18/10/2011

PP e PSOE OUTRA VEZ XUNTOS NA REDUCIÓN DO NÚMERO DE DEPUTADOS

Tirado de Chantada Nova (aquí). Tanto o PP (aquí) como o PSOE (aquí) coinciden na medida com absoluta falta de vergoña na cara e nunha versión moderna da queima do Reichstag polos nazis.

A súa proposta de reducir o número de deputados é profundamente antidemocrática e demagóxica, utilizando a coartada da falsa austeridade.

Eses mesmos partidos que propoñen reducir o número de deputados votaron no Parlamento galego contra unha iniciativa do BNG en favor da eliminación das Deputacións. Ou que decir do plus de altoscargos, que acaba de anunciar o goberno do PP que vai manter nos vindeiros orzamentos.

Eses mesmos partidos están en contra de reducir o gasto militar ou eliminar ministerios que solapan competencias autonómicas. E, por suposto, en contra de eliminar as axudas á Igrexa católica.

A chave para a democratización do Parlamento non está, claro é,na redución do número dos deputados, senón na reforma da lei eleitoral, de maneira que esta sexa verdadeiramente proporcional e que teña a comunidade autónoma como circunscrición e non a provincia.

Esa reforma sería a que convertería o Parlamento nunha Cámara fielmente representativa da vontade popular, o que está lonxe de acontecer agora. O bipartidismo non é unha maldición bíblica: é o produto de leis cuxa aplicación (ao sobrerrepresentar aos partidos hexemónicos) non permite reflectir acaidamente a vontade dos cidadáns.

Unha fórmula de aforro para os que predican a austeridade é a desaparición de propaganda electoral subvencionada e máis presenza nos espazos informativos de todas as forzas políticas que concorren ás eleccións.

Para a calidade da democracia non abonda con votar poder votar cada certo tempo, “é necesario promover novas formas de participación” na relación das institucións políticas cos cidadáns.

Nenhum comentário: