25/10/2011

A represión franquista deixou en Lugo 8.306 posíbeis vítimas entre 1936-1940

Nova tirada de aquí. Adaptacíón de noso.

Un total de 8.306 persoas foron posíbeis vítimas da represión franquista entre 1936 e 1940 na provincia e Lugo, segundo o resultado da investigación realizada pola historiadora María Jesús Souto Blanco, que desde onte se pode consultar na web do Concello de Lugo.

Desa cifra, existe confirmación ou certeza elevada de represión en 600 casos, xa que está confirmada por varias fontes. No resto dos expedientes, o grao de certeza é variábel, en función da información achada.

Souto Blanco é doutora e investigadora en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago -imparte clase no campus de Lugo- e empezou a estudar a represión franquista a finais dos oitenta para a súa tese doutoral, que presentou en 1997 e foi pioneira. A profesora centrouse nas vítimas da represión na provincia de Lugo, fosen ou non naturais da provincia. Non figuran, xa que logo, lucenses que foron perseguidos noutros lugares.

A recollida de datos incluíu consultas hemerográficas; penais; gubernativas (rexistro de asociacións, documentos de corporacións...); xudiciais (sumarios militares, expedientes de responsabilidades civís e políticas...); sanitarias e o rexistro civil de defuncións, entre outras fontes.

Tras o dificultoso labor de recollida, sen fotocopiadoras nin cámaras dixitais, explicou, chegou a fase de cotejo, para diferenciar os detidos políticos dos comúns, un traballo moi complicado nalgúns casos e que foi a causa da demora na publicación de todo o material.

As vítimas figuran por orde alfabética na web municipal e cada unha vai acompañada dunha ficha con toda a información recollida sobre esa persoa. O grao de certeza deses datos é variábel, xa que Souto Blanco atopouse con moitas manipulacións, como mortes provocadas que figuran como accidentes ou naturais, e eufemismos, como hemorraxia por traumatismo no canto de disparo por arma de fogo. Por esta razón, a investigadora pide a colaboración de calquera cidadán que detecte erros ou deficiencias ou que teña información adicional.

Especialmente difícil foi a investigación da represión ás mulleres, xa que eran as que máis persecución extraoficial sufrían. «Probablemente era autorizada, pero non explicitamente», explica Souto, que só achou unha execución feminina recoñecida, a de Consolo Alonso, en Monforte. A investigadora decidiu pór toda a información recompilada a disposición dos cidadáns «porque é a miña obriga como cidadá e como historiadora», afirmou.

Na listaxe elaborada por Souto Blanco figuran 246 veciños do concello de Lugo e vítimas de numerosas provincias españolas e de once países: Cuba, Portugal, Arxentina, Alemaña, Porto Rico, Bélxica, Estados Unidos, Uruguai, Alxeria, Checoslovaquia, Francia, Palestina e Polonia. En 340 casos, a orixe é descoñecido.

Nenhum comentário: