemente como unha suma de feitos delictivos senón que é necesario, máis ben, enmarcala no contexto dunha loita política.

Se na chamada transición á democracia a amnesia colectiva imposta axudou a que greas de franquistas puidesen vivir impunes até morrer de vellos e mesmo seguir a ocupar postos de gran relevancia política e económica, na segunda transición que a fin de ETA pode axudar a precipitar, os militantes desa organización e, en xeral, os da esquerda abertzale toda, están chamados a xogar, mal que lles pese a moitos, un papel político moi relevante. Se algo proba o caso de Nelson Mandela é que sen a existencia dese espazo aberto para a incorporación nas institucións dos que se atopaban na clandestinidade a paz terá un futuro moi difícil.

11/10/2011

Nacionalista ou nacional? Pequena contribución ao debate

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Altermundo (aquí).

Do mesmo xeito que no século XIX o movemento nacional galego pasou polo provincialismo e o rexionalismo, o nacionalismo será a nomeclatura análoga para o século XX, un século no que a dialéctica centro-periferia se cirunscribía ás relacións entre nacións sen estado vs. os estados nación. No s.XXI ou se combate a globalización sendo nacional, no sentido republicano, ou non se é nada e se deixa que gobernen os mercados.

Para alguén que considere a Galiza como o seu país o Estado español sen soberanía que hoxe existe, Madrid, para entendérmonos, xa non pode ser o adversario único. Hoxe os movementos políticos deben reivindicárense nacionais polo simple feito de que os estados-nación están baleiros de contido. Estamos no neofeudalismo, hai que volver construír espazos de soberanía popular. A dialéctica centro-periferia coíncide como nunca coa dialéctica esquerda-dereita e ten a súa expresión na confrontación de mercado vs. democracia.

Se tomamos o caso da ETA, un produto crepuscular dese século XX no que a loita se daba entre as nacións subordinadas e as grandes nacions-estado imperialistas, semella que os dirixentes da banda chegaron á conclusión de que agora xa non ten sentido prolongar un antagonismo que a historia deixou caduco. É un gasto de enerxía inútil facerlle a guerra a un estado con cada vez menos soberanía. Na medida en que se desgasta a ese estado decadente tamén se desgasta o espazo exiguo de soberanía (o que queda de institucións democráticas), no que, mal que ben, as nacións sen estado aínda existen. O poder está agora fóra do Estado Nación, calquera que desexe a pervivencia da súa nación ten que focalizar a loita cara o espazo globalizado dos capitais sen control e dos conglomerados militares. Pensemos senón no expolio ao sistema financeiro galego perpetrado a través da fusión das caixas de aforro e da absorción do Banco Pastor polo Banco Popular. Pódese afirmar con seriedade que todo ese aforro galego será empregado para que a nación española medre en detrimento de Galiza como se España aínda fose unha metrópole que pavimenta as súa rúas de ouro a costa da suor dos colonizados? Non será máis atinado pensar que con toda probabilidade todo ese aforro ha rematar engulido no fluxo de capitais especulativos sen patria que, por estarmos en tempo de transición, aínda responden, nominalmente, aos xentilicios dos vellos estados-nación? Todo isto abre un espazo aos movementos nacionais periféricos do Estado Español para procurar alianzas co movemento soberanista e popular que xurda na propia España (naturalmente alianza non significa fusión), toda vez que se comparte inimigo.

Nunha entrevista recente Xabier Arzalluz expresaba, coa claridade que o caracteriza, a súa visión desta encrucillada semántica do seguinte xeito: "Yo usaría nacionalista para dentro (do estado nación) y nacional para fuera (o mundo globalizado)". O cal é unha maneira gradualista de recoñecer que o termo nacionalista, tal como se entendeu no Estado durante os últimos cen anos, desaparecerá na mesma medida en que o Estado nación chamado España continúe a se desdebuxar. Esta contradición xa é perceptible nas forzas que se autodenominan nacionalistas e que teñen representación no congreso e no senado do Estado. Ao tempo que manteñen aceso o antagonismo con Madrid escenifican razoables mostras de indignación cada vez que desde o bipartidismo imperante se ignora a opinión dos cidadáns de todo o estado (como sucedeu nese golpe de estado encuberto que foi a reforma constitucional impulsada por Zapatero para instaurar a obriga das políticas de déficit cero).

Pero nada mellor que reparar en Palestina, a nación sen estado que máis globalizada ten a súa loita para concluír con esta cuestión. Alguén pensa que os palestinos se definen a si mesmos como nacionalistas? Claro que non, os palestinos chámanse a si mesmos palestinos e a consecución de institucións democráticas palestinas é o que procuran todos os seus nacionais diga o que diga a infame xeopolítica mundial.

23/09/2011

Largar redes (á raíz da polémica da TVE)

David Rodríguez Rodríguez. Achega do autor para a Rolda de Rebeldia (aquí). Á revolta entre a mocidade tenda desde o seu espazo contribuír para algúnhas das propostas que o autor fai. Recuperamos esta postaxe debido á recente polémica da TVE. O autor tamén se puxo mans á obra e participa no colectivo A nave das ideas e Altermundo. É autor do blogue O funambulista coxo.

O PP, coa aquiscencia de CiU, ERC, CC.OO. e o apoio tácito do PSOE absténdose pretende aplicar a censura sobre os temas que se poden tratar nos telexornais así como na sua focaxe.


Unha organización política de esquerdas do século XXI non debería esquecer que os medios de comunicación hexemónicos son parte do sistema.
(Texto introductorio. De non interesarche procura, máis abaixo, o apartado de Propostas)

«Somos seres culturais» dicía Joaquín Miras nun divertido pero clarificador artigo titulado A dificultade de desnaturalizar a nosa forma de vida (ou sobre a aseidade da vasoira). E continuaba: «vivimos conforme a principios e expectativas, actuamos conforme a saberes de actuación. Producimos o mundo obxectivo a partir da materia, pero segundo normas, segundo pensamentos nos que se determinan ou coagulan os saberes; saber facer, saber producir, saber empregar, saber planear, saber dos fins. O ser humano obxectívase. Se partimos desta idea, a saber, a de que a cultura humana é obxectivación nosa, esperamos que sexa fácil deliberar colectivamente sobre o como mudar de cultura.» E é que moitas veces, mergullados como estamos na realidade que nos circunda, esquecemos que toda ela (e isto sábeno moi ben os semiólogos), desde a mera forma dos obxectos aos movementos globais de capital, da retórica publicitaria aos pequenos comportamentos das nosas vidas cotiás, do deseño das nosas cidades aos valores morais dominantes nun periodo histórico determinado, está a falarnos de nós mesmos. Nada é natural. Todo é creación nosa, artificial, e, polo tanto, todo é modificable segundo a nosa vontade.

Máis ou menos ata finais dos sesenta e principios dos setenta do século XX, a esquerda suplía a súa falta de control sobre o capital económico hexemonizando o outro capital: o capital cultural. A maior parte dos e das grandes novelistas, cineastas, dramaturgos, filósofos, pintoras, etc. eran ou ben esquerdistas declarados, ou, cando menos, tiñan difícil escapar do clima predominantemente progresista que impreganaba os ámbitos culturais. A caza de bruxas macarthista nos EEUU dos anos 50 foi a primeira toma de consciencia —e a primeira reacción— por parte da dereita ante esta realidade. Pero non sería ata despois da década dos 60, e como resposta ao nacemento da contracultura, ao estourido revolucionario en Francia, ás revoltas estudiantís en media Europa, á revolución de veludo na República Checa, ao movemento polos dereitos civís dos negros norteamericanos e ao clima de efervescencia que se vivía nuns países do sur en pleno proceso de descolonización, que a dereita norteamericana, actuando como vangarda da dereita de todo o mundo, comezaría a tomar de verdade cartas no asunto. Desta época datan os grandes investimentos en think tanks, as fundacións de orzamentos desorbitados dedicadas á reflexión política para conseguir o que parecía imposible: que a dereita non só gozase do capital económico senón que ademais fose quen de producir, espallar e multiplicar o seu propio capital cultural. Libros como o de Thomas Frank, Que pasa con Kansas. Como os ultraconservadores conquistaron o corazón dos Estados Unidos explican como da conxunción do poder económico e do control da produción de discursos nos medios de comunicación de masas, a dereita conseguiu introducir nas clases populares e traballadoras valores e intereses que non só eran totalmente alleos a estes segmentos da poboación senón que tamén resultarían contraproducentes para os seus propios intereses. Algo que, para o ámbito do estado español, tamén observa Vicenç Navarro cando, no seu O subdesenvolvemento social en España, di que «existen grosso modo, polo menos dúas Españas. Unha construída polo 30-35% da poboación, coas rentas superiores e unha enorme influencia á hora de configurar a cultura mediática e política do país […] Os grandes temas que se debaten nos medios, son polo xeral, os que interesan máis a esta España […] A outra España é a España popular, que inclúe aproximadamente o outro 60-65% da poboación […] A súa influencia no Estado foi historicamente menor, o que explica o escaso desenvolvemento do Estado do benestar en España.»

Segundo escribe Manuel Castells —o grande experto na chamada sociedade da información— no seu último libro Comunicación e poder: «a institucionalización do recurso á violencia no estado e os seus derivados establece o contexto de dominación no que a produción cultural de significado pode despregar a súa eficacia.»

Este contexto de dominación, que é o contexto en que nos movemos nós, ten nos medios de comunicación a súa grande ferramenta, toda vez que, como di o propio Castells, «os medios de comunicación non son o Cuarto Poder. Son moito máis importantes: son o espazo onde se crea o poder.» Para crear este poder, os medios de comunicación de masas utilizan, segundo o autor, as tres técnicas que comento a seguir:
Establecemento de axenda (Agenda setting): consiste na asignación dunha especial relevancia a un asunto particular ou a un conxunto de informacións por parte da fonte da mensaxe coa espectativa de que o público prestará unha maior atención ao contido e formato da mensaxe. Un bo exemplo de agenda setting, tomado dun medio galego, dábao hai tempo o blog Calidonia cando, nun gráfico post, mostraba o número de veces que a Voz de Galicia tiña denunciado os desfases orzamentarios da Cidade da Cultura (1746 veces) e do Porto Exterior da Coruña (248). Sendo razonable colexir, pola disparidade de atención a dous asuntos homologables, a suposta existencia dalgún tipo de interese dos propietarios do xornal no éxito desta última obra.
Priorización (Primming): é unha especie de extensión do establecemento da axenda mediante o que se suxire ás audiencias a utilización de determinados asuntos como referencia para evaluar a actuación dos líderes e dos gobernos. A polémica artificial arredor da compra duns Audis por parte do goberno BNG-PSOE durante a pasada campaña electoral galega é un bo exemplo de primming.
Enmarcado: consiste en «seleccionar e resaltar algúns aspectos dos acontecementos ou asuntos e establecer relacións entre eles co fin de promover unha determinada interpretación, evaluación e/ou solución». O enmarcado, algo ben estudiado por científicos cognitivos como George Lakoff, «é un mecanismo fundamental de activación da mente porque relaciona directamente a estrutura dunha narración transmitida polos medios coas redes neuronais do cerebro», xa que «só os marcos que son capaces de conectar a mensaxe cos marcos mentais preexistentes se convirten en activadores da conducta.». No debate político galego actual, un exemplo de enmarcado creado polos medios de comunicación é aquel que conseguiu relacionar «promoción da lingua galega» con «imposición». Inducindo así na xente o cuestionable rexeitamento á lingua galega a través do razonable rexeitamento a algo a priori tan negativo como é o concepto abstracto de imposición.

Con estes vimbios os medios de comunicación de masas deseñan produtos de infoentretemento cos que abouxar —empregando o que Castells denomina «política do escándalo»— a unhas audiencias que, a base de naturalizar a información destes medios (e qué maior naturalización que a metonimia, extendida ata non hai moito na área de Vigo, mediante a cal o nome dun xornal, o Faro, se utilizaba tamén para nomear o concepto de xornal xenérico), acaban convertidas en simples consumidores pasivos e moldeables.

«Síntome tentado a xogar coas palabras —di Castells noutro lugar do seu libro— e caracterizar a transformación do poder na sociedade rede como o cambio desde a propiedade dos medios de produción cara a propiedade dos medios de comunicación.» Se cadra isto sexa unha esaxeración e os medios de comunicación representen só unha parte, entre outras, dos mecanismos que ten o poder para perpetuarse. En todo caso, é unha parte substancial. Na sociedade rede analizada por Castells unha nova realidade abriu camiño a raíz da implantación e popularización da Internet e da telefonía móbil: o que o catalán denomina a emerxencia dos «medios de autocomunicación de masas». A través destas novas posibilidades de comunicación baseadas non só na recepción de información, senón tamén na súa emisión, unha ferramenta poderosa está a disposición de todos aqueles que desexen ou ben «reprogramar as redes» xa existentes dos grandes medios de comunicación ou ben crear redes alternativas que contraprogramen e contraenmarquen (que desnaturalicen, diría Joaquín Miras) os medios sistémicos. Poderiamos dicir que se no pasado a esquerda adoptou un modelo dividido en partido + organizacións de masas, a esquerda horizontal do presente debería estruturarse —sen atender a xerarquías— en tanto que movemento social + organización encargada de acceder á instancia política + estructura productora de información. Prestar atención a este fenómeno da autocomunicación de masas, centrar as enerxías, mediante a potenciación da reflexión intelectual, na produción de discursos alternativos aos hexemónicos é, na miña opinión, unha das tarefas máis importantes que ten ante si calquera tentativa de repensar a esquerda.

Porque se cadra, nunca como neste momento, interpretar e transformar o mundo significaron, tan claramente, unha mesma cousa.
 
Propostas
 
1.- Concibir a organización como unha maquinaria intelixente capaz de procesar información. Que saiba aproveitar á súa militancia e aos seus simpatizantes en tanto que recabadores e produtores de información valiosa.
2.- A información debería fluír desde os individuos das distintas comarcas entre si e entre estes e aqueles con tarefas executivas a nivel nacional. Para iso deberíase potenciar a comunicación en rede e a comunicación directa a través de email, sms, ou calquera outro medio, tanto para informar como, sobre todo, para tomar decisións.
3.- Potenciar, utilizando ferramentas como as redes sociais, a comunicación entre militantes e simpatizantes e entre estes e a organización.
4.- Fornencer de materiais a todo aquel que os desexe para interpretar e debater sobre a actualidade política nacional e mundial. Nun tempo en que os medios de comunicación copan a produción ideolóxica, a formación política é crucial.
5.- Se no pasado a esquerda se dotou de partido + organizacións de masas, no presente a esquerda, que se quere política e social, debe dotarse de partido + movementos sociais + unidades de produción de información; puidendo ser estas parte integrante do propio partido ou entes separados tanto do partido como dos movementos sociais. Estas unidades de información non se deben confundir con simples medios de comunicación. A súa tarefa debería ser informar, pero tamén deberían ter capacidade para editar materiais destinados á formación, estudos pormenorizados sobre cuestións importantes en cada conxuntura, estatísticas, editar libros, crear blogues, webs, ou unidades de creación de discurso en diferentes redes sociais que se ocupen de propor visións alternativas sobre os debates políticos da actualidade; tanto sobre aqueles temas que os medios sistémicos sitúan na axenda, como daqueles outros que conformen a axenda da esquerda en cada momento.
6.-As células da organización en cada comarca tamén deberían actuar como unidades de información. Sen cinguirse só á rede senón potenciando as pequenas publicacións en papel ou organizando conferencias, palestras, proxeccións de filmes, etc. que poidan atraer a xente allea á organización e que xeren debate intelectual e ideolóxico.
7.- Esta utilización das novas ferramentas de comunicación tamén deberían ser empregadas para conectar á organización política cos movementos sociais. E sería igualmente necesario que os propios movementos aplicasen, no seu funcionamento, o mesmo esquema comunicativo proposto.
8.- Unha organización política de esquerdas do século XXI non debería esquecer que os medios de comunicación hexemónicos son parte do sistema. Neste sentido, a deslexitimación e denuncia das practicas destes medios deberían abordarse coa mesma claridade e contundencia coa que se aborda a confrontación política co bipartito perenne en que se sosteñen as chamadas democracias liberais de mercado. 

17/06/2011

Liberdade natural vs. liberdade política

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado do seu blogue.

No moi interesante La ciudad en llamas. La vigencia del republicanismo comercial de Adam Smith, David Casassas resitúa a Smith na tradición republicana á que pertence e desmonta algúns dos tópicos máis extendidos arredor do escocés como aquel que di ver nel a un dos pais intelectuais do neoliberalismo que hoxe causa estragos en medio planeta. No parágrafo que reproduzo a continuación, citado no libro de Casassas, o propio Smith clarifica os dous sentidos do concepto liberdade que hoxe, despois do desarme ideolóxico da esquerda e do continuado e eficacísimo traballo de creación de discurso dos think tanks da dereita, tan a menudo se confunden. Escribía Adam Smith n´ A riqueza das nacións:
Acaso haberá quen sosteña que impedir que un particular reciba en pago os billetes dun Banco, por unha suma grande ou pequena, cando non ten inconvinte en aceptalos, ou prohibir a un banqueiro que os emita cando os demais non teñen inconvinte en recibilos, é un atentado manifesto contra a liberdade natural, que a lei está obrigada a non violar. Estas regramentacións poden considerarse indiscutiblemente contrarias á liberdade natural. Pero o exercicio desa liberdade natural por parte dun contado número de persoas pode ameazar a seguridade da sociedade enteira, de xeito que pode e debe restrinxirse pola lei de calquera Goberno, desde o máis libre até o máis despótico. A obriga de construír muros para impedir a propagación dos incendios é unha violación da liberdade natural, exactamente da mesma natureza que as regulacións no comercio bancario das que acabamos de facer mención.

Liberdade natural vs. liberdade política (ou a liberdade dos que son igualmente libres). Velaquí o quid do asunto. Precisamente nesta confusión entre liberdade natural e política baseaba Roberto Blanco Valdés a súa última homilía na Voz de Galicia contraria a que a CRTVG siga a emitir exclusivamente en galego (é dicir, a que a radio e a televisión pública galega siga a ser, en terminoloxía de Adam Smith, un muro construído a favor da lingua máis débil e a favor, polo tanto, da liberdade política dos galego-falantes (daqueles que falan a lingua minorizada) en lugar de favorecer a liberdade natural da lingua máis forte, a liberdade natural dos castelán-falantes (dos que usan unha lingua de Estado que, por selo, goza de todas as vantaxes e medios). Discernindo ben estes dous conceptos, liberdade natural e liberdade política, podemos comprender moito mellor por que a esquerda sempre estivo a favor de medidas de discriminación positiva para calquera minoría social, de xénero ou nacional.

Cando nas prazas tomadas polos chamados Indignados se está a pedir, con moita lucidez, a construción de muros que salvagarden ás persoas das decisións dos mercados -como Adam Smith reclamaba a construción de muros entre a xente e os bancos- pero se ignora que tamén cómpre reivindicar eses muros, por pura solidariedade, en favor de todos aqueles que padecen algún tipo de discriminación social aparentemente non económica (pensemos na nula reivindicación da lingua galega polos Indignados do país ou nos comentarios do tipo "o feminismo sepáranos" escoitados na acamapada de Madrid a raíz da denuncia de discriminación de xénero na mesma) non só se está a ser incongruente e inxusto (porque se está a violentar a coherencia entre as distintas loitas) senón que, como escribía Casassas sobre Adam Smith, se está a considerar a vida social coma «un espazo neutro, politicamente aséptico, sen relacións de poder, no que a xente asina contratos libre e voluntariamente», algo que até aquel escocés do século XVIII, o que falara da man invisible do mercado, tiña claro que era falso.

20/05/2011

O nacionalismo galego e Democracia Real Xa! (ou de como escollín un mal momento para deixar o blog)

David Rodríguez. Artigo tirado de aquí.





Entre algunhas das ideas intelixentes que ven expresando Alain Badiou nestes últimos tempos quédome, así de memoria, con dúas:

1. A idea de Acontecemento como ese intre inesperado e fundacional, ese salto ao baleiro que muda todo e a partir do cal o anterior perde todo significado.

2. A idea de que a palabra Democracia se convertiu no fetiche manoseado polos principais inimigos da mesma para anestesiar ás poboacións despois de que as conclusións de Thatcher e Fukuyama de que non había alternativa e de que chegaramos ao fin da historia callaran máis do que merecían.

Tanto unha como a outra cobran especial vixencia ao albur do que está a suceder co chamado movemento Democracia Real Xa!

A toma da Porta do Sol de Madrid por parte dun conxunto de cidadáns autoconvocados e as metástases da mesma a menor escala que van agromando por todo o Estado parecen querer ser ese Acontecemento inesperado que se veu de facer ser extenso despois de ter sido só ser virtual e que ten o potencial de mudar o prisma con que percibimos a nosa realidade política. Que o nome do movemento inclúa a palabra Democracia para denunciar, como Badiou, que aquilo co que nos aguilloaban a diario non era en verdade digno de tal nome senón mero simulacro anestesiante consegue golpear con gran precisión na trabe mestra do edificio ideolóxico do capitalismo neoliberal: o binomio absurdo democracia=capitalismo / capitalismo=democracia.

Con esta paisaxe coma pano de fondo xorden, aquí e acolá, entre algunhas das xentes vinculadas ao soberanismo galego de esquerdas e, en xeral, no mundo do activismo organizado previamente a este novo movemento, certa espectación ante os feitos non exentos de desconfianza (nalgúns casos xustificada) pero co agravante de esquecer que a maior característica dun Acontecemento como este é a súa performatividade, é dicir, o seu caracter non pechado e o seu potencial para ser levado alá onde os participantes decidan conducilo.

Aínda que cativo na súa capacidade mobilizadora (outra cousa é analizar a corrente de simpatía que está a xerar no interior de non pouca xente anónima), o movemento Democracia Real na Galiza está a ser impulsado por xente nova nas súas dúas acepcións, nova en idade e nova nisto do activismo. Estamos asistindo á primeira mobilización de capas sociais criadas na opulencia alienante desta fase concreta do capitalismo neoliberal tan destructiva e suicida. Xente cun contacto escaso co movemento altermundista dos noventa, canto máis co que puido ser o movemento obreiro dos anos 70, o movemento antimilitar dos 80 o movemento pola lingua tamén desas décadas ou o movemento feminista. Xentes ás que cando lles falas dos 60 pensan máis na estética psicodélica made in centro comercial que nas revoltas de París. Xente que naceu cando o muro de Berlín xa caera e para os que a imaxinería clásica da esquerda é cousa dos libros de historia. En definitiva, xente que se move nuns marcos mentais diferentes aos do activista de sempre. De aí a perplexidade e mesmo o recelo deste último. Pero compre sermos xenerosos. Para moitos deses rapaces e rapazas esta loita é a súa primeira loita. Percibimos simpleza nalgunhas das súas manifestacións e lemas e percibimos que non son quen aínda de relacionar a súa loita coas loitas de outros (a congruencia das loitas das que falaba Domènech) pero sería un erro censuralos. Na experiencia apréndese e na práctica vanse creando as alianzas. Mal farían os activistas con pedigrí desprezando este alude de enerxía deslabazada e fresca. Máis que criticalos o que compre é acompañalos e, sobre todo, aprendermos mutuamente (porque moito temos que aprender sobre o seu uso das novas tecnoloxías). Que rapaces e rapazas, eu mesmo coñezo algunhas, se tivesen manifestado desta volta e non noutras mobilizacións (que mesmo nin souberan que houbera outras mobilizacións interesantes) demostra máis a incapacidade dos vellos activistas para atraeren a esta xente que o pasotismo ou o embiguismo deses rapaces. Hai vontade, o que están a buscar é como canalizar esa vontade. Se cadra non son os campións da coherencia pero.. quen foi un campión da coherencia con vinte anos? (e co dobre tamén). Se as persoas identificadas co soberanismo galego deciden non acompañar a esta xente por cuestións como a falta de conciencia lingüística o que contribuirán é a que o afastamento destes rapaces e rapazas coa loita nacional galega sexa cada vez maior. Quen despreza o movemento alcumándoo como émulo de Madrid, demostra non entender que tamén é émulo de Tunicia, de Exipto, de Libia, de Bahrein, de Iemen, de Islandia, de Grecia, de Portugal. Non importa de onde veña a inspiración, o importante é conseguir que en cada lugar a xente agarre o temón do barco, e para que isto suceda na Galiza o amplo espectro do soberanismo galego de esquerdas debe pór tamén o seu gran de area.

Non deixo de lembrar estes días os artigos que hai uns meses escribira O Beiras, coa mestría e a intuición que o caracterizan, sobre a Doutrina dos dous mundos no nacionalismo galego. Esta separación dos dous mundos estase a aplicar tamén a pequena escala: o nacionalismo galego segue ensimismado no seu mundo en lugar de se mesturar e liderar a ese outro mundo de rapaciada con ganas de implicarse politicamente. E iso non pode ser máis que cavar a súa propia tumba. Algo ben paradoxal cando vemos que desde as inmediacións do mesmo movemento Democracia Real Xa! se coloca (canda a IU) á organización política máis grande do soberanismo galego, o BNG, como a forza que con máis fidelidade seguiu, nas súas votacións no Congreso dos Deputados, os postulados que ese movemento está a defender arestora na rúa.

29/03/2011

Democracia mini

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de Altermundo, aquí.

É para volver caer baixo o xugo da aristocracia dos ricos para o que se quebrou o xugo da aristocracia feudal? Escribía Maximilien de Robespierre nun discurso do ano 1791 que defendía o sufraxio universal. 
E engadía:
"Todos os homes nacidos e domiciliados en Francia son membros da sociedade política chamada nación francesa, é dicir, cidadáns franceses. Sono pola natureza das cousas e polos primeiros principios do dereito de xentes. Os dereitos anexos a ese título non dependen da fortuna que cada individuo posúa, nin da cantidade de impostos aos que estea sometido, porque non é o imposto o que nos fai cidadáns; a calidade de cidadán só obriga a contribuír aos gastos comúns do Estado segundo a capacidade de cada un. Agora ben, podedes dar leis aos cidadáns, pero non podedes aniquilalos. Os partidarios das medidas que estou a criticar percibiron por si propios esa verdade, xa que, non atrevéndose a negar a calidade de cidadán a quen estaban desherdando politicamente, limitáronse a evadir o principio de igualdade que necesariamente presupón mediante a distinción entre cidadáns activos e cidadáns pasivos. Contando coa facilidade con que se governan aos homes con palabras, trataron de confundirnos proclamando con esa nova expresión a máis manifesta violación dos dereitos humanos."
E cómpre retomar os argumentos radicalmente democráticos dos revolucionarios franceses agora que a nosa está a ser galvanizada diante dos nosos ollos. Nun lapso de apenas 72 horas asistimos a dous episodios máis deste claro devalar cara o neofeudalismo que tamén separa os cidadáns en activos e pasivos. O sábado, o presidente Zapatero mantiña a segunda das reunións cos "notables do reino" (a nova cámara dos Lores como a definiu Ignacio Escolar). Onte mesmo, Mariano Rajoy, nun sarao con Pymes, facía público o seu desexo de substituír a asignatura escolar de "Educación para a cidadanía" por "Fomento da actividade emprendedora" (aínda que a claridade non é a maior das virtudes de Rajoy, desta volta creo que todos comprendemos a mensaxe subliminal que se nos enviaba). Se os dous líderes do turnismo oficial deixaban ás claras a concepción aristocrática e antidemocrática da sociedade civil que lles impulsa, tamén demostraron, estes últimos días, a que políticas concretas conduce irremediablemente esa visión da sociedade: por unha banda o anuncio de Zapatero de vincular por lei, como manda o chamado "Pacto do euro", gasto público e crecemento (lei complementaria á que vinculará, salvo que UGT e CCOO nos sorprendan, produtividade e salarios). Dificilmente se pode atopar lei máis antidemocrática que aquela que impide calquera alternativa en política económica, aínda que esta non sexa máis que a vella receita do investimento contracíclico (no contexto en que nos movemos mesmo o keynesianismo é subversivo). Pola outra, a suxestión do presidente de Murcia, en presenza de Mariano Rajoy, de comezar a cobrar pola asistencia sanitaria e educativa pública. Algo especialmente desvergoñado se temos en conta que Murcia é unha das comunidades con maior número de parados —menor número, polo tanto, de xente con capacidade de pagar nada— do Estado español, por mor da súa entrega á economía do tixolo.

Será o noso estado de shock, que diría Naomi Klein, tan paralizante como para permitirmos esta involución?

05/12/2010

Cogito ergo protesto

 David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado de aquí. A imaxe é a última portada da célebre revista Time.

What we need now is another Jonathan Swift. Most people know Swift as the author of “Gulliver’s Travels.” But recent events have me thinking of his 1729 essay “A Modest Proposal,” in which he observed the dire poverty of the Irish, and offered a solution: sell the children as food.
Paul Krugman

Joseph Stiglitz

A principal importancia dos cables que foron publicados até agora radica no que nos din sobre o liderado occidental. O que revelan é un profundo odio á democracia
Noam Chomsky

Que fai un goberno, do meu país, coa fiscalía xeral do estado, prometéndolle a un goberno estranxeiro que vai facer todo o posíbel para que non se investigue o que lle pasou a un cidadán español? Iso para min son relacións de república bananera fronte á metrópole.
Javier Couso, irmán de José Couso
‎
De velhas casas vazias, palácios abandonados, os pobres fizeram lares. Mas agora todos os dias, os polícias bem armados desocupam os andares. Para que servem essas casas, a não ser para o senhorio viver da especulação. Quem governa faz tábua rasa, mas lamenta com fastio a crise da habitação. E assim se faz Portugal, uns vão bem e outros mal
Fausto


«Cada vez que entramos nunha crise —dicía Oliveira nunha das múltiples conversas debulladas na xa esquecida Rayuela de Cortázar— é o absurdo total [...] A dialéctica só pode ordear os armarios nos momentos de calma. No punto culminante dunha crise procedemos sempre por impulso, ao revés do previsíbel, facendo a barbaridade máis inesperada.» Toda unha advertencia do flâneur arxentino-parisense a quen pense que asistindo á instalación do mundo no caos e no esboroamento de toda institución, sen que nin siquera teñamos pensadas cales serán as institucións alternativas, temos algo que gañar aqueles que pretendemos algún avance niso da xustiza social.

Tamén dicía Oliveira que nos momentos de crise hai unha «saturación de realidade» e que son estes momentos de crise os que provocan que a «realidade se precipite» e se «mostre con toda a súa forza». Un sentimento semellante a esa saturación de realidade puido sentir (polo menos eu sentino) quen, nos últimos meses, se tivese achegado ao que espallaban, a cachón, os distintos medios de comunicación sobre o que estaba sucedendo no mundo.

Foi, por certo, David Harvey quen falou do fenómeno de compresión do tempo e do espazo como produto da globalización capitalista e, o que isto escribe, non puido deixar de pensar no autor británico ao reflexionar sobre esa fervenza de información arredor de acontecementos mundiais de primeira magnitude que, coma as personaxes dun reloxio medieval centroeuropeo, ían aparecendo, unha tras outra, a cada pouco tempo.


Como a ausencia de tempo é algo vivido con cada vez maior literalidade polo mantedor deste blog, e ante a imposibilidade/incapacidade de ir analizando cada un dos acontecementos por separado, optei (hai que facer da necesidade virtude) por aproveitar a vantaxe que dá opinar sobre as cousas con certo retraso para relacionar acontecementos aparentemente inconexos nunha certa malla de sentido. Trátase, precisamente, de evitar caer na renuncia á dialéctica e na entrega aos impulsos irreflexivos dos que falaba Oliveira, impulsos que non poden conducir máis que ao «absurdo total».


Desde hai un bocado sigo de perto os artigos de Chris Hedges. Nalgúns dos máis recentes este estadounidense da mellor estirpe da esquerda dese país mantén dúas teses que son aplicábeis tamén á nosa realidade (o cal é indicativo do grao de homoxeneización experimentada polo mundo). Por unha banda fala do descabezamento intelectual da esquerda ianqui e, pola outra, e en directa relación coa anterior, da traición que a esquerda máis institucional vén practicando desde hai tempo ás súas bases. O decabezamento intelectual ven de lonxe e poderiamos dicir que o esquecemento da economía en favor das «cuestións culturais» levada a cabo pola academia nas últimas décadas non era máis que un epifenómeno diso. Porén, o peor das opinións posmodernas non consistía no que sostiñan, senón, en como o que dicían (e o que esquecían) se podía utilizar por parte dos que mandaban.


Malia teren xurdido voces en contra da admonición de Merkel contra o multiculturalismo (por exemplo Adrian Hamilton no artigo Multiculturalism needs defenders que publicaba o Independent británico) o certo é que o anuncio de defunción da ideoloxía multiculturalista por parte da presidenta alemá indica que xa estamos de cheo nunha época pos-posmoderna. Os poderosos abandonan a retórica do par democracia/libre mercado para se instalaren nun novo discurso autoritario no que prima o sálvese quen poida. Mentres Angela Merkel vestía de incomprensión cultural o que en realidade é desigualdade económica, os habitantes de La Cañada, o barrio máis pobre de Melilla, de maioría musulmá, mantiñan en xaque á policía durante nove horas —como se quixesen demostrar a hipocrisía do discurso culturalista cando do que falamos é de cartos— en protesta por non seren admitidos nas listas dos plans de emprego público. E é que era a fin do Estado do benestar e non a fin da amabilidade alemá co estranxeiro o que decretaba Merkel cando espetou que o multiculturalismo rematara.

Algo semellante podería dicirse da reacción de Sarkozy a unhas folgas xerais en Francia que conseguían paralizar as refinerías de petroleo e a distribución de combustíbel nas gasolineiras do país (estratexia esta da paralización das cidades que recorda á das guerras da auga e do gas na Bolivia pre-Evo). O diario El País recollía en titular as palabras do presidente francés, un presidente que faría caso omiso á vontade de millóns de folguistas e manifestantes e non movería unha coma da súa lei que retrasaba a idade de xubilación: «Ninguén ten dereito a tomar como refén á economía dun país». Como se esa abstracción chamada economía fose, en realidade, unha anciá desvalida e maltratada por enérgumenos salvaxes. Tamén o diario de PRISA, apenas catro días despois de que Sarkozy falase, e se cadra para calmar os ánimos antes da folga xeral anunciada en España, asumía a redución dos dereitos das persoas a eventualidades aplicábeis só en función do que precisase a economía titulando unha crónica deste xeito: «Tres refinerías votan voltar ao traballo. A protesta contra o retraso da idade de xubilación costa entre 200 e 400 millóns de euros diarios». Igual que no caso de Merkel o que se insinuaba admitía unha lectura máis profunda do que podería parecer: a idea é deixar caer coma fino orballo a necesidade de cuestionar o dereito á folga en según que casos, paso primeiro, obviamente, para cuestionalo en todos. Idéntica función de globos sonda e mensaxes subliminais cumprirían declaracións como as de Felipe González (ese personaxe que segundo as certeiras palabras de Miguel Romero pretende construír «unha imaxe de líder de grandeza shakespereana», cando non pasa de «personaxe de thriller») dando a benvida a unha nova reforma laboral e o seu chamado ao patriotismo (afastémonos sempre dos que claman polo patriotismo en tempos de escasez económica porque eses serán os primeiros en nos estafar), ou o editorial, tamén de El País, denunciando o desbalde de cartos que supón a existencia de televisións públicas autonómicas (esquecendo completamente a función que estas cumpren, ou deberían cumprir, naquelas autonomías con lingua propia e esquecendo tamén que foi o «café para todos» imposto na Transición o que provocou esta proliferación de chiringuitos autonómicos).

Pero se hai algo que deixou definitivamente en coiros a iso que chamamos estados democráticos o foi as últimas revelacións de Wikileaks. Novamente puidemos ler nos xornais de referencia do sistema mediático mundial o que en verdade todos sabiamos: España non existe, Portugal non existe, Francia non existe, nin siquera existen os EEUU. Como en Os amantes de Pont-Neuf, aquel belo filme de Leos Carax capaz de facernos crer que Juliette Binoche deambulaba polo Sena parisense cando en realidade o facía por un inmenso decorado montado na Camargue provenzá, ou como na noveliña de Italo Calvino O cavaleiro inexistente, na que descubriamos que debaixo da armadura daquela melancólica personaxe non había nada máis que baleiro, costa xa desfacerse da desacougante sensación de que finalmente Matrix non se pode considerar unha distopía futurista senón unha descrición bastante realista da política contemporánea. Neste baile de máscaras o único que existe é o Poder, o dunha élite que dicta ao resto como deben ser as cousas. Velaquí a novidade deste tempo: ler nos medios mainstream o que xente coma Chomsky leva anos denunciando nos medios alternativos, «o que dicimos faise».

A cantidade de literatura arredor do tema Tea Party, especialmente co gallo das eleccións ao senado estadounidense, é inabarcábel. Mais entre as conclusións máis frecuentes extraídas a raíz dun fenómeno que non ha tardar en ter o seu reflexo noutros puntos do planeta, destacaban aquelas que ven nel a proba do desgaste das institucións, da desconfianza cara os políticos, do repregamento en esencias do pasado ante un presente ameazante, do auxe dun novo/vello tipo de fascismo antiintelectual e populista e —sobre todo sostido por voces como a dos xa citados Noam Chomsky ou Chris Hedges— a proba do esfarelamento dunha esquerda que ve como as súas bases son organizadas e lideradas por demagogos e histéricos showmen da radio e da televisión. Esta facilidade da estrema dereita para enmarcar os acontecementos e para difundir eses marcos ideolóxicos sen case capacidade de resistencia por parte do exiguo entramado organizativo da esquerda debería pornos en alerta nun momento histórico coma o actual en que asistimos á quebra de países como Grecia ou Irlanda, países nos que o FMI está a gobernar directamente ao máis puro estilo da Arxentina dos noventa.

Se desde hai tempo todos intuiamos que nestas nosas democracias era pouco o que decidiamos, a crise económica está deixando ao emperador (nunca mellor dito) tan nu que xa ninguén pode negar que a soberanía nacional morreu. Como se de pronto deixasen de funcionar todos os resortes que a sociedade do espectáculo debordiá creara para evitar que fitásemos á besta directamente aos ollos (que vísemos, como o Kurtz de Apocalipse Now, o horror), calquera que estea minimamente atento ao que sucede no mundo puido percibir con inusual nitidez, durante as últimas semanas, como detrás dos flashes, dos discursos grandilocuentes e das grandes bandeiras de cores non hai máis que capitais sen pátria (o «capitalismo máxico financeiro» do que falaba Xavier Vence), correndo dun lugar a outro do mundo e causando estragos, como os que causaban os Catro Xinetes de San Xoán, alá por onde galopan.

Non son poucas as análises que ven a Portugal como o próximo candidato a ser intervido polo FMI e a España como o seguinte na lista. Nouriel Roubini, o economista turco que se fixo popular por ser o único que previu a crise financeira do 2008, así o aseguraba recentemente. Por iso deberiamos ser conscientes da implicación que pode ter o feito de que os seudosocialistas que seudogobernan decretasen o estado de alarma como resposta á folga do controladores aéreos. Independentemente do que pensemos dese colectivo a ninguén se lle pode escapar que a decisión do executivo é digna de segundas lecturas. Nun contexto como o actual, no que vemos ao outrora «esquerdista» Zapatero aplicar (xusto despois de se reunir, coa carencia de escrúpulo e vergonza habitual nestes tempos, cos oligarcas do reino) políticas moi duras coas clases populares (velaí o seu recorte á axuda aos parados) e moi xenerosas coas clases empresarias (velaí a conxelación do imposto de sociedades, ou as privatizacións anunciadas en novos sectores) non parece moi tolo sospeitar que o recordatorio da existencia da lei marcial a través da declaración do estado de alarma aproveitase a impopularidade xeralizada dese gremio para enviar unha mensaxe ao conxunto da poboación e ás posíbeis novas protestas que se produzan no seu seo.

En medio deste panorama desolador necesitamos albiscar con optimismo as mobilizacións dos cidadáns irlandeses ante a ignominia do resgate do FMI, ou o feito de que Islandia, unha das primeiras vítimas europeas do capitalismo de casino, foi quen de elixir un parlamento de esquerdas para xestionar a crise sen caer, como por exemplo Cataluña, na dereitización (ou, como media Europa e EEUU, no proto-fascismo). Tamén é de saúdar a extraordinaria resposta da sociedade francesa ao ataque do goberno ao Estado do benestar, así como o éxito (relativo) da folga xeral española e portuguesa. Non cabe dúbida de que ler, nada menos que nun artigo do New York Times, o termo guerra de clases empregado como concepto acaído para describir o que está a suceder é ben indicativo de que o que a vella literatura marxista chamaba condicións obxectivas está a ter lugar no presente. Agora ben, se algo se demostrou no pasado é que a historia non é determinista e, o que é aínda peor, que case que sempre as condicións obxectivas traballaron e traballan máis eficazmente para o fascismo que para a revolución.

En todo caso, son esperanzadoras as mobilizacións dos estudantes ingleses ante os recortes educativos do tandem Clegg-Cameron (o espello no que Rajoy se mira agora que xa non está ben visto mirarse en Irlanda), a dos propios estudantes franceses durante as folgas do seu país ou a mobilización dos estudantes italianos ante a privatización do sistema educativo. É necesario que a xente máis nova tome consciencia do intre histórico no que nos atopamos. Se como moitos afirman por vez primeira en moito tempo as novas xeracións europeas vivirán no futuro peor que os seus pais, esas mesmas novas xeracións europeas (e non me refiro unicamente aos que están en idade universitaria) teñen a obriga de saír á rúa a defender os seus dereitos. De non facelo, de non aplicar o lema das protestas italianas cogito ergo protesto, veranse obrigados a almorzar, xantar e cear os refugallos que teña a ben deixarlles o arcano das razóns económicas mentres comproban como o seu nivel de vida descende, como as súas condicións de traballo empeoran e como os seus dereitos como cidadáns, eses que tanto custou gañar ás xeracións anteriores, desaparecen. E con eles a democracia.